The Interrupsters é un grupo estadounidense de ska punk que se formou nos Ánxeles no ano 2011. A banda está formada por Aimee Interrupter (voz principal), Jessie Bivona (batería), Justin Bivona (baixo) e Kevin Bivona (guitarra). Ata a data editaron tres álbums, o último deles, Fight the Good Fight, no ano 2018, xunto co sinxelo principal do disco, "She's Kerosene".

Historia

Formación e primeiros anos Os tres irmáns Bivona coñeceron á solista Aimee Allen en 2009, mentres viaxaba coa súa banda Telacasters apoiando a The Dirty Heads e Sugar Ray. En 2011 Aimee e Kevin comezaron a escribir cancións xuntos e trouxeron aos irmáns de Kevin, os xemelgos Jesse e Justin, para tocar a batería e o baixo. Isto levou aos catro a formar The Interrupters.

A banda comezou cedo facendo xiras con bandas como Rancid, The Transplants, Devil's Brigade e Left Alone, ademais de tocar no festival estadounidense Riot Fest en Chicago e Denver, e no festival canadense Amnesia Rockfest, todo isto antes de lanzar o seu primeiro álbum.

A miúdo participaron no proxecto de Tim Armstrong chamado Tim Timebomb and Friends, que viu o lanzamento en liña dunha canción ao día durante un ano. Tamén foron membros do grupo de xira. O primeiro sinxelo lanzado foi a canción "Liberty", seguido pouco despois pola canción "Family", que contou con Tim Armstrong como vocalista invitado e que foi lanzada a través do proxecto Tim Timebomb and Friends. Os dous sinxelos foron lanzados como unha edición limitada de 7" a través de Pirates Press Records.

The Interrupters, Say It Out Loud O disco homónimo de The Interrupters foi lanzado o 5 de agosto de 2014 por Hellcat/Epitaph Records. O disco debutou no número 95 na lista de álbums estadounidense de iTunes. O primeiro sinxelo, "Take Back The Power", foi usado en anuncios de T-Mobile, Shameless, do Home Run Derby 2016 da MLB, e na película de Michael Moore Where to Invade Next, ademais de aparecer nos créditos finais do filme.

Tras o lanzamento a banda xirou polos Estados Unidos e o Canadá para promover o álbum coas simpatías de The Mighty Mighty Bosstones, Street Dogs, Less Than Jake, Big D and The Kids Table, Reel Big Fish, Rancid e The English Beat. A banda tamén xirou por Europa con Bad Religion, e tocou no Soundwave Festival en Australia e no Groezrock Festival en Bélxica.

O segundo álbum de The Interrupters, Say It Out Loud, foi editado o 24 de xuño de 2016 novamente a través de Hellcat/Epitaph Records. Tamén foi producido por Tim Armstrong e chegou ao número 7 da lista de álbums Billboard Heatseekers, ao 25 na Billboard Independent Albums, ao 38 na Billboard Top Rock Albums, e ao 22 na Billboard Vinyl Albums, e estreouse no número 56 na lista estadounidense de álbums de iTunes.

Para promover Say It Out Loud, a banda tocou en toda a Vans Warped Tour durante o verán de 2016, e despois embarcouse na súa primeira xira estadounidense como cabeza de cartel, levando ao grupo de Fat Wreck Chords Bad Cop Bad Cop como abreconcertos.

Fight the Good Fight O 2 de maio de 2018 The Interrupters anunciou que o álbum Fight the Good Fight, producido por Tim Armstrong, sería lanzado o 29 de xuño por Hellcat/Epitaph. O primeiro single, "She's Kerosene", alcanzou o número 4 na lista da Billboard de cancións alternativas. O álbum chegou ao número 2 na lista de discos independentes da Billboard, e ao número 141 na Billboard 200. A banda apareceu na portada da revista Kerrang! en abril de 2019 e foi nomeada para un premio Kerrang! Awards dese ano.

Billy Kottage, antigo membro de Reel Big Fish, estivo xirando co grupo dende principios de 2019, tocando o órgano Hammond Organ e o trombón.

Membros

Aimee Interrupter - voz principal (2011 - presente) Kevin Bivona - guitarra, voz principal e coros (2011 - presente) Justin Bivona - baixo, coros (2011 - presente) Jesse Bivona - batería, coros (2011 - presente)

Discografía

Álbums de estudio

The Interrupters, (Hellcat/Epitaph, 2014) Say It Out Loud, (Hellcat/Epitaph, 2016) Fight the Good Fight, (Hellcat/Epitaph, 2018)

Recompilatorios e splits

2016 Warped Tour Compilation – varios artistas, Side One Dummy Records (2016) Hooligans United: A Tribute to Rancid – Varios artistas, Hellcat/Smelvis Records (2015) Dale la Bota – varios artistas, Smelvis Records (2013) 2018 Warped Tour Compilation – varios artistas, Side One Dummy Records (2018)

Notas

Categoría:Grupos musicais dos Ánxeles Categoría:Grupos musicais de ska Categoría:Grupos musicais formados en 2011