Gonzalo de Mondoñedo, coas variantes Gonzalo Froilaz ou Gonzalo Arias, tamén coñecido como San Gonzalo, foi un nobre e relixioso galego, membro da familia Froilaz-Traba, fillo de Froila Bermúdez e irmán de Pedro Froilaz, conde de Galiza e Trastámara. Ocupou o bispado de Mondoñedo entre os anos 1070 e 1108. Durante o seu mandato impulsou a obra románica da Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e mantivo varios preitos territoriais tentando conservar os dominios da súa diocese. Especial relevancia tivo o litixio mantido co bispo Diego Xelmírez polos arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos. A súa figura, santificada polo pobo (non está canonizado pola igrexa), está envolta na lenda ao atribuírselle o afundimento dunha armada normanda e outros milagres.

Biografía miniatura|Representación dun bispo no interior do Mosteiro de Xuvia. Panteón familiar da familia Froilaz-Traba. Gonzalo Froilaz, foi monxe bieito e abade do mosteiro de Sahagún até o seu nomeamento como bispo de Mondoñedo. A primeira referencia documental na que aparece neste cargo é do 13 de xaneiro do ano 1071, momento no que confirma unha doazón da infanta Urraca, irmá dos reis García II e Afonso VI.

Durante o comezo do seu mandato, Gonzalo foi bispo de dúas dioceses episcopais, a de Mondoñedo (antiga Bretoña) e a de Dumio. A diocese de Dumio fora trasladada desde Braga nos anos da chegada do islam á Península Ibérica. Entre o ano 1071 e o 1108 o bispo Gonzalo figura como confirmante en numerosos diplomas, nalgunhas ocasións asinando como minduniensis episcopus e noutras como bispo dumiensis.

Asistiu no 1088 ao Concilio de Husillos, no ano seguinte da tentativa feita por parte da nobreza galega de repoñer no trono o recluído rei García II. Neste concilio o rei Afonso VI depuxo e encarcerou o bispo compostelán Diego Páez implicado na conxura. Da asistencia de Gonzalo ao concilio e de posteriores confirmacións documentais xunto ao rei Afonso pode deducirse que non participou no alzamento. Tampouco existen referencias de que participasen os membros da súa estirpe familiar malia ter sido Froila Bermúdez, pai de Gonzalo, un firme partidario de García, do que os cartularios do Mosteiro de Xuvia indican que non chegou a aceptar nunca a Afonso VI como rei, só como rexente. O conde Froila morreu na vila de Cospeito durante unha visita ao seu fillo Gonzalo no ano 1091, este conduciuno ao mosteiro familiar de Xuvia onde foi sepultado na súa presenza.

No ano 1099, o papa Pascual II elevou a sé bracarense á categoría de metropolitana, como consecuencia o bispado de Mondoñedo tivo que retornarlle a diocese de Dumio. Nesta mesma bula papal foilles imposto aos bispos galegos a admisión de San Xeraldo de Braga como arcebispo, e así foi recoñecido un ano despois nun concilio en Palencia, lugar no que todos os seus bispos sufragáneos lle amosaron testemuña de obediencia coa excepción de Gonzalo de Mondoñedo, home de "carácter tenacísimo",López Ferreiro (1900), p. 264. que se negou a bicarlle o anel. Esta negativa motivou unha reprensión do papa. A perda de Dumio supuxo para Mondoñedo unha redución nas súas rendas económicas e no seu prestixio eclesiástico, Mondoñedo tivo que devolver a Braga as reliquias de San Martiño custodiadas até entón na basílica de San Martiño de Foz.

Catedral de San Martiño esquerda|miniatura|Ábsidas da Basílica de San Martiño de Mondoñedo, construídas na época do bispo Gonzalo Froilaz.

miniatura|Pintura mural do século XII da Catedral de San Martiño. Descuberta no ano 2008, o profesor Manuel Castiñeiras atribúe a súa autoría a Bernardo, tesoureiro de Xelmírez e iluminador do Tombo A de Compostela. O bispo Gonzalo ocupou a sé mindoniense nun momento de prosperidade económica e de expansión territorial. Favorecida a súa igrexa por importantes doazóns, como as dos condes de Galiza Raimundo e Urraca no ano 1096 ou a de Ermesenda Nuñez, herdeira do conde Osorio Gotérrez e motivo dun preito cos monxes do mosteiro de Lourenzá, iniciou unha ambiciosa obra para o enaltecemento da súa sé episcopal.

Esta reforma edificouse sobre a anterior catedral prerrománica, obra do século X emprendida polo seu antecesor Rosendo de Celanova, e que aínda pode apreciarse nos muros norte e sur do actual edificio. A construción de San Rosendo tiña remodelado unha construción aínda mais antiga, datada polos arqueólogos no período suevo, e da que se pensa foi o Mosteiro Máximo citado no Parochiale suevorum do século VI, residencia do bispo Maeloc e sé episcopal dos bretóns fuxidos dos ataques bárbaros ás Illas Británicas.

Na obra románica de San Gonzalo construíuse a parte central da basílica, o arco triunfal, as absidiolas e o ciborio. Así como outros elementos como o retablo que se atopa sobre o altar ou os capiteis. No arranque da bóveda a norte do cruceiro figura unha inscrición na honra do bispo Gonzalo: "ONOREM SCI MARTINI GUNDISALBUS EP".Fernández Pacios (2008), pp. 70-71 O proxecto do bispo Gonzalo ficou inconcluso na hora da súa morte, e foi rematado posteriormente polo bispo Munio Afonso. Nese momento xa estaba tomada a decisión de trasladar a sé episcopal cara ao interior polo que o remate da obra foi notabelmente mais modesto do planificado. A este momento pertencen unha serie de columnas sen capitel nin base incrustadas no muro que perderon o seu sentido ao reducirse as pretensións da obra.

Preito dos arciprestados esquerda|miniatura|Diego Xelmírez, bispo de Compostela, mantivo unha longa inimizade con Gonzalo de Mondoñedo O asunto que marcou o bispado de Gonzalo Froilaz foi o seu longo enfrontamento co poderoso bispo de Compostela Diego Xelmírez. A restauración da diocese bracarense non só foi prexudicial para o bispado de Mondoñedo, senón que tamén afectou aos de Lugo e Compostela. Estes dous bispados deixaron de percibir importantes ingresos (Compostela posuía a metade da cidade de Braga) o que motivou que os tres bispados galegos iniciasen unha loita polos seus territorios limítrofes. Santiago reclamou a Mondoñedo os arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos alegando que lle foran cedidos á sé mindoniense como préstamoLópez Ferreiro (1900), pp. 258–267. e o bispado de Lugo, reclamou o de Montenegro.

Para dirimir esta disputa celebrouse un sínodo episcopal na vila de Carrión no ano 1103. Ao mesmo asistiu o bispo de Compostela, Diego Xelmírez, pero non Gonzalo de Mondoñedo alegando problemas de saúde. A consecuencia do concilio, Bernardo de Cluny, arcebispo de Toledo, solicitou por carta ao bispo mindoniense a devolución dos arciprestados. Diante da negativa do bispo, a mesma solicitude foi repetida, un ano máis tarde, polo bispo de Burgos e polo rei Afonso VI. No ano 1105 o propio pontífice Pascual II ordenou terminantemente a devolución dos arciprestados: "se vos opoñedes á xustiza, sentiredes mais vivamente a súa espada". Malia as presións recibidas, o bispo Gonzalo, amparado polo poder da súa familia, propietaria da xurisdición civil do territorio en disputa, continuou retendo os arciprestados.

A situación non mudou até a morte do rei Afonso VI, naquel momento Pedro Froilaz, cabeza familiar da liñaxe Traba, protexía os dereitos do infante Afonso Raimúndez ao trono do Reino de Galiza diante da súa nai Urraca (filla de Afonso VI) e do seu marido Afonso I de Aragón. Os Traba precisaban da alianza de Diego Xelmírez, que se debatía entre o bando de Afonso Raimúndez e o da súa nai Urraca. Convenientemente, San Gonzalo cesou no seu cargo, e nomeouse bispo a Pedro Amiguiz, abade do Mosteiro de Caaveiro e confesor de Pedro Froilaz. Probabelmente unha solución concertada entre as partes, e unha saída airosa para Gonzalo Froilaz. miniatura|Ataúde do bispo Gonzalo na Basílica de San Martiño|alt= En febreiro do 1110 a familia Froilaz entrega ao bispado compostelán os arciprestados en litixio mediante un documento no que todos os cregos, cabaleiros e vasalos dos Traba nos territorios disputados prometen obediencia ao bispo Xelmírez. Un documento que asinan en primeiro lugar: Pedro Froilaz de Traba, a súa esposa Dona Maior Guntroda, e as súas irmáns Munia Froilaz e Visclávara Froilaz.

Non foi esta a única concesión que os Traba fixeron ao prelado compostelán, desexoso de reducir a importancia da sé mindoniense, rival da súa. No momento do falecemento de Gonzalo Froilaz no ano 1112, o bispo Pedro regresou ao mosteiro de Caaveiro e foi nomeado para o cargo Munio Afonso, secretario persoal de Xelmírez e un dos redactores da Historia Compostelá. Este bispo tivo frecuentes enfrontamentos coa nobreza mindoniense e rematou por dimitir do seu cargo, regresando a Santiago. Unha das primeiras decisións do seu bispado foi o traslado da sé mindoniense cara ao interior, á vila de Vilamaior do val de Brea, a súa actual localización, e o abandono de San Martiño en Foz, alegando o perigo que supuña a proximidade ao mar da sé episcopal. Esta decisión tomouse no ano 1113 nun concilio en Palencia solicitado polo mesmo Xelmírez, e no que asinan diversos persoeiros ofendidos polo bispo Gonzalo durante o longo preito polos arciprestados.

O tesouro do bispo santo miniatura|Reprodución do anel do bispo Gonzalo no museo parroquial de San Martiño de Mondoñedo. |alt= O bispo Gonzalo faleceu no ano 1112, foi soterrado na súa igrexa de San Martiño de Mondoñedo nun sartego de granito, conservado até hoxe na nave sur da catedral. Este sartego foi aberto en sete ocasións ao longo dos séculos. A primeira vez en 1648 polo bispo de Mondoñedo Francisco Torres Grijalba, atopando no interior a osamenta do santo,Interior do sartego do bispo Gonzalo de Mondoñedo. Imaxe do libro editado pola academia galega de belas artes: Lugo no obxectivo as nosas raices. Manuel Chamoso Lamas. Ano 1995 restos da vestimenta, un báculo e un cíngulo de ouro e prata. Testemuñas da apertura do sartego narran como o bispo retirou reliquias do sarcófago e as repartiu entre os eclesiásticos que o acompañaban, entre elas as moas do santo. Nunha posterior apertura, no ano 1704, o bispo Manuel Navarrete cortou e retirou un óso do sepulcro.

A comezos do século XX, foron retirados do sartegoImaxe do sartego do bispo Gonzalo os dous símbolos clásicos do bispo, o báculo e o anel. Datados no século XII, hoxe consérvanse dúas réplicas no museo parroquial de San Martiño de Mondoñedo (Foz) estando os orixinais no museo diocesano e catedralicio de Mondoñedo.

O báculo, que representa a función pastoral do bispo coa súa freguesía, era unha vara de madeira de 1,45 m xungida a unha voluta de cobre dourado de pequeno tamaño, uns dez centímetros. Decorada con triángulos alternos, orixinaban no centro unha especie de rombos; nos seus extremos unhas molduras daban paso ao bastón e á espiral superior. Esta ten forma de serpe, e rematada nunha cabeza animal cunha bóla na boca. Na apertura do sepulcro de 1916 refírese unha inscrición, hoxe desaparecida, na base do báculo na que se podía ler: "GUNDISALVUS". O anel, que representa o matrimonio do bispo con Deus e coa súa diocese, é de ouro, cun cuarzo suxeito por catro traballadas cabezas de paxaro. Posúe unha inscrición que di: "NOLO ESSE DATUS NEQUE VENUM DATUS". "Non quero ser dado nin vendido", epígrafe posibelmente relacionado con tradicións de orixe céltica. O profesor de paleografía Manuel Lucas Álvarez da universidade de Santiago apreciou influencias irlandesas na inscrición do anel, estimando a súa antigüidade arredor do século X.

Lendas e milagres esquerda|miniatura|Frota viquinga invadindo Inglaterra. Iluminación do S.XII.|304x304px miniatura|Ermida do bispo santo no monte da cruz do agrelo lugar ao que ascendeu o bispo Gonzalo fuxindo da armada viquinga. Nas proximidades (Pico da Lebre) existen indicios dunha fortificación posibelmente coetánea dos feitos.