Xoán de Brienne (en francés: Jean de Brienne, grego: Ιωάννης της Βρυέννης trans. Io̱ánni̱s ti̱s Vryénni̱s), nado aprox. en 1169/74 e finado en Constantinopla, Imperio latino de Constantinopla (actual Istanbul, Turquía), o 23 de marzo de 1237, foi rei de Xerusalén desde 1210 até 1225, logo emperador latino de Constantinopla desde 1229 até 1237.
Traxectoria Foi o benxamín dos vástagos de Érard II, conde de Brienne, e Inés de Montfaucon ou Montbéliard. Pasou a maior parte da súa vida como un nobre de menor importancia até facer amizade co rei Filipe II Augusto de Francia, quen fixo os arranxos para que casase con María de Montferrato, a raíña do Estado cruzado de Xerusalén, en 1210. Xoán chegou á cidade palestina de Acre o 13 de setembro de 1210, casou con María ao día seguinte, e foi coroado en Tiro o 3 de outubro. María morreu en 1212, e Xoán foi nomeado rexente da súa pequena filla, Iolanda de Brienne, que herdou a coroa como Isabel II. En 1214 Xoán casou coa princesa Estefanía de Armenia, filla do rei armenio León II, e tivo un fillo con ela.
Como rexente, Xoán arranxou unha tregua de cinco anos con Al-Adil I, sultán de Exipto e Siria, en xullo de 1212. Durante a tregua, persuadiu ao papa Inocencio III para pór en marcha a Quinta Cruzada en apoio do reino da súa filla. En 1218 uniuse ás forzas cruzadas de Occidente nunha expedición contra o porto exipcio de Damieta. Despois dunha disputa cun dos xefes da cruzada, o legado papal Pelagio Galvani, Xoán partiu de Exipto en febreiro de 1220, onde regresou en xullo de 1221 ao presenciar a humillante derrota dos cruzados e o abandono do sitio de Damieta.
Estefanía morreu en 1219; Xoán logo casou con Berenguela, filla de Berenguela de Castela, e en 1225 deu á súa filla Isabel en matrimonio ao emperador do Sacro Imperio Frederico II, tratando de conservar os seus dereitos como rexente do reino de Xerusalén. Inmediatamente despois do matrimonio, con todo, Frederico comezou a oporse a estes dereitos.
En 1228 Xoán foi convidado a Constantinopla para ser rexente e coemperador co mozo Balduíno II e organizou un matrimonio entre este e a súa pequena filla María. Coroado en 1231, Xoán axudou a repeler os ataques do tsar búlgaro Iván Asen II e do emperador de Nicea Xoán III Ducas Vatatzés, pero pouco antes da súa morte viuse obrigado a solicitar o auxilio de Occidente.
Mocidade Xoán era o menor dos catro fillos varóns de Erard II, conde de Brienne, e Agnes de Montfaucon. En 1231, Xurxo Acropolita, que por entón contaba catorce anos, escribiu que lle parecía «extremadamente vello... duns oitenta anos»Xurxo Acropolita: The History (ch. 27.), p. 184.; se o cálculo de Acropolita era correcto, Xoán naceu ao redor do 1150. . Con todo, non existen outros autores do século XIII que describan a Xoán como ancián. O pai deste describía aos irmáns de Xoán como «nenos» no 1177 e menciona ao titor do irmán máis vello de Xoán, Gualterio III, en 1184; isto suxire que os irmáns de Xoán naceron a finais da década de 1160. Os historiadores modernos concordan en que Xoán debeu de nacer despois do 1168, probabelmente na década de 1170.
A pesar de que o seu pai o destinou á carreira eclesiástica, segundo os Contos do xograr de Reims de finais do século XIII, Xoán era remiso a seguila. Para evitalo, segundo o xograr, Xoán fuxiu da casa e refuxiouse co seu tío materno na abadía de Claraval. Animado polos seus pares, fíxose armar cabaleiro e forxouse boa reputación en torneos e lides. Aínda que algunhas pasaxes dos Contos do xograr de Reims parecen inventados (verbigracia, Xoán non tiña ningún tío materno en Claraval), o historiador Guy Perry afirmou que si que pode ter recolleito detalles verídicos da vida de Xoán. A carreira eclesiástica era habitual para os segundoxénitos das familias nobres da Francia do século XII; aínda así, se o seu pai chegou a enviar a Xoán a un mosteiro, este o abandonou antes de alcanzar a idade necesaria para realizar os votos. Xoán con seguridade desenvolveu a forza necesaria para ser un bo guerreiro, xa que tanto Acropolita como Salimbene di Adam, autores contemporáneos, resaltan o seu robustez.
Erard II uniuse á terceira cruzada e morreu en Terra Santa no 1191. O seu primoxénito, Gualterio III, sucedeuno como señor de Brienne. Xoán aparece nos documentos por primeira vez en 1192 ou 1194, nun texto do seu irmán, o que proba que era unha figura destacada na corte de Gualterio. Segundo unha versión da crónica de Ernoul, Xoán participou nunha guerra que o señorío librou contra Pedro II de Courtenay. A pesar de que os Contos do xograr de Reims afirman que lle chamaban Xoán Sen Terra, segundo os documentos contemporáneos, cara ao 1200 pertencíanlle as aldeas de Jessains, Onjon, Trannes e outros dous do Condado de Champaña. En 1201, Teobaldo III concedeulle novas propiedades en Mâcon, Longsols e noutros lugares. Tras a morte de Teobaldo, a súa viúva, Branca de Navarra, persuadiu a Xoán para que vendese as súas terras en Mâcon, afirmando que pertencían ao seu dote.
Gualterio III de Brienne faleceu en xuño de 1205 mentres loitaba na Italia meridional. A súa viúva, Elvira de Sicilia, deu a luz un fillo póstumo, Gualterio IV, que se criou en Italia. Xoán obtivo o título de conde de Brienne, e empezou a administrar o condado en nome do seu sobriño no 1205 ou 1206. Como vasalo principal do conde de Champaña, visitaba con frecuencia a corte de Branca de Navarra (que gobernaba o condado durante a minoría do seu fillo). Segundo unha versión da crónica de Ernoul, Branca amou a Xoán «máis que a calquera outro home no mundo», o que molestou ao rei Filipe II de Francia.
As dúas versións da crónica de Ernoul difiren sobre o ascenso de Xoán ao trono de Xerusalén. Segundo unha delas, os señores principais de Xerusalén enviaron emisarios a Francia no 1208 para solicitar a Filipe II que escollese a un nobre francés para desposar a raíña María. Aproveitando a oportunidade de se librar de Xoán, o rei elixiuno. Segundo a outra versión da crónica, un cabaleiro cuxo nome non se menciona encareceu aos señores xerosolimitanos a escoller a Xoán como soberano; este aceptou o ofrecemento tras recibir o beneplácito de Filipe. Xoán visitou o papa Inocencio III en Roma. Este entregoulle corenta mil marcos para que os empregase na defensa de Terra Santa, aínda que indicou como condición que non podería dispor deles sen contar co consentimento do patriarca latino de Xerusalén e dos grandes maestres do Temple e do Hospital.
Rei de Xerusalén Rei consorte dereita|miniatura|Coroación de María de Montferrato e Xoán de Brienne como soberanos do reino de Xerusalén. dereita|miniatura|O Reino de Xerusalén e os demais estados cruzados a principios do século XIII. Xoán desembarcou en Acre o 13 de setembro de 1210; ao día seguinte, o patriarca de Xerusalén Alberte de Vercelli casouno coa raíña María. Os dous foron coroados en Tiro o 3 de outubro. A tregua pactada por Aimerico, rei de Xerusalén, e o sultán aiubí Al-Adil concluíra para cando Xoán chegou a Terra Santa. Aínda que Al-Adil estaba disposto a renovala, os nobres xerosolimitanos non quixeron asinar un novo tratado sen o consentimento de Xoán. Por iso, durante a coroación de Xoán e María, Al-Mu'azzam Isa, fillo de Al-Adil, correu as terras de Acre, pero sen atacar a cidade. Tras regresar a Acre, Xoán saqueou varias poboacións musulmás como represalia pola correría aiubí.
A pesar de que aproximadamente trescentos cabaleiros franceses o acompañaron a Terra Santa, ningún nobre destacado o fixo; os principais aristócratas franceses preferiron participar na cruzada contra os albixenses ou simplemente non o consideraron suficientemente importante como para formar parte do seu séquito O curmán de Xoán, Gualterio de Montbéliard, uníuselle tan só despois de que o expulsasen de Chipre Montbéliard dirixiu unha expedición naval a Exipto para saquear o delta do Nilo. Despois de que a maioría dos cruzados franceses abandonaron Terra Santa, Xoán asinou unha nova tregua con Al-Adil a mediados do 1211 e enviou emisarios ao papa Inocencio para solicitar que predicase unha cruzada nova.
Conflitos María morreu pouco despois de parir á súa filla Isabella, a finais do 1212. A súa morte desencadeou unha disputa legal, xa que Xoán de Ibelín (que administrara o reino até a coroación de Xoán) puxo en cuestión o dereito do rei viúvo a gobernar. Este enviou a Raúl de Merencourt, bispo de Sidón, a Roma para obter a axuda da Santa Sé. O papa confirmou que Xoán era o señor lexítimo de Terra Santa a comezos de 1213, e instou os prelados a apoialo con sancións eclesiásticas se resultaba necesario. A maioría dos señores feudais xerosolimitanos permaneceron leais ao rei e admitiron o seu dereito a administrar o reino en nome da súa filla; Pola súa banda, Xoán de Ibelín abandonou Terra Santa e instalouse en Chipre[.
As relacións entre Xoán de Brienne e Hugo I de Chipre eran tirantes. Este ordenou o encarceramento dos seguidores de Xoán no seu reino, e só os liberou cando llo ordenou o papa Inocencio. Durante a guerra de sucesión antioqueña, Xoán tomou partido por Bohemundo IV e os templarios contra Raimond Roupen e León I, rei da Cilicia armenia, a quen sostiveron Hugo e os hospitalarios. Aínda así, Xoán enviou só cincuenta cabaleiros para loitar contra os armenios en Antioquía no 1213. León I concluíu un tratado de paz cos templarios ese mesmo ano, e reconciliouse con Xoán. Este desposou á filla primoxénita de León, Estefanía de Armenia (tamén coñecida como Rita), en 1214 e esta recibiu un dote de trinta mil besantes. As disputas entre Xoán, León, Hugo e Bohemundo están documentadas nas cartas do papa nas que os insta a se reconciliaren antes de que a quinta cruzada alcanzase Terra Santa.
A quinta cruzada O papa Inocencio proclamou a quinta cruzada no 1213, co obxectivo principal de «liberar» Terra Santa (reconquistar Xerusalén). As primeiras tropas cruzadas, mandadas por Leopoldo VI de Austria, arribaron a Acre a principios de setembro de 1217. André II de Hungría e o seu exército seguíronas ese mesmo mes, e Hugo I de Chipre e Bohemundo IV de Antioquía pronto se uniron a eles. Aínda así, centenares de cruzados pronto volveron a Europa debido á fame negra que se desatou pola mala colleita do ano anterior. Celebrouse un consello de guerra na tenda de André II, que se consideraba xefe do exército cruzado. Con todo, outros dirixentes, particularmente Xoán, non recoñecían a autoridade do rei húngaro. Os cruzados saquearon os arredores, terras de Al-Adil I, para obter víveres e forraxe, e obrigaron ao sultán a retroceder en novembro de 1217. En decembro Xoán asediou a fortaleza aiubí do monte Tabor, coa soa colaboración de Bohemundo IV. O asedio fracasou, o que, segundo o coetáneo Jacques de Vitry, «animou ao infiel». alt=Illumination of soldiers firing arrows from a boat|esquerda|miniatura|Cruzados frisios atacan unha torre próxima a Damieta durante a quinta cruzada (ilustración da Chronica Majora de Mateu de París, século XIII). André II decidiu regresar ao seu reino; Hugo I e Bohemundo IV fixeron o propio e os tres abandonaron a cruzada a comezos de 1218. A súa partida marcou o fin das ofensivas e o resto de cruzados dedicáronse a restaurar as fortificacións de Cesarea e Atlit. Cando chegaron novas forzas desde o Sacro Imperio Romano Xermánico en abril, decidiuse invadir Exipto. Os señores elixiron a Xoán xefe da campaña e acordaron entregarlle as terras que se conquistasen. Porén, a súa autoridade era principalmente nominal, xa que de cando en cando logrou impola a un exército composto por tropas de tan diversas orixes.
Os cruzados cercaron Damieta, situada na beira do Nilo, en maio de 1218. A pesar de que se apoderaron dunha torre estratéxica situada nunha illa próxima o 24 de agosto, Al-Kamil (que sucedera a Al-Adil I en Exipto) controlaba o tráfico do gran río. En setembro chegaron reforzos de Italia, ao mando do enviado do papa Honorio III, o cardeal legado Pelagio, que se arrogou o mando da cruzada.