O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. O elenco está composto por actores non profesionais da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Estreouse na sección "Un Certain Regard" do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019, onde gañou o premio do Xurado, sendo a terceira vez que un filme de Laxe participa no concurso do certame francés e a primeira que un filme en galego é proxectado na sección oficial. É o filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados, superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro (1989).
Sinopse
A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (interpretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.
Personaxes Amador Arias como Amador Coro Benedicta Sánchez como Benedicta Elena Mar Fernández como Elena, a veterinaria Inazio Abrao como Inazio Iván Yáñez David de Poso Álvaro de Bazal
Produción esquerda|miniatura|180px|Óliver Laxe na XII edición dos Premios Gaudí (2020). En maio de 2017, logo de que Óliver Laxe recibise o Premio da Semana da Crítica de Cannes por Mimosas, deuse a coñecer cal sería o seu seguinte proxecto cinematográfico. O filme está motivado polos moitos incendios ocorridos durante varios anos en Galicia. Nas primeiras fases do proxecto, o filme recibiu o título provisional de "Aquilo que arde". A idea orixinal era a de crear un falso documental sobre os incendios, mais o proxecto evolucionou a un filme de ficción. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Luxemburgo, onde os incendios e a piromanía teñen unha grande importancia para o argumento e os personaxes, mais segundo o propio director é en realidade un filme sobre a desaparición do rural, que moitas veces é acelerado polos lumes. O equipo de produción do filme comezou a buscar actores non profesionais en Navia de Suarna e escolleron a Amador Arias, garda forestal de profesión, e a Benedicta Sánchez, unha muller de 83 anos no momento da rodaxe, como protagonistas.
Rodaxe O filme comezou a rodaxe en marzo de 2018, e entre as súas localizacións están varios lugares dos concellos lucenses de Cervantes e Navia de Suarna. O verán dese ano foi un dos que menos incendios sufriu na historia recente de Galicia, en contraposición coa vaga de incendios forestais de 2017.
Para poder gravar preto do lume, o equipo de rodaxe tivo que recibir adestramento físico e teórico como bombeiros. Acompañaron a bombeiros profesionais nos labores de extinción formando unha pequena unidade baixo a responsabilidade do xefe de brigada. En ocasións, o equipo tivo que deixar de rodar para axudar a extinguir o lume. Todas as escenas dos incendios foron filmadas cunha cámara Super 16 e sen ningunha manipulación da imaxe, decidindo rodar moitas escenas durante a noite para salientar a "beleza" do incendio.
Banda sonora Laxe emprega o son e a música para amplificar a agonía da natureza, cunha combinación de música clásica que substitúe a banda sonora tradicional. Empréganse composicións de Antonio Vivaldi, como o "Cum dederit" de Nisi Dominus, salmo 126, interpretada por Sara Mingardo, ou composicións de Georg Friedrich Händel.
Estrea O que arde tivo a súa estrea mundial na 72ª edición do Festival Internacional de Cinema de Cannes na sección oficial Un Certain Regard o 21 de maio de 2019, onde gañou o premio do Xurado, sendo a primeira vez que un filme en lingua galega é proxectado na sección oficial. O filme estreouse nos cinemas de Francia en 54 salas de 21 cidades do país o 4 de setembro de 2019, baixo o título Viendra le Feu e da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Estreouse en versión orixinal en galego con subtítulos.
En Galicia, tivo dúas preestreas. A primeira realizouse o 29 de setembro de 2019 na Praza da Vila de Navia, en Navia de Suarna. A elección deste concello debeuse á orixe da familia do director, xa que a nai de Laxe é de Vilela, da parroquia de Son, así como por ser lugar de rodaxe de parte do filme. A segunda preestrea fíxose o 1 de outubro de 2019 no Festival Curtocircuíto, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Estreouse en 19 cinemas de toda Galicia o 11 de outubro de 2019 a través de NUMAX Distribución, nas sete cidades galegas e nas vilas de Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis, así como no resto do estado noutras 30 salas en versión orixinal con subtítulos en castelán e catalán. É un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia.
O 12 de outubro de 2019, O que arde estreouse no Festival de Cinema de Nova York dentro da sección oficial. Laxe non puido asistir á presentación por mor da negativa dos Estados Unidos a concederlle a ESTA, a autorización electrónica para viaxar a este país, por ter visitado Irán en 2016.
Acollida Na primeira fin de semana logo da súa estrea en España, O que arde conseguiu máis de 11 000 espectadores en todo o estado, e o 14 de outubro entrou no décimo posto dos dez filmes máis vistos ese día no estado. Segundo a distribuidora do filme, NUMAX, foi a segunda mellor estrea dun filme independente da tempada. Na súa sexta semana nos cinemas, converteuse no filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados, superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro que mantiña o récord dende 1989.
Resposta da crítica O que arde recibiu a aclamación da crítica e na páxina web Rotten Tomatoes conta cun 92% de aprobación en base a 25 críticas.
O crítico Thomas Baurez da revista francesa de cinema Première cualificou o filme como "un filme incandescente e poderoso". Nunha recensión para a revista de entretemento estadounidense The Hollywood Reporter, David Rooney chamouno "unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante".
Galardóns e nomeamentos dereita|miniatura|Benedicta Sánchez co Premio Goya á mellor actriz revelación.
O que arde estreouse en numerosos festivais e premios cinematográficos, salientando a súa participación no Festival de Cannes de 2019 na sección Un Certain Regard, onde gañou o Premio do Xurado. O filme competiu na 34ª edición do Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata, o máis prestixioso festival de cinema de América Latina, onde gañou o Astor de Ouro ó mellor filme. Nos Premios Gaudí de 2020, o filme foi recoñecido como mellor filme europeo, ademais de conseguir o premio de mellor dirección de fotografía para Mauro Herce.
Na 34ª edición dos Premios Goya, O que arde estivo nomeado a catro categorías, incluído mellor filme, mellor director, mellor fotografía e mellor actriz revelación. Finalmente, gañou os premios de mellor fotografía para Mauro Herce e mellor actriz revelación para Benedicta Sánchez. Sánchez tamén foi recoñecida pola Xunta de Galicia no ano 2019 coa medalla Castelao pola súa aparición no filme.
Na 18ª edición dos Premios Mestre Mateo, foi nomeado en doce categorías, incluíndo mellor filme, mellor director, mellor actor, mellor actriz, mellor fotografía e mellor guión. Finalmente, gañou 6 Premios Mestre Mateo, os de mellor filme, mellor director, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor son e mellor fotografía..
En outubro de 2020, foi preseleccionado pola Academia de Cine Español como un dos candidatos, xunto con El hoyo e La trinchera infinita, a representar a España na 93ª edición dos Óscar. O 3 de novembro, anunciouse que o candidato para os Óscar será La trinchera infinita.
AnoCerimoniaCategoríaGalardoadoResultado2019 Festival de Cannes de 2019 Premio do Xurado, sección "Un Certain Regard" Óliver Laxe Gañador Premio "Un Certain Regard" Óliver LaxeNomeado Festival de San Sebastián de 2019 Film Commission Óliver Laxe Gañador Festival de Cinema Internacional de Ourense Premio Galicia Óliver Laxe Gañador Premio Especial do Xurado Óliver Laxe Gañador Chicago Film Festival Mellor deseño de son David Machado Gañador Festival Internacional de Cinema de Tesalónica Mellor filme. Premio Alexandre de Ouro Óliver Laxe Gañador Mellor actor Amador Arias Gañador Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata Astor de Ouro ó mellor filme Óliver Laxe Gañador Mellor guión Óliver Laxe e Santiago Fillol Gañador Auteur Film Festival de Belgrado Mellor director Óliver Laxe Gañador Premio Vlada Petric Secuencia máis cinematográfica Gañador Festival Internacional de Cinema de Hainan Premio do Xurado, "Coco de Ouro" Óliver Laxe Gañador2020 XXXIV edición dos Premios Goya Mellor filme Óliver LaxeNomeado Mellor director Óliver LaxeNomeado Mellor actriz relevación Benedicta SánchezGañadora Mellor dirección de fotografía Mauro HerceGañador Premios Gaudí de 2020 Mellor filme europeo Óliver Laxe Gañador Mellor dirección de fotografía Mauro Herce Gañador Premios RNE Sant Jordi de Cinematografía Mellor filme español Óliver Laxe Gañador Premios Feroz de 2020 Mellor drama Óliver LaxeNomeado Mellor director Óliver LaxeNomeado Mellor guión Óliver Laxe e Santiago FillolNomeado Mellor cartel Aitor Errazquin e Carlos HidalgoNomeado Mellor tráiler Marcos FlórezNomeado Premios Forqué Mellor filme Óliver LaxeNomeado 18ª edición dos Premios Mestre Mateo Mellor filme Óliver Laxe Gañador Mellor director Óliver Laxe Gañador Mellor actor Amador AriasNomeado Mellor actriz Benedicta SánchezNomeada Mellor guión Óliver Laxe e Santiago FillolNomeados Mellor dirección de produción Koldo Zuazúa, Guadalupe Balaguer e Analía G. AlonsoNomeados Mellor dirección artística Samuel Lema e Curru Garabal Gañadores Mellor montaxe Cristóbal Fernández Gañador Mellor son David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto Gañadores Mellor fotografía Mauro Herce Gañador Mellor maquixalle e peiteado Nadia AcimiNomeada Mellor vestiario Nadia AcimiNomeada
Notas
Véxase tamén Outros artigos Incendios en Galiza Only on Earth Lista de filmes en galego con maior recadación Lista de títulos con versión en galego nas plataformas de streaming
Bibliografía Anónimo, « L'éthique du feu selon Olivier Laxe », Courrier international 1504, Courrier international S.A., París, 29 de agosto de 2019, páxina 43, 1154-516X Ligazóns externas Páxina oficial
Ficha en AllMovie Ficha en BoxOfficeMojo Ficha en MetraCritic Ficha en RottenTomatoes
Categoría:Filmes de 2019 Categoría:Filmes en lingua galega Categoría:Filmes de Galicia Categoría:Filmes de Francia Categoría:Filmes de Luxemburgo Categoría:Filmes dirixidos por Óliver Laxe Categoría:Filmes rodados en Galicia Categoría:Filmes sobre lumes Categoría:Filmes sobre pirómanos Categoría:Premio Mestre Mateo ó mellor filme Categoría:Artigos destacados sobre Galicia