miniatura|Esquema dun sinaptosoma illado con numerosas pequenas vesículas sinápticas, dúas vesículas de níucleo denso, unha mitocondria e unha porción de membrana postsináptica unida á zona activa presináptica. Un sinaptosoma é un terminal sináptico illado dunha neurona, que se prepara para usalo en investigación. Os sinaptosomas obtéñense facendo unha homoxenización suave do tecido nervioso en condicións isotónicas e un posterior fraccionamento usando centrifugación en gradiente de densidade e diferencial. A forza de cizalla exercida polo líquido separa os terminais nerviosos do axón e a membrana plasmática que rodea o terminal nervioso vólvese a selar. Os sinaptosomas son osmoticamente sensibles, conteñen numerosas pequenas vesículas sinápticas claras, ás veces vesículas máis grandes de núcleo denso e frecuentemente unha ou máis mitocondrias. Teñen as características morfolóxicas e a maioría das propiedades químicas do terminal nervioso orixinal. Os sinaptosomas illados dos cerebros de mamíferos a miúdo reteñen unha porción da membrana postsináptica, en fronte da zona activa.
Os sinaptosoms foron illados inicialmente para intentar identificar o compartimento subcelular correspondente á fracción da denominada acetilcolina unida, que permanece no tecido cerebral cando é homoxenizado en sacarosa isoosmótica. As partículas que conteñen acetilcolina e o encima que a sintetiza, a colina acetiltransferase, foron illados orixinalmente por Hebb e Whittaker (1958) no Agricultural Research Council, Institute of Animal Physiology, Babraham, Cambridge, Reino Unido. Nun estudo en colaboración co microscopista electrónico George Gray do University College London, Victor P. Whittaker finalmente mostrou que as partículas ricas en acetilcolinas derivadas do córtex cerebral do coello de Indias tiñan grande abundancia de vesículas sinápticas evaxinadas dos terminais nerviosos.Gray EG, Whittaker VP (1960). The isolation of synaptic vesicles from the central nervous system. J Physiol (London) 153: 35P-37P. Whittaker acuñou o termo sinaptosoma para describir estas partículas derivadas do fraccionamento e pouco despois puideron illarse as vesículas sinápticas dos sinaptosomas lisados.
Os sinaptosomas utilízanse comunmente para estudar a transmisión sináptica no tubo de ensaio porque conteñen a maquinaria molecular necesaria para a captación, almacenamento e liberación de neurotransmisores. Ademais comvertéronse nunha ferramenta habitual nos ensaios de fármacos. Manteñen un potencial de membrana normal, conteñen receptores presinápticos, translocan metabolitos e ións, e cando se despolarizan, liberan moitos neurotransmisores (como acetilcolina, aminoácidos, catecolaminas, e péptidos) de maneira dependente do Ca2+. Os sinaptosomas illados do cerebro completo ou certas rexións do cerebro son tamén modelos útiles par estudar as relacións entre estrutura e función na liberación de vesículas sinápticas. Os sinaptosomas poden tamén illarse doutros tecidos ademais de do cerebro, como a medula espiñal, retina, plexo mientérico ou o órgano eléctrico da raia eléctrica. Os sinaptosmoas poden utiliarse para illar densidades postsinápticas ou a zona activa presináptica con vesículas sinápticas unidas. Por conseguinte, varios subproteomas de sinaptosomas illados, como as vesículas sinápticas, membranas sinápticas ou densidades postsinápticas poden agora estudarse por técnicas proteómicas, o que está producindo un coñecemento máis fondo da maquinaria molecular da neurotransmisión e neuroplasticidade cerebrais.
Notas
Categoría:Neuroloxía