A Unión Musical de Valladares é unha banda de música da parroquia de Valadares (Vigo).

Historia Foi fundada en 1902 por un grupo de 16 afeccionados, que pouco a pouco a foron impulsando e renovando, non deixando que en ningún momento desaparecera.

A súa actividade socio-cultural xira en torno ó Centro Veciñal e Cultural de Valadares, no que están situadas tódalas actividades culturais, deportivas e veciñais da parroquia, sendo a banda musical a máis antiga das asociacións do barrio. A súa actividade principal centrouse sempre na participación en festas e romarías típicas na Comunidade galega durante o verán, o que provocaba problemas como certo abandono durante os invernos ou cambios de director.

A Banda viviu grandes momentos artísticos durante os anos 50, con directores como Hernán Cortés, Don Demetrio, José Pena, Manuel Vázquez, José Oro Val ou Alfonso Méndez, sendo este último o que iniciou un profundo rexuvenecemento nos integrantes. En 1971, aínda baixo a súa dirección, apostouse por un alumno da escola de música para sucedelo na dirección. Este alumno é desde entón o actual director, José Iglesias Ramilo. Desde aquela a banda consolidouse pouco a pouco, crecendo o seu número de integrantes, crecendo o alumnado da escola de música, incluso se chegou a ter en Valadares unha filial do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Actividade Desde 1976, coa remodelación e construción do novo Centro Cultural de Valadares, a Banda de Música transladou as súas oficinas e local de ensaios ás dependencias do dito centro co que, conservando a súa autonomía, mantén unha estreita relación, colaboración e participación nas actividades culturais de Valadares.

Na actualidade a Escola de Música de Valadares está dirixida e organizada conxuntamente polo Centro Cultural de Valadares e a Unión Musical de Valadares, contando cuns cen alumnos por curso. Centra as súas actuacións en festivais de bandas de Galicia e Portugal e concertos en auditorios de Galicia. Desde hai varios anos participa no Concerto de Nadal, organizado polo Concello de Vigo no teatro-sala de concertos do Teatro García Barbón, actuando en solitario e acompañando (unha sección) ós coros do Real Club Náutico de Vigo e do Centro Cultural de Valadares conxuntamente.

A agrupación conta xa con cinco edicións discográficas en CD e casete, dos que se venderon máis de 20.000 copias.

Premios A Banda de Música Unión Musical de Valadares ten un extenso palmarés, destacando, entre outros, os seguintes premios: Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1985, 1986 e 1996. Segundo Premio no Certame de Bandas de Música Ciudad de Valencia sección segunda, en 1997. Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música Villa de Altea, en novembro de 2000. Primeiro Premio no I Certame Provincial de Bandas de Música da provincia de Pontevedra, en outubro de 2001. Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música Ciudad de Valencia" sección primeira, en 2010. Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música Villa de Altea, en decembro de 2017.

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio Oficial da Unión Musical de Valadares Nuestras Bandas de Música

Categoría:Bandas de música de Galicia Categoría:Cultura en Vigo Categoría:Vigo sen imaxes