Para a lingua xermánica orixinaria de Escocia, véxase scots. miniatura|Mapas bilingües en gaélico e inglés. O escocés ou gaélico escocés (gàidhlig) é unha lingua céltica falada hoxe en día nalgunhas illas de Escocia e tamén no norte do país; fálana só 70.000 persoas aínda que en tempos tivo unha extensión moito maior polo territorio da actual Escocia. Recentemente fixéronse intentos por recuperala e mesmo se declarou a súa cooficialidade co inglés nalgunhas administracións locais. O escocés está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.

O gaélico escocés é membro da rama goidélica das linguas celtas, que inclúe tamén as variantes de Irlanda e de Manx. Provén do irlandés antigo, xa que chegou desde Irlanda a Escocia a partir do século IV.

Historia O gaélico escocés é unha das linguas tradicionais dos escoceses e a lingua histórica da maior parte de Escocia. Non está claro desde cando se fala gaélico en Escocia. Aínda que hai quen afirma que se falaba en Argyll antes da chegada dos romanos, parece que a data máis segura é o século IV, co reino de Dál Riata, que uniu a antiga provincia do Ulster, no norte de Irlanda, co oeste de Escocia, acelerando así a expansión do gaélico, ao que tamén contribuíu o establecemento da igrexa gaélico-falante. A toponimia parece indicar que o gaélico xa se falaba no século V.

Esta lingua acabou por desprazar a dos pictos ao norte do río Forth e, até finais do século XV, coñecíase en inglés como Scottis. O seu declinio comezou no continente a comezos do século XIII; dous séculos máis tarde existía xa a divisoria Terra Alta/Terra Baixa.

A comezos do século XVI, os falantes de Inglis chamábanlle ao gaélico Erse, isto é, irlandés, pasando a ser Scottis a colección de dialectos de inglés medio falados no reino da Escocia, e de aí o moderno scots. Porén, o gaélico ocupa aínda un lugar especial na cultura escocesa e non foi nunca desprazado totalmente da súa consideración como lingua nacional. Moitos escoceses, fáleno ou non, consideran que fai parte fundamental da súa cultura nacional, se ben tamén hai quen o considera unha mera lingua rexional das Terras Altas e das illas.

O gaélico conta cunha tradición oral (beul aithris) e escrita moi ricas, tendo sido a lingua da cultura bárdica dos clans da Terra Alta durante varios séculos. A lingua preservou o acervo e adhesión a leis e costumes pre-feudais (como se ve, por exemplo, no uso das expresións tuatha e dùthchas). Sufriu especialmente coas persecucións padecidas polos habitantes das terras altas a seguir a Batalla de Culloden en 1746 e durante os Desaloxos das Highlands. Certas actitudes pre-feudais aínda se ven nas queixas e reclamacións da Liga Agraria das Highlands de finais do século XIX.

É posíbel distinguir entre gaélico da Terra Alta, que correspondería co que se coñece como gaélico escocés e gaélico da Terra Baixa, agora extinto. Este último falábase no sur de Escocia antes da introdución do scots da Terra Baixa. Porén, non hai probas da existencia dunha fronteira lingüística entre o norte e o sur, como tampouco entre Argyll e Galloway. Os dialectos nas dúas marxes do Estreito de Moyle, que ligaban o gaélico escocés co irlandés, tamén están extintos hoxe en día.

Distribución actual en Escocia miniatura|Distribución xeográfica dos gaélico-falantes en Escocia (2001). Segundo o censo do Reino Unido de 2001, hai preto de 60.000 falantes de gaélico en Escocia (1,2% da poboación de máis de tres anos). Comparado co de 1991, diminuíron en máis de 7.300 (11% do total), o que mostra que o declive do gaélico en Escocia continúa.

Xa non hai parroquia en Escocia cunha proporción de gaélico-falantes superior ao 75%; as que máis se aproximan son Barvas e Lewis e Harris. Ningunha parroquia do continente conta cunha proporción superior ao 25%; os valores máis altos atópanse en Lochalsh, na Terra Alta, co 20,8%.

O bastión da lingua continúan a ser as Illas Occidentais (Na h-Eileanan Siar), onde a proporción supera o 60% e todas as parroquias o 50%. Hai máis do 20% en todas as illas de Skye, Raasay, Tiree, Islay e Colonsay.

Porén, a importancia do gaélico en Escocia vese moi reducida. Dun dotal de 900 parroquias: Só 9 superan o 50% de gaélico-falantes. Só 20 superan o 25%. Só 39 superan o 10%.

Ortografía O alfabeto moderno do gaélico escocés ten dezaoito letras: A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, R, S, T, U

O letra h, utilizada agora sobre todo para indicar a lenición dunha consoante, non se empregaba na ortografía antiga, xa que a lenición se indicaba cun punto sobre a consoante. As letras do alfabeto recibían nomes tradicionais segundo árbores: ailm (olmo), beith (bidueiro), coll (abeleira), dair (carballo) etc., aínda que xa non se fai así.

A calidade das consoantes indícase en parte coas vogais que as arrodean. As vogais clasifícanse como caol ("delgadas", ou sexa, e e i) ou leathann ("anchas", ou sexa, a, o e u). A regra ortográfica é caol ri caol is leathann ri leathann ("delgada a delgada e ancha a ancha"). As consoantes delgadas palatalízanse, en canto que as anchas velarízanse. Debido a esta regra ortográfica, un grupo consonántico interior débese rodear de vogais da mesma calidade para indicar a súa pronuncia sen ambigüidade, dado que algunhas consoantes mudan a súa pronuncia dependendo de se rodean con vogais anchas ou delgadas. Por exemplo, o t de slàinte ([slaːntʃə]) co t de bàta ([paːtə]). Esta regra non afecta a pronuncia das vogais. Por exemplo, os plurais en gaélico fórmanse habitualmente co sufixo an: bròg, [proːk] ("zapato")/brògan, [proːkən] (zapatos). Mais, debido á regra ortográfico, o sufixo escríbese -ean (aínda que pronunciado igual) após unha consoante delgada, como en taigh, [tʰɤj] ("casa")/taighean, [tʰɤjən] ("casas").

A partir de 1976, a Comisión de Exames de Escocia introduciu determinadas modificacións a esta regra. Por exemplo, o sufixo do participio de pasado sempre se escribe -te, mesmo após unha consoante ancha, como en togte ("elevado"), e non o tradicional togta. Cando coinciden pares de vogais, non sempre está claro que vogal se debe pronunciar e cal se introduciu para satisfacer esta regra ortográfica.

As vogais acentuadas omitidas na fala tamén se poden omitir na escrita informal. Por exemplo: Tha mi an dòchas ("Espero") > Tha mi 'n dòchas

Unha vez aprendidas as regras ortográficas, a pronuncia dos textos escritos resulta bastante predicíbel.

Pronunciación miniatura|Rótulos bilingües nun supermercado en Portree. A maioría das letras pronúnciase de maneira semellante a outras linguas europeas. As consoantes anchas t e d e, con frecuencia, n teñen unha articulación dental (como en irlandés e as linguas románicas e eslavas, en contraste coa articulación alveolar típica do inglés e outras linguas xermánicas. O r non palatal é unha vibración alveolar, como o rr do galego.

As consoantes oclusivas "sonoras" b, d, g non o son nin gaélico, senón máis ben non aspiradas xordas. As oclusivas "xordas" p, t, c son xordas e pronúncianse cunha aspiración forte (postaspiradas en posición inicial, preaspiradas en posición medial ou final). O gaélico comparte esta propiedade co islandés. Nalgúns dialectos gaélicos, as oclusivas ao comezo dunha sílaba acentuada sonorizan se as segue unha consoante nasal. Por exemplo, taigh ("unha casa") é [tʰɤi], mais an taaigh, ("a casa") é [ən dʰɤi]. Tamén tombaca ("tabaco"), [tʰomˈbaxkə].

As consoantes con lenición teñen pronuncias especiais: bh e mh son [v]; ch é [x] ou [ç]; dh, gh é [ʝ] ou [ɣ]; th é [h], [ʔ] ou mudo. A lenición de l, n e r non se mostra na escrita.

fh é case sempre mudo, con só tres excepcións: fhèin, fhathast e fhuair, en que se pronuncia [h].

+ As consoantes coa súa pronuncia no Alfabeto Fonético Internacional Radical Lenición Ortografía Ancha Delgada Ortografía Ancha Delgada b bh c ch d dh f fh muda muda g gh l l m mh n n p ph r r s sh t th

Hai determinados trazos que convén facer notar: O acento recae habitualmente na primeira sílaba: por exemplo drochaid ("unha ponte"), [ˈtroxatʃ]. Insírense vogais epentéticas entre determinadas consoantes adxacentes, en concreto as vibrantes (l ou r) e certas consoantes das seguintes:

tarbh ("touro") — [tʰarav] Alba ("Escocia") — [alapa].

O schwa ([ə]) ao final dunha palabra pérdese se vai seguido dunha palabra que comeza por vogal. Por exemplo: duine ("un home") — [ˈtɯnʲə] an duine agad ("o teu home") — [ən ˈdɯnʲ akət]

Gramática miniatura|O Libro de Deer, do século X, contén o texto en gaélico máis antigo coñecido, que nesta foto se pode ver nas marxes dunha páxina do Evanxeo de Mateu.

O gaélico escocés é unha lingua flexiva. Os substantivos indican as súas relacións por medio de casos gramaticais (nominativo, vocativo, xenitivo e dativo, segundo a terminoloxía utilizada nas gramáticas tradicionais). Os verbos conxúganse para indicar tempo gramatical (os tempos simples son o pasado e o futuro; os tempos compostos son continuos (presente, pasado e futuro). Hai tamén modo gramatical (indicativo, imperativo, subxuntivo) e voz gramatical (activa e pasiva).

O gaélico comparte con outras linguas celtas determinado número de trazos gramaticais interesantes: Orde sintáctica Verbo+Suxeito+Obxecto, unha tipoloxía relativamente infrecuente nas linguas do mundo. pronomes prepositivos: os pronomes e a maioría das preposicións fusiónanse en formas compostas, tales como agam ("en min"), agad ("en ti"), ris ("para el"). Inexistencia do verbo haber. No seu lugar, a posesión exprésase preposicionalmente, con aig (isto é, dicindo que algo está en unha persoa: tha taigh agam — Teño unha casa (lit. unha casa está en min) an cat aig Iain — O gato de Xoán (lit. o gato en Xoán) Pronomes enfáticos: distínguese entre pronomes ordinarios, como mi e thu e os seus equivalentes enfáticos mise, thusa etc., que expresan contraste con outras persoas. Por exemplo: tha i bòidheach — ela é linda tha ise bòidheach — ela é linda (en contraste con outra persoa)

A énfase gramatical transfírese a outras situacións: an taigh aicese — a casa dela chuirinn-sa — eu po(ñe)ría na mo bheachd-sa — na miña opinión

Cópula: o gaélico ten dous verbos tipo ser/estar: tha adscribe unha propiedade a un nome ou pronome; is utilízase para identificar un nome ou pronome como complemento (Is pódese usar para adscribir unha descrición a un nome ou pronome, mais habitualmente este uso redúcese a expresións fixas como, por exemplo, 'Is beag an t-iongnadh' (lit. "É pequena a sorpresa") ou 'Is e Gàidheal a th'annam' (lit. "Hai un Gaélico en min"): tha mise sgìth — Estou canso. is mise Eòghann — Son Ewan.

Porén, é posíbel utilizar tha para dicir que unha cousa é outra converténdoa nunha propiedade: tha mi nam Albannach — Son escocés. (lit. Estou no meu escocés.) Is e Albannach a th' annam — Son escocés. (lit. é un escocés que está en min).

Artigos O gaélico ten artigo definido, mais non con artigo indefinido: an taigh — "a casa" taigh — "(unha) casa)

A forma do artigo (definido) depende do número gramatical, do xénero gramatical, do caso gramatical e do son inicial do substantivo.

(i). an, am, e an t- utilízanse con substantivos en nominativo masculino singular: an cat — "o gato" (tamén para substantivos que non poden levar lenición) am balach — "o rapaz" (substantivos que comezan con consoantes labiais) an t-òran — "a cantiga" (substantivos que comezan por vogal)

(ii). a' utilízase antes dunha consoante con lenición; hai dous casos: a' chaileag — "a rapaza" (nominativo e dativo femininos) leis a' bhalach — "co rapaz" (dativo e xenitivo masculinos)

(iii). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no xenitivo feminino singular: na mara — "do mar" na h-Alba — 'de [a] Escocia'

(iv). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no nominativo e dativo plurais de ambos os dous xéneros: na cait — "os gatos" na h-àireamhan — "os números"

(v). nan ou nam (antes dunha labial) utilízanse no xenitivo plural: nan cat — "dos gatos"