Juan Manuel Ameijeiras Delgado, tamén coñecido como "Mel" Ameijeiras, nado en Pueblo Viejo, Jesús Menéndez, Las Tunas, Cuba, o 23 de outubro de 1932 e finado en Santiago de Cuba o 26 de xullo de 1953, foi un revolucionario cubano de orixe galega.

Era un dos irmáns Ameijeiras. Participou en accións contra a ditadura de Fulgencio Batista e perdeu a vida no frustrado asalto liderado por Fidel Castro ao cuartel Moncada

Traxectoria Seu pai foi o emigrante galego Manuel Ameijeiras Fontenla, natural do Campo Lameiro, quen despois de emigrar á Arxentina e volver a Galicia, partiu cara a Cuba. Alí coñeceu á súa futura esposa, María de las Angustias Delgado Romo, de Corral Falso, Matanzas, coa que tivo dez fillos. O último deles foi Juan Manuel, que levou o nome do pai e do primeiro irmán, morto na infancia. O pai volveu ao seu país onde desapareceu na guerra civil, polo que a nai tivo que ocuparse soa dos fillos.

A familia trasladouse a Puerto Padre, máis tarde a Santa Clara e finalmente instalouse na Habana, onde o irmán máis vello, Gustavo, traballou nun taller e ensinaba mecánica aos seus irmáns. Mel traballou como chofer nunha empresa de coches de aluger.

Participou nas actividades do recentemente fundado Partido Ortodoxo de Eduardo Chibás. Tras o golpe de estado de Fulgencio Batista de 1952, moitos xoves acudiron á Universidade da Habana a reclamar armas, entre eles Mel e o seu irmán Efigenio.

Ese verán comeza a recibir instrución militar e o 25 de xullo de 1952 reúnese con Fidel Castro e con máis dun cento de combatentes na granxa Siboney, preto de Santiago de Cuba, para asaltar ao día seguinte o cuartel Moncada. Ao amencer, a maioría de coches dirixíronse ao cuartel, mentres tres deles foron ao hospital anexo: un deles conducido por Abel Santamaría, outro por Mel e o terceiro por Mario Muñoz. O asalto fracasou e tras un longo tiroteo, Mel foi detido xunto con outros combatentes. Máis tarde foron conducidos ás cortes do cuartel e asasinados.

A súa familia viu a foto do seu corpo na revista Bohemia e o seu irmán Gustavo, foi ao Oriente para encontralo, pero foi tamén detido e encarcerado. Finalmente foi xulgado e absolto. Un informe da policía identificou a Juan Manuel como o cadáver número 25.

Legado Trala súa morte púxoselle o seu nome a unha das columnas do Exército Rebelde que loitaba en Sierra Maestra: a Columna 6 Juan Manuel Ameijeiras.

Tamén leva o seu apelido e o de seus irmáns o hospital máis importante de Cuba, o Hospital Hermanos Ameijeiras da Habana.

Notas

Categoría:Nados en 1932 Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados na provincia de Las Tunas Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Cubanos de ascendencia galega