Xoán III Ducas Vatatzés, nado en 1193 e finado o 3 de novembro de 1254, foi un emperador bizantino, no exilio no Imperio de Nicea, de 1222 a 1254.

Traxectoria Aínda que sufría epilepsia, logrou distinguirse tanto como soldado que en 1222 foi elixido para suceder ao seu sogro Teodoro I Láscaris. Casou coa filla de Láscaris, Irene Láscaris (Eirene Laskarina) en 1212. Tiveron un fillo, Teodoro, pero tras un accidente de cabalo de Irene, esta non puido volver ter fillos; entón, retirouse a un convento, tomando o nome de irmá Uxía, e alí morreu en 1239. Xoán volveu a casar con Constanza (Ana) de Sicilia, filla ilexítima de Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio, pero non tiveron descendencia.

Reorganizou os restos do Imperio bizantino (Imperio de Nicea) e grazas ás súas capacidades administrativas, fixo del un dos estados máis ricos e fortes do Mediterráneo oriental. Tras asegurarse a fronteira oriental cun acordo cos turcos selxúcidas, dedicouse a intentar recuperar as posesións europeas dos seus predecesores. Mentres a súa frota atacaba aos latinos no mar Exeo e estendía o seu reino a Rodas, o seu exército, reforzado con mercenarios occidentais, derrotaba ás forzas do emperador latino.

Aínda que non tivo éxito no asedio de Constantinopla, que levou a cabo de común acordo cos búlgaros en 1235, logrou a supremacía sobre os despotados de Tesalónica e Epiro. A definitiva reconquista de Constantinopla, algúns anos despois da súa morte, débese en gran medida aos seus esforzos previos.

Categoría:Emperadores de Nicea Categoría:Cruzadas Categoría:Dinastía Láscaris Categoría:Bizancio Categoría:Nados en 1193 Categoría:Finados en 1254 Categoría:Nados en Grecia