As teorías políticas feministas caracterízanse por realizar un tratamento dos problemas políticos e filosóficos dende unha perspectiva feminista. Dentro do feminismo distínguense dúas teses: unha descritiva e outra normativa. A descritiva sostén que se dá unha situación desigual entre homes e mulleres. A normativa sostén que esta situación debería mudar. Está distinción pódese corresponder cos dous obxectivos principais do feminismo: diagnosticar as fontes e as formas da desigualdade de xénero e propoñer principios ou políticas que revertan esta situación.

Debido á pluralidade de propostas e enfoques cos que se afrontan estás dúas cuestións, sería máis axeitado falar de feminismos debido ás diverxencias entre distintas posturas.

Para estruturar esta entrada propiamente ao redor da teoría política, reduciremos o conxunto de enfoques achegándonos ás propostas centradas en incluír un exame do Estado, centrado en:

no seu papel na reprodución da desigualdade de xénero e no seu potencial para corrixir esta situación.

A teoría política feminista fai un esforzo por incluír nas teorías políticas tradicionais unha perspectiva de xénero, explicitando así a existencia das desigualdades que abranguen este eido.

Correntes feministas

Feminismo liberal O nacemento do feminismo liberal dáse na primeira onda do movemento no século XIX, manténdose (con transformacións) na actualidade. O liberalismo coloca a liberdade no foco do debate, o feminismo liberal baseándose nesta doutrina focalízao na liberdade das mulleres, sendo o Estado o garante deste principio.

Existen diferentes concepcións do que se considera a liberdade; este problema do liberalismo tradúcese no propio feminismo. Por tanto, existirán distintas posicións, en moitos casos opostas entre si. O tipo máis tradicional na literatura feminista é o que interpreta a liberdade no que respecta á autonomía das mulleres, baseándose na libre elección e na independencia política, sendo copartícipe e fundamentado na igualdade de oportunidades para o bo funcionamento do mesmo.

Outro elemento de grande interese é a falta de distinción que establecen entre o eido privado e o público. Isto vese non só no pasado con Mary Wolltonescraft na súa defensa da igualdade legal, pondo o foco na herdanza e na propiedade, pero mantendo en certa medida a distinción entre o ámbito público e o privado, sendo neste segundo onde se albisca a conformación dun construto social do xénero, pero sen politizalo, como pode ser o que logo traerá a colación o feminismo radical co lema “o persoal é político”. No caso do presente, exemplos como o de Martha Nussbaum, na súa perspectiva das capacidades, falará do eido público como campo de batalla feminista.

Susan Moller Okin, unha das autoras máis influentes do feminismo liberal, fai unha rehabilitación da teoría da xustiza de Rawls, propoñendo que se aplique non só á estrutura básica da sociedade, senón tamén ao funcionamento interno da familia, que segundo ela, debería ser considerada unha institución. Isto atangue en particular ao que Rawls chama “principio da diferenza”, que permite a desigualdade na medida na que non cause dano. Okin achegou neste sentido políticas a prol de protexer as mulleres no eido familiar, dedicadas por exemplo á distribución equitativa en caso de divorcio ou programas de educación cívica.

Un exemplo neste mesmo senso é o de Iris M. Young. Esta autora critica a teoría da xustiza de Rawls ao soster que ao deseñar os principios de xustiza deixa de lado cuestións que atanguen ás desigualdades de xénero. Esta autora sostén que é necesario aplicar á estrutura familiar os principios de xustiza así como o principio de diferenza, ademais de promover políticas públicas dirixidas a eliminar as desigualdades dentro do ámbito familiar. O problema dentro desta concepción reside en que cuestións deben ser incluídas, así por exemplo a pesar de que a prostitución ou a xestación subrogada poidan ser entendidas como prexudiciais para as mulleres, esta postura defenderá a súa regulación, posto que as mulleres deben poder decidir libremente.

En xeral, o traballo actual do feminismo liberal é analizar ata que punto pode ter éxito o enfoque feminista da teoría da xustiza de Rawls, puramente político, ou se é mellor enmarcarse nun liberalismo máis amplo.

Feminismo socialista e marxista O proxecto igualitario que defende o socialismo parece complexo de implantar sen ter en conta a metade da humanidade, de aí o interese histórico desta corrente política polo feminismo.

Os socialistas utópicos foron os primeiros en ter en conta a situación da muller. O punto de partida do seu pensamento era a miserable situación económica e social na que vivía a clase traballadora. Propoñían a volta a pequenas comunidades nas que puidese existir unha certa autoxestión e  o desenvolvemento da cooperación dos seres humanos nun réxime de igualdade, que afectase tamén aos sexos. A crítica principal que recibiron os utópicos foi por non ter criticado suficientemente a división sexual do traballo.

Nesta corrente do pensamento socialista as teses de Fourier tiveron moito impacto. Sostiña que a situación das mulleres era o indicador clave do nivel de progreso. Tampouco hai que esquecer a Flora Tristán, quen no seu traballo Unión Obrera (1843) sostivo que todas as desgrazas do mundo viñan dadas polo esquecemento que historicamente se tivo das mulleres e os seus dereitos. Nos seus proxectos de reforma, a educación das mulleres resulta crucial para o progreso das clases traballadoras, inda que, iso si, debido á influencia que como nais, fillas e esposas teñen sobre os varóns. Para Tristán as mulleres sono todo na vida do obreiro, o que non deixa de supoñer unha acrítica asunción da división sexual do traballo.

Sant-Simon e Owen propuxeron a idea de que o poder espiritual dos varóns tíñase esgotado e a salvación da sociedade soamente podía proceder do lado feminino. A maior e máis específica achega do socialismo utópico reside na importancia que lle deron á transformación da institución familiar. Consideraron o celibato e o matrimonio indisoluble como institucións represoras e causa da inxustiza e infelicidade.

Partimos das premisas básicas do marxismo socialista para entender a loita feminista. Entendemos unha posición constructivista segundo a cal comprendemos que a natureza humana constitúese socialmente o que significa que é un produto das forzas sociais que remite contra a opresión capitalista.

Diferenciamos, por unha banda, o feminismo marxista se entendemos que a opresión das mulleres vén dada pola sociedade de clases. Por outro lado, distinguimos se somos feministas socialistas, que este clasismo preséntase vinculado co patriarcado, engadindo deste xeito, outra premisa.

Dende unha análise antropolóxica, Friedrich Engels na súa obra The Origin of the Family, Private Property and the State (1884) comenta que nas sociedades primitivas se ben existía xa unha división do traballo sexualmente categorizado, poderíamos atopar un nivel básico de igualdade que foi eliminado coa aparición das relacións económico-capitalistas. Fala incluso dun certo matriarcado referido a herdanza da propiedade pola liña materna. A agricultura supuxo a introdución do comercio e con isto a posibilidade de acumulación do capital por parte dos homes posibilitando a dominación do home sobre a muller a través da posesión de riquezas.

As feministas marxistas aplican a análise de Marx referente ao capitalismo e explican así a realidade da dicotomía explotador/explotado. A opresión das mulleres é resultado da sociedade de clases que á súa vez é un produto do capitalismo e polo tanto só se supera se se supera o sistema capitalista.

A división sexual do traballo subordina ás mulleres ao home xa que a idea do patriarcado implica que para que exista traballo produtivo (homes nas fábricas) ten que haber traballo reprodutivo (mulleres pechadas na casa que proporcionan sustento aos homes). Deste xeito, as mulleres atópanse dobremente explotadas e convírtense nun sustento do traballo produtivo e do capitalismo que as oprime. Historicamente, este traballo non foi considerado como tal e polo tanto foi adscrito como non remunerado. Esta última idea resulta unha crítica ao traballo de Marx polas feministas marxistas por non estar incluído nos seus escritos aínda que presenta a tese fundamental do sistema económico como sustento da subordinación das mulleres, o cal recollen.

Inessa Armand, a primeira dirixente do Departamento da Muller na Revolución Rusa de 1917, fixo a seguinte observación: “Se a liberación da muller é impensable sen o comunismo, o comunismo é tamén impensable sen a liberación da muller”. Esta afirmación é un perfecto resumo do problema con que se atopan as primeiras feministas no seo do comunismo. Como se relacionan a loita polo socialismo e a loita pola liberación da muller? É posible unha sen a outra?

Esta idea de transversalidade, que será recuperada nos nosos días polo feminismo de 3º onda, foi motivo de longos debates. En xeral o feminismo marxista caracterízase por darlle relevancia a ambas cuestións pero non está claro se unha hase de subordinar á outra en tempo e recursos. O mellor exemplo atopámolo en Aleksandra Kollontai que será protagonista de primeira orde e sufrirá esta dicotomía na súa propia vida: lealtad ao partido comunista ou á liberación das mulleres? cal de ambas revolucións é máis urxente?

Finalmente ela se decantará por darlle prioridad á emancipación feminista fronte á revolución criticando a Clara Zetkin que lle daba prioridade á revolución obreira.

Os marxistas clásicos defenden unha postura conservadora ou “paleo” en tanto que promoven unha sociedade pre-capitalista na que as mulleres disfrutarían de certo poder normativo. Se argumenta que a situación das mulleres como suxeitos discriminados orixinase na configuración do sistema capitalista. A opresión sería exercida polo empresario que explota aos proletarios forzandoos a unhas xornadas de traballo que precisan das mulleres para atender o fogar, a crianza etc.

Este relato foi defendido sobre todo por varóns mais tamén por mulleres. No entanto, é cuestionable e algunhas autoras inciden nesta problemática. Autoras feministas de corte marxista tamén argumentan en contra este tipo de concepcións así como en contra dalgúns postulados orixinais do marxismo.

Feminismo radical e da dominación O feminismo radical é unha perspectiva feminista que persegue un reordenamento radical da sociedade na cal a dominación ou supremacía masculina sexa eliminada dos contextos sociais e económicos.

As feministas radicais ven unha sociedade fundamentalmente patriarcal na cal os homes oprimen e dominan as mulleres. Buscan, desta maneira, a abolición do patriarcado para a “liberación de todas dunha sociedade inxusta desafiando as normas e institucións sociais existentes”. Isto por suposto oponse á obxectivación sexual das mulleres, por medio da sensibilización social de temas como a violación e a violencia casa ás mulleres e loitando contra os roles de xénero.

O feminismo radical temperán orixinouse ou consolidouse no 1960 dentro da segunda onda do feminismo, considerando o patriarcado como un “fenómeno transhistórico” anterior ou máis profundo que outras maneiras de opresión, considerándoo non só a forma máis antiga e universal, senón a máis primaria.

As feministas radicais sitúan a raíz e causa da opresión ás mulleres nas relacións de xénero patriarcais.

Teoría e ideoloxía As feministas radicais afirman que a sociedade é un patriarcado no cal os homes son os opresores e as mulleres, as oprimidas. Propoñen a opresión ás mulleres como a forma máis fundamental de opresión, existente dende o inicio da humanidade.