A catedral de Ourense, baixo a advocación de san Martiño, é un templo católico situado na cidade de Ourense, sede da diocese do mesmo nome. É de estilo románico de transición con influencias cistercienses nalgúns aspectos arquitectónicos e mateanos no eido escultural, pero no que se realizaron numerosas modificacións posteriores.

O templo foi construído como unha fortaleza defensiva, como adoitaba facerse nos edificios relixiosos da época. Pódese comprobar esta concepción na estrutura das torres orixinais e nas ameas que coroaban os muros, das que aínda queda algunha mostra se ben a maioría foron eliminadas durante as reformas posteriores.

Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e recibe os honores de basílica desde 1867, por Breve Pontificio do papa Pío IX asinado o 30 de xuño dese ano Datas tomadas da páxina web do Bispado, se ben noutro punto da mesma atrasan esta última data ata 1887 (ten honores de Basílica desde o ano 1887) , algo imposible dado que o papa Pío IX morreu o 7 de febreiro de 1878.. Está rexistrada como Ben de Interese Cultural co código RI-51-0000771.

Orixes Segundo a narración do historiador da igrexa Gregorio de Tours (538-594), a catedral de Ourense ten a súa orixe nun templo que mandara construír a mediados do século VI o monarca suevo Carriarico (rei de Galicia entre os anos 550 e 559). Este rei tiña un fillo enfermo de gravidade Algunhas fontes especifican que se trataba da lepra (Arquivoltas.com, Arteguías.com, Turismo.galiciadigital.com, Artehistoria.jcyl.es). e, coñecedor dos milagres que obraba san Martiño, pediulle a curación do fillo entregándolle diversos obxectos de ouro e prata. Como o fillo non sanara, Carriarico mandou levantar unha igrexa en honor ó santo e conseguiu que lle mandaran reliquias do santo desde Tours, e agora si que curou totalmente; simultaneamente, cesou de socato un andazo de cólera que azoutaba o seu reino. Ante tal milagre, o monarca e a súa corte convertéronse ó cristianismo."Patrones y santos", na web da diocese de Ourense .

A creación da diocese de Ourense pode situarse ó redor do ano 433 Historia da Diocese de Ourense. O primeiro bispo documentado foi Vitimiro Ou Witimir, Witimer, Witimiro ou Güitimiro., que asiste en calidade de tal ó Segundo Concilio de Braga, no ano 572.A Gran Enciclopedia Galega , s.v. "Catedral", noméao Witimer e sitúao no Concilio de Lugo en 569.

As incursións dos musulmáns a finais do século IX destruíron o templo -e a cidade- pero, ó pouco, o rei Afonso III o Magno costeou a reconstrución dun templo dedicado á Virxe, a san Xoán e a san Martiño, entre os anos 886 e 889, pero Almanzor volveu destruír a cidade no 988, quedando vacante o bispado durante case un século.

Por fin, Sancho II comeza a restauración definitiva da cidade cara ao ano 1071. Nomea bispo a Ederonio, quen ordena en 1084 a construción dun novo templo con funcións de catedral sobre as ruínas da antiga igrexa sueva, templo que se erixe onde hoxe se levanta a igrexa de Santa María Nai, preto da Praza Maior Non se conserva nada daquela primitiva edificación, agás catro columnas de mármore e os seus capiteis, que hoxe adornan a fachada barroca desta igrexa.. Parece ser que esta igrexa cumpriu nun principio funcións de catedral en tanto se construía a definitiva, aínda que as súas reducidas dimensións non permitía desenvolver o culto satisfactoriamente.Catedral de San Martiño de Ourense, ficha en Patrimonio Galego.

Tempo despois, Tareixa de Portugal renova en 1122 o título de cidade para Ourense e confirma o couto da catedral, ampliado logo por Afonso VII. Este notable incremento dos ingresos no bispado permitiu afrontar a construción dun novo templo, xa en plena época do románico, que será a actual catedral de Ourense. Foron os bispos Diego de Velasco (1100-1132) e Martiño (1132-1156) quen decidiron as obras. Baixo o bispado de Pedro Seguín (1157-1169) levántanse as ábsidas e continúan a construción os seus sucesores Adán (1169-1173) e sobre todo Afonso (1174-1213), que a consagra con reliquias traídas de Tours, en 1188"Sendo consagrado o seu altar maior en 1188" ; "Está constatado que a data de consagración do altar maior é no ano 1188" . Outras fontes dan como data da consagración o ano 1194 (Gran Enciclopedia Galega, s.v. "Catedral"; Ángel del Castillo, px. 389).. A consagración realizouna Gadino, arcebispo de Braga, coa presenza dos bispos das dioceses limítrofes (Lugo e Tui); o propio rei Fernando II foi quen conseguiu que se trouxeran as reliquias de san Martiño desde Tours.

Rematouse a obra a mediados do século XIII, co bispo Lourenzo (1218-1248), coa construción do Pórtico do Paraíso.

Construción 300px|miniatura|Vista panorámica da fachada sur. Poden diferenciarse tres fases, que obedecen á intervención de tres bispos. Posteriormente sufriu numerosas modificacións. Na primeira fase, entre 1157 e 1169, os bispos Diego de Velasco e Martiño comezan a construción, e Pedro Seguín levanta a ábsida maior (e probablemente as laterais). As ábsidas laterais foron derruídas no século XVII cando se construíu o deambulatorio. A construción segue as formas maduras do románico. Na segunda fase, entre 1174 e 1213, o bispo Afonso impulsa decididamente as obras e conclúe as ábsidas laterais cerrando así a cabeceira; constrúese tamén o transepto, os pórticos norte e sur e os dous primeiros tramos da nave principal. Realiza a consagración do altar maior. No eido escultórico, compróbase a presenza nesta fase de escultores procedentes da escola do mestre Mateu, ós que se deben os pórticos sur e norte. Na terceira e última fase, entre 1218 e 1248, o bispo Lourenzo conclúe as obras, rematando a nave principal coa construción do Pórtico do Paraíso e a Torre das Campás.

No século XIV comeza a construción do claustro (a Claustra Nova), que nunca se rematou. O ciborio é moi posterior, construíndose nos primeiros anos do século XVI, en estilo gótico.

No século XVI realízanse as reformas máis substanciais. A consecuencia das loitas entre o conde de Benavente, Rodrigo Alonso de Pimentel, e o de Lemos en 1471O Conde de Lemos, que daquela era o protector da cidade, refuxiuse na Catedral que, lémbrese, tiña unha estrutura defensiva., a catedral resultou seriamente danada, o que motivou que o Cabido afrontase unha restauración en profundidade, xa que a basílica "está muy sentida e desplomada e peligrosa para caer e ansy esta apuntalada e zinbrada e se tiene temor e sospecha que benga presto a se caer e fenecer" . Estas reformas afectaron á fachada occidental, á fachada norte, á nave sur do transepto etc.

O deambulatorio constrúese entre 1620 e 1633, coa consecuencia, como xa se dixo, do derrubamento das ábsidas laterais. A torre das Campás tomou a forma actual entre o XVII e o XVIII. A capela do Cristo construíuse en pleno barroco.

Á marxe destas actuacións principais producíronse constantes reformas e ampliacións ó longo dos séculos, como aconteceu con tódalas catedrais, ata ben entrado o século XX. Así, na catedral mestúranse elementos románicos, góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos.

Descrición A catedral ten unha planta típica de cruz latina con tres naves lonxitudinais: nave maior de nove tramos e dúas laterais, o cruceiro -dunha soa nave con catro tramos en cada brazo- e a ábsida central, única que se conserva, e parcialmente mutilada. Carece de galería ou triforio.

A disposición non segue o modelo das igrexas de peregrinación, como a catedral de Santiago. En todo caso, Ourense é cidade de paso da Ruta da Prata, un dos Camiños de Santiago, pola que acceden a Compostela os peregrinos procedentes do sur e sueste da Península Ibérica"Camino del Sudeste – Vía de la Plata (por Laza)" , reportaxe de Olalla Sánchez Pintos na web Camino de Santiago.

Orixinalmente tivo un coro no comezo da nave central, pero foi desmontado en 1937 para ser colocado na capela maior e na capela do Santo Cristo, ademais dalgunhas pezas noutras dependencias da catedral.

O desenvolvemento urbanístico da cidade ó redor da catedral privou a esta de espazos libres ó seu redor de amplitude suficiente para poder apreciar o edificio no seu conxunto. Non hai moitos anos derrubáronse varias edificacións que había acaroadas á cabeceira, co que se despexou a vista desa parte do templo. Tamén as había e houbo que derrubalas, no muro sur da nave maior, cara ao pé da igrexa.Imaxe dunha maqueta da Catedral que intenta suplir as limitacións da vista actual.

Fachadas A catedral de Ourense abre á praza de San Martiño, polo oeste; á rúa Juan de Austria, polo norte; e á praza do Trigo, polo sur. A cabeceira dá á antiga praciña das Flores (hoxe praza de Los Suaves Efectivamente, o Concello renomeou en xuño de 2003 esa praza co nome de Los Suaves, "Poetas do amor, do desencanto e da vida, que dende Ourense compuxeron rock para todo o mundo", segundo reza a placa colocada na praza.) e rúa da Unión.

Fachada norte miniatura|300px|Portada norte. A actual fachada norte non é a orixinal, xa que sufriu danos cando o conde de Benavente atacou a cidade en 1471. Foi restaurada ó pouco tempo e de aí a presenza de elementos de factura gótica mesturados cos románicos. A portada presenta tres pares de columnas, das que as dúas interiores presentan cadansúa estatua (en moi mal estado); á dereita, a columna exterior presenta estrías helicoidais e, na parte superior da segunda, unha figura humana incompleta. As arquivoltas presentan decoración vexetal e animal, pero as dúas externas foron labradas na restauración do XVI; na interior aparece Cristo mostrando as chagas das mans, na doela central, e seis anxos a cada lado portando os instrumentos da Paixón e filacterias Na iconografía relixiosa, as filacterias son as cintas ou rolos de papel nos que se inscribe un nome, unha lenda ou un símbolo.; a cara inferior desta mesma arquivolta presenta outros trece anxos. O arco interior da porta é polilobulado, con varios arquiños en cuxo intradorso se tallaron parellas de figuras humanas, excepto nos arquiños inferiores, nos que aparecen pequenas figuras de feros animais. O correspondente á clave é un anxo decapitado que porta un crecente lunar. As figuras dos anxos astróforos foran introducidas polo mestre Mateu na cripta da catedral compostelá"La fachada Norte" , reportaxe sobre a Catedral na web da diocese de Ourense .

Son especialmente interesantes os capiteis, decorados con figuras antropomorfas e seres mitolóxicos (centauros, sereas etc.) Os capiteis das columnas exteriores son tamén do século XVI., así como as mochetas.

No corpo superior desenvólvese un tímpano semicircular no que se representa a Piedade no centro (a Virxe con Cristo morto) e as figuras de san Xoán e a Madalena ós lados. Á esquerda, a imaxe de san Martiño a cabalo, acompañado do mendigo, e á dereita Santiago e san Pedro. Nos extremos, o escudo dos Reis Católicos -á dereita- e o dos Fonseca -á esquerda-. Nunha fila superior, unha cruz no centro e catro anxos portando cálices, látego e lanza, e outros dous anxos, a un nivel un pouco inferior, portando incensiarios.

Separa as arquivoltas do tímpano unha imposta corrida adornada con pequenas figuras humanas e animais e motivos vexetais. No extremo esquerdo da imposta (entre as arquivoltas e o tímpano) os canteiros labraron tres figuras humanas núas, estando a central de costas ó espectador e mostrando o cu; no extremo dereito, unha parella núa le un libro.

Finalmente, sobre o tímpano, ábrese un gran rosetón.

Fachada sur