O voo 1866 de Alaska Airlines era un servizo regular dende Anchorage, Alasca, ata Seattle, Washington, con varias escalas. O 4 de setembro de 1971 o Boeing 727 que operaba a ruta esnafrouse contra unha montaña en Haines Borough, preto de Juneau, Alasca durante a aproximación para aterrar. 111 persoas morreron. Foi o primeiro accidente dun reactor con vítimas mortais de Alaska Airlines, e o peor accidente cun único avión da historia do Estados Unidos ata o día 24 de xuño de 1975, cando se esnafrou o voo 66 de Eastern Airlines. Ata a data é o peor accidente da historia de Alaska Airlines.
Accidente O avión era un Boeing 727-100 con rexistro N2969G fabricado no ano 1966. Acumulaba 11 344 horas de voo antes do accidente. O voo 1866 orixinárase en Anchorage, Alasca, e fixera escalas en Cordova e Yakutat. Por diante tiña outras dúas escalas en Juneau e Sitka antes de rematar o voo en Seattle. O avión aterrou en Yakutat ás 11:07 a.m e engalou ás 11:35 a.m. cara Juneau.
O capitán do voo era Richard C. Adams, de 41 anos. Pilotando o avión estaba o primeiro oficial Leonard D. Beach, de 32. James J. Carson era o segundo oficial. Beach e Carson levaban en Alaska Airlines dende 1966. Adams fora contratado pola aeroliña en 1955.
No avión viaxaban sete membros da tripulación en 104 pasaxeiros.
O avión golpeu a vertente oriental dun canón na cordilleira Chilkat do Bosque Nacional Tongass a 2 500 pés, a 35 km ao oeste de Juneau. O avión desintegrouse no impacto ás 12:15 p.m. Non houbo superviventes.
Investigación A NTSB publicou o seu informe o 11 de outubro de 1972. No informe afirmábase que a causa probable do accidente foi "unha visualización de información de navegación engañosa sobre o progreso do voo ao longo do curso do localizador que deu lugar a un descenso prematuro por debaixo da altura libre de obstáculos. A orixe ou natureza da información de navegación engañosa non se puido determinar. A Xunta conclue ademais que a tripulación non utilizou todas as axudas á navegación dispoñibles para comprobar o progreso do voo ao longo do localizador nin tampouco se requiriron esas axudas para ser usadas. A tripulación tampouco realizou a requirida indentificación de radio das instalacións de navegación pertinentes".
Na historia de Alaska Airlines do escritor de aviación Robert J. Serling Character and Characters, publicada en 2008, inclúese unha descrición da investigación da NTSB e de investigacións independentes posteriores.
Notas
Alaska Airlines 1866 Alaska Airlines Alaska Airlines