La Esfera foi unha revista ilustrada editada na cidade española de Madrid dende 1914 ata 1931.

Historia O seu primeiro número foi publicado o 3 de xaneiro de 1914. Dirixida durante os seus dezasete anos de traxectoria polo malagueño Francisco Verdugo Landi, foi editada polo grupo Prensa Gráfica, ao que tamén pertenceron as revistas Mundo Gráfico, Nuevo Mundo e Por esos Mundos, chegando a empresa a acaparar o mercado.

Sufriu a Primeira guerra mundial, a causa do encarecemento do prezo do papel, co que se viu obrigada a aumentar o custo da revista. O último número de La Esfera publicouse o 17 de xaneiro de 1931, coincidindo co cambio de goberno do xeneral Dámaso Berenguer por Juan Bautista Aznar-Cabañas, próximo á proclamación da Segunda República Española.

Tratábase dunha revista cara, cualificada mesmo como «de luxo»: os seus primeiros números custaban 50 céntimos de peseta, que pasarían a ser 60 no ano 1917 para finalmente terminar vendéndose ao prezo dunha peseta a partir de 1920. A revista contaba con excelentes ilustracións e gravados e unha gran calidade de impresión.

A publicación mexicana Novedades chegou a describir a La Esfera da seguinte maneira: «Este semanario figura á cabeza das publicacións gráficas de España e da América latina. É unha verdadeira marabilla artística, non superada por ningún dos máis fermosos xornais do mundo», segundo Jean-Michel Desvois sería «sen dúbida a mellor revista publicada en España, aínda que o seu prezo exorbitante».

Colaboradores miniatura|Foto dunha escultura de Madariaga, publicada en La Esfera. A revista contou con textos elaborados por autores como Miguel de Unamuno, Ramiro de Maeztu, Jacinto Benavente, Emilia Pardo Bazán, Ramón Pérez de Ayala, Alberto Insúa, Dionisio Pérez, José Francos Rodríguez, José Francés ou José María Carretero Novillo.

Entre o grupo de ilustradores contou con colaboracións de Salvador Bartolozzi, Isidro Fernández Fuentes «Gamonal», Ricardo Marín, Ricardo Verdugo Landi, Federico Ribas, Máximo Ramos, Rafael de Penagos, Enrique Estévez Ochoa ou Manuel Bujados.

Na parte fotográfica participaron Christian Franzen, Antonio Cánovas del Castillo «Kaulak», Eduardo Vilaseca, José Luís Demaría López «Campúa», Alfonso Sánchez García «Alfonso», Salazar, Louis Hugelmann, Charles Trampus, Eduardo Rodríguez Cabezas «Dubois», Federico Ballell, Alejandro Merletti, Adolf Mais Ginestà, Manuel Asenjo, Venancio Gombau (1861-1929), Antonio García (1835-1918), Diego Pérez Romeu, José Pan Alberto «Panelberto» ou dous dos irmáns Calvache: Diego —finado en 1919— e Antonio.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Revistas españolas do século XX Categoría:Revistas editadas en Madrid