Jane Flax, nada o 31 de decembro de 1948, é unha teórica feminista, doutorada en filosofía, e psicanalista estadounidense. En 2017 impartía clases no departamento de Filosofía e Relixión na American University en Washington D.C, e practicaba a psicanálise de forma privada.
Ten unha perspectiva crítica coas posturas esencialistas do feminismo da diferenza. A través da análise de escritos de diversos pensadores, a autora reflexiona e escribe en forma de diálogo, sobre tres importantes modos do pensamento occidental contemporáneo: a psicanálise, as teorías feministas e as filosofías posmodernas.
Formación A súa formación superior comezou cando estudou Teoría Política en Berkeley. Involucrouse no Movemento polos Dereitos Civís e contra a Guerra de Vietnam. Interesouse polo pensamento social xermánico e polas relacións entre coñecemento e poder.
Durante os anos nos que estudou un posgrao de Teoría política e Filosofía en Yale, entre 1969 e 1974, xurdiu a segunda onda do feminismo norteamericano, onde ela militou. Organizou grupos de discusión no Women´s Center sobre feminismo. En Yale comezou a interesarse pola psicanálise. Involucrouse na revista feminista americana Quest.
Mudouse a Washington D.C en 1978, onde escribiu os seus primeiros artigos sobre teoría feminista.
Traxectoria Jane Flax defende que a cultura occidental está nunha fase de transición. Examina as construcións de xénero e os modos de pensamento, ou Metateoría, que apoian esas construcións. Localiza a teoría feminista dentro da filosofía posmoderna como unha análise de relacións sociais fluídas e históricas. Defende que o posmodernismo distancia a xente das crenzas sobre a verdade, o coñecemento, o poder, o eu, e a linguaxe, a través da deconstrución.
Desenvolveu, xunto a outras teóricas feministas, a psicanálise feminista, argumentando que a psicanálise é vital para o proxecto feminista e que debe, do mesmo xeito que outras tradicións teóricas, ser criticado e transformado por mulleres, para liberalo de calquera vestixio de sexismo.
As súas publicacións tratan principalmente sobre teoría feminista, teoría crítica de raza, psicanálise, teorías políticas contemporáneas europeas e americanas, filosofía moral e ética, e relacións entre raza e xénero.
Publicacións Ao longo da súa traxectoria Jane Flax escribiu e publicou unha gran variedade de libros entre os que destacan:
Thinking Fragments: Psychoanalysis, Feminism and Postmodernism in the Contemporary West (1990/1991) Disputed Subjects: Essays on Psychoanalysis, Politics and Philosophy (1993) The American Dream in Black and White: The Clarence Thomas Hearings (1998/1999) Resonances of Slavery in Race/Gender Relations: Shadow at the Heart of American Politics (2010) Ademais, escribiu artigos en xornais e revistas especializadas.
Notas
Categoría:Filósofos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1948 Categoría:Feministas dos Estados Unidos de América Categoría:Psicanalistas dos Estados Unidos de América Categoría:Personalidades da filosofía feminista