miniatura|A estelada, a bandeira do movemento independentista. miniatura|dereita|Vista da manifestación do 10 de xullo de 2010, en Passeig de Gràcia de Barcelona, en contra da sentenza que o Tribunal Constitucional fixo sobre o Estatuto catalán de 2006 e a prol do dereito de autodeterminación. O independentismo catalán é a corrente política, derivada do catalanismo, que promove a independencia de Cataluña, ou dos Países Cataláns, de España e Francia, co obxectivo de instaurar a República Catalá, a cal foi proclamada en diversas ocasións. A visión pancatalanista inclúe á Comunidade Valenciana, as Illas Baleares, a «Cataluña do Norte» (Rosellón e Alta Cerdaña, antigos territorios cataláns cedidos por España a Francia no Tratado dos Pireneos do século XVII) ou a franxa oriental de Aragón.ERC. Principios ideológicos en castelán

O independentismo catalán basea as súas teses sobre o principio que Cataluña é unha nación, aludindo a unha diversidade de argumentos que teñen unha base común no dereito ao autogoberno pleno, a autoxestión financeira, a capacidade de decidir sobre o modelo socioeconómico, a defensa da cultura e a lingua catalás, a preservación do dereito civil catalán, así como sentimentos de pertenza ou motivos históricos.

A bandeira independentista catalá é principalmente a estelada, aínda que tamén se emprega a bandeira de Cataluña.

Historia Comezos (1886-1923) Josep Narcís Roca i Farreras, colaborador do xornal catalanista La Renaixença, considérase o primeiro nacionalista catalán independentista. O primeiro artigo onde apareceu claramente a súa proposta de que Cataluña tivese un estado propio foi publicado en 1886 co significativo título de Ni espanyols ni francesos (‘Nin españois nin franceses’). Porén, o primeiro grupo independentista non apareceu en Cataluña senón en Santiago de Cuba, pouco despois de que a illa se emancipase de España. No Centre Català desa cidade foi onde ondeou por vez primeira a estelada, creada precisamente por un residente catalán en Cuba, Vicenç Albert Ballester.

miniatura|Documento en inglés titulado What says Catalonia con data do 11 de setembro de 1918 no que o Comité Pro Cataluña pide á «vitoriosa Entente, polo Dereito e a Liberdade dos Pobos, a revisión do Tratado de Utrecht. Viva a Entente! Gloria a Wilson! Xustiza!!!». É o documento máis antigo no que aparece a estelada. En Cataluña haberá que agardar até 1918 para que xurdan as primeiras organizacións propiamente independentistas. Así, en xullo dese ano constitúese con xente da Unió Catalanista o Comité Pro Cataluña presidido por Vicenç Albert Ballester, o creador da estelada, e en decembro, nacionalistas cataláns constituíron en París o autodenominado «Comité Nacional Catalán» para reclamar aos países gañadores na primeira guerra mundial que se ocupasen do «preito catalán», mais este non se incluíu na orde do día da Conferencia de París.

En xuño de 1922, celebrouse unha Conferencia Nacional Catalá, onde xurdiron dous novos partidos nacionalistas cataláns máis radicais que a Lliga Regionalista: Acció Catalana, integrada por mozos da Lliga e por intelectuais republicanos, e Estat Català, integrado por un grupo liderado polo deputado Francesc Macià, este último de ideoloxía claramente independentista.

Ditadura de Primo de Rivera, Segunda República e guerra civil (1923-1939) miniatura|esquerda|Francesc Macià, líder de Estat Català e do Complot de Prats de Molló. A política anticatalanista da ditadura de Primo de Rivera en Cataluña reafirmou a aposta de Estat Català pola vía insurreccional e con ese obxectivo formáronse os primeiros escamots e fundouse en París un Comité Separatista Català. A mediados de 1926, Macià decidiu levar a cabo unha invasión de Cataluña cun pequeno exército integrado por escamots por Prats de Molló, na Cataluña francesa, mais o plan foi desbaratado pola policía e Macià foi detido e xulgado en París en xaneiro de 1927, sendo desterrado a Bélxica. Macià desenvolveu a partir de entón unha grande actividade propagandística da «causa catalá».

Volveu a Cataluña contra xaneiro de 1931, un ano despois da caída de Primo de Rivera. Neses meses, unha onda republicana percorreu Cataluña e toda España, e Estat Català acabou confluíndo con outros grupos nacionalistas cataláns para dar nacemento a un novo partido, Esquerra Republicana de Catalunya, do cal l'Avi Macià foi elixido presidente por unanimidade.

O 14 de abril de 1931, Macià proclamou a República Catalá en Barcelona, integrada nunha «Confederación de Pobos Ibéricos». Tres días despois, tres ministros do Goberno Provisional viaxaron a Barcelona, onde se entrevistaron con Francesc Macià e chegaron a un acordo polo cal Esquerra Republicana de Catalunya renunciaba á "República Catalá" en troques do compromiso do Goberno Provisional de que presentaría nas futuras Cortes Constituíntes o Estatuto de Autonomía que decidise Cataluña e do recoñecemento do goberno catalán, que deixaría de chamarse Consello de Goberno da República Catalá para tomar o nome de Goberno da Generalitat de Cataluña, recuperando así «o nome de gloriosa tradición» da centenaria institución do Principado que foi abolida por Filipe V nos decretos de Nova Planta de 1714.

Case todos os partidos políticos cataláns aceptaron o acordo, agás o Bloc Obrer i Camperol, un grupúsculo comunista de recente creación, que afirmou que o Goberno Provisional de Madrid «esmagara a República Catalá, cuxa proclamación foi o acto revolucionario máis trascendental levado a cabo o día 14», e tampouco antigos membros de Estat Català que acusaron a Macià de traidor. Por outra banda, os sectores de Estat Català que se opuxeron á súa disolución en Esquerra Republicana formaron os seus propios partidos, como Daniel Cardona, que creou a organización paramilitar ‘’Nosaltres Sols!’’, a imitación do irlandés Sinn Féin, e un sector obreiro que fundou Estat Català-Partit Proletari. miniatura|Luis Companys, Gobernador civil de Barcelona, no artigo «Cómo se proclamó la República en Barcelona» (Mundo Gráfico, número 1017, páxina 4, 29 de abril de 1931).

O 6 de outubro de 1934, Lluís Companys, sucesor de Macià á fronte da Generalitat, proclamou «o Estado catalán na República Federal Española». Mais a falta de planificación (malia que o conselleiro de Gobernación, Josep Dencàs, mobilizou os escamots, as milicias da Esquerra, e aos Mossos d'Esquadra) e a pasividade con que respondeu a principal forza obreira de Cataluña, a CNT, fixo que a rebelión catalá rematase axiña o día 7 de outubro pola intervención do exército. O presidente e os conselleiros da Generalitat foron encarcerados (agás Dencàs que conseguiu fuxir) e a continuación o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1932 foi deixado sen efecto.

Tralo triunfo nas eleccións de febreiro de 1936 da Fronte Popular, Companys e os conselleiros foron amnistiados e repostos nos seus cargos. Pouco despois, Josep Dencàs, debido a que as súas relacións con Companys e con Esquerra Republicana eran cada vez máis tensas, entre outras razóns, por ter sido o único membro do goberno da Generalitat que non estivo no cárcere, decidiu refundar Estat Català. Dous meses despois, en xullo de 1936, estourou a guerra civil española, mais Estat Català non foi admitido no Comité Central de Milicias Antifascistas de Cataluña e, de feito, Dencàs viuse obrigado a abandonar Cataluña cara a Italia pola presión dos anarquistas, que dominaban o Comité de Milicias, e do propio Companys. En novembro de 1936, Estat Català, que até daquela experimentara un importante crecemento e que tiña como órgano de difusión o Diario de Barcelona, protagonizou o episodio do complot contra o presidente Companys que pretendeu derrubalo, e cuxo fracaso acabou converténdoo nun satélite de Esquerra Republicana de Catalunya.

Franquismo e Transición (1939-1980) miniatura|esquerda|Logo de Front Nacional de Catalunya, fundado en 1940. Tralo remate da guerra civil coa derrota dos republicanos, constituíuse en Londres o Consello Nacional de Cataluña (CNC), presidido por Carles Pi i Sunyer, e que ao igual que o Consello Nacional de Euzkadi reivindicou a independencia de Cataluña, integrada nunha confederación ibérica formada por cinco ou seis estados soberanos, e rexeitou, polo tanto, o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1932 e a Constitución republicana da que emanaba. O CNC foi recoñecido como máxima autoridade política catalá no exilio.

En abril de 1940, fundou no exilio a Front Nacional de Catalunya, que agrupaba a persoas procedentes de Esquerra Republicana de Catalunya e de forzas independentistas coa finalidade de constituír unha plataforma de resistencia á ditadura franquista até que se producise a vitoria dos aliados na segunda guerra mundial. Así, a súa actividade tamén se despregou no interior de Cataluña realizando algunhas accións como o despregue de senyeras no transbordador aéreo do porto de Barcelona, así como na Sagrada Familia, no Palau de la Música Catalana e no estadio de Montjuïc, e a colocación dun artefacto explosivo no monumento á Vitoria de Barcelona. Porén, estas actividades remataron cando a sección militar da Front foi desarticulada pola policía franquista coa detención de catorce dos seus membros.

Na década dos anos 1950, a actividade da Front foi moi reducida, como a de toda a oposición ao franquismo, e só comezou a recuperarse a comezos da década seguinte coa entrada na organización de mozos militantes e grazas tamén ao rexurdimento das reivindicacións culturais e políticas en Cataluña. Neses momentos, a Front definiuse como unha organización «interclasista de esquerdas, a prol dunha acción nacionalizadora enérxica, sostida e non violenta». Porén, pouco despois algúns militantes influídos polo marxismo consideraron que a Front estaba a afastarse da realidade do país, polo que acabaron abandonándoa para fundar en 1969 o Partit Socialista d'Alliberament Nacional dels Països Catalans (PSAN). En 1973, o PSAN sufriu unha escisión encabezada por un dos seus fundadores, Carles Castellanos, que deu nacemento ao PSAN-Provisional, de liña máis radical e que tomaba como modelo o IRA Provisional irlandés.

miniatura|Lluís Maria Xirinacs en 2007. Durante a transición democrática que seguiu á morte do ditador Francisco Franco en novembro de 1975, o independentismo catalán desempeñou un papel moi pouco importante xa que todas as forzas políticas catalás estaban concentradas no restabelecemento do Estatuto de Autonomía de 1932. O PSAN encabezou o Bloc d'Esquerra d'Alliberament Nacional (BEAN) que se presentou ás eleccións xerais españolas de 1979, as primeiras que se celebraban trala aprobación da Constitución española de 1978, cunha candidatura liderada por Lluís Maria Xirinacs, mais non resultou elixido, aínda que obtivo máis de 50 000 votos. Por outra banda, nese mesmo ano de 1979, fundouse unha nova forza independentista chamada Nacionalistes d'Esquerra integrada por antigos militantes do PSAN e por persoas procedentes dos movementos feministas, antimilitaristas, homosexuais e ecoloxistas, xunto con personalidades do mundo da cultura. O seu obxectivo principal era acadar unha candidatura unitaria independentista para as primeiras eleccións ao Parlamento de Cataluña mais non chegou a callar, o que supuxo un duro golpe para os Nacionalistes d'Esquerra e moitos dos seus membros abandonaron a organización, e os que non o fixeron acabaron fundando anos despois a Entesa dels Nacionalistes d'Esquerra, integrada finalmente en Iniciativa per Catalunya. Pola súa parte, o BEAN disolveuse en 1982.

Tamén foi durante a Transición, concretamente en 1978, cando apareceu Terra Lliure, unha organización independentista que a semellanza de ETA no País Vasco propuña a violencia política para acadar os seus obxectivos e que sucedeu a outra organización terrorista chamada Exèrcit Popular Català (EPOCA). Terra Lliure levou a cabo nos anos seguintes máis de 200 accións terroristas, nunha das cales resultou morta unha persoa.

«Pujolismo» e o «Tripartit» (1980-2010)