A variante da Pobra de San Xiao é unha variante ferroviaria de 7 km de lonxitude situada na liña León - A Coruña, no treito entre Lugo e Sarria, que substitúe o antigo trazado que pasaba polo casco urbano da Pobra de San Xiao, no concello lugués de Láncara. Foi inaugurada en 2018.
Historia O 30 de novembro de 2006 o Ministerio de Fomento anunciou a adxudicación das obras da variante da Pobra de San Xiao á UTE Ferrovial Agromán y Obras Subterráneas, por un total de 90.436.727 euros.
Entrou en servizo o 23 de abril de 2018.
Trazado A infraestrutura ten unha lonxitude de 7.206 metros de lonxitude pasando polos concellos do Corgo, O Páramo, Láncara e Sarria, que substitúe os 8.417 metros do anterior trazado. A variante permitiu suprimir un total de 14 pasos a nivel do anterior trazado.
A plataforma está construída para vía dobre pero actualmente está executada unha única vía, a esquerda. Ademais está sen electrificar, para dar continuidade ao resto da liña. Está previsto que no futuro funcione con vía dobre electrificada para levar os servizos de alta velocidade a Lugo.
No trazado hai dous túneles: As Cortes, de 520 metros de lonxitude, e Torrente, de 1.387 metros, executado en vía en placa e con saída de emerxencia. Tamén ten catro viadutos: dous de vigas prefabricadas, de 329,5 e 145,5 metros, e dous de taboleiro de formigón, de 639 e 590 metros. Hai catro pasos inferiores e un paso superior sobre a estrada LU-546.
Ten unha velocidade máxima comercial de 160 km/h, superando os 80–95 km/h do antigo trazado e permitindo unha mellora nos tempos de viaxe.
Características técnicas Número de vías 1 Lonxitude total 7.206 m Lonxitude total en túnel 1.907 m Lonxitude total en viaduto 1.695 m Ancho de plataforma 13,3 m Velocidade máxima 160 km/h Sinalización ASFA convencional
Notas
Véxase tamén Estación da Pobra de San Xiao Liña León - A Coruña
Categoría:Liñas de ferrocarril en Galicia Categoría:Transporte na provincia de Lugo Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes