Iolanda de Flandres, nada en 1175 e finada en 1219, foi unha nobre que gobernou o Imperio Latino en Constantinopla en nome do seu esposo Pedro II de Courtenay desde 1217 a 1219. Foi filla de Balduíno V de Hainaut e de Margarida I de Flandres.

Traxectoria Era a terceira filla de Balduíno V, conde de Hainaut e marqués de Namur, e de Margarida de Alsacia, condesa de Flandres. Dous dos seus irmáns, Balduíno e Henrique, foron emperadores en Constantinopla. Tras a morte do último en 1216, entrouse nun breve período de tempo sen emperador antes de que Pedro resultase elixido. Pedro enviou a Iolanda a Constantinopla mentres loitaba contra o Despotado de Epiro, loita na que Pedro foi capturado.

Ao descoñecer que pasara co seu esposo, probabelmente morto, Iolanda gobernou como rexente. Aliouse cos búlgaros contra diversos estados bizantinos e foi capaz de establecer a paz con Teodoro I Láscaris do Imperio de Nicea, que casou coa súa filla. Con todo, Iolanda morreu en 1219.

Sucedeuna no trono o seu segundo fillo, Roberto de Courtenay, xa que o seu fillo máis vello non desexaba o trono. Ao atoparse Roberto en Francia nese momento, tecnicamente non houbo emperador até a súa chegada en 1221.

Descendencia Do seu matrimonio con Pedro II de Courtenay naceron 12 fillos:

Margarida, marquesa de Namur. Filipe, marqués de Namur, que declinou o trono do Imperio Latino. Sibila, monxa. Isabel, casada primeiro con Walter, conde de Bar e logo con Odón de Borgoña, señor de Montaigu. Iolanda, casada con André II, rei de Hungría. Roberto de Courtenay, emperador latino de Constantinopla. Inés, casada con Godofredo II de Villehardouin, príncipe de Acaia. María, casada con Teodoro I Láscaris, emperador de Nicea. Henrique, marqués de Namur, tamén declinou a coroa do Imperio Latino. Leonor, casada con Filipe de Montfort, señor de Castres, da Ferté-Alais e de Bréthencourt. Constanza, monxa. Balduíno, último emperador latino de Constantinopla.

Véxase tamén Bibliografía Donald M. Nicol, The Last Centuries of Byzantium, 1261-1453, (Cambridge University Press, 2002), 12.

Categoría:Finados en 1219 Categoría:Nados en 1175 Categoría:Emperatrices do Imperio Latino