Otto Ramón Sonnenholzner Sper, nado en Guayaquil o 19 de marzo de 1983, é un empresario, radiodifusor e economista ecuatoriano. Foi Vicepresidente da República de Ecuador dende o 11 de decembro de 2018 até o 10 de xullo de 2020.

Traxectoria Otto naceu en Guayaquil o 19 de marzo de 1983, fillo de Ramón Sonnenholzner e Rosa Elena Sper, no seo dunha familia empresaria e vinculada á radiodifusión, de ascendencia alemá. Está casado con Claudia Salem Barakat e ten tres fillos.

O apelido Sonnenholzner, vén de dúas derivacións Sonnen, que significa sol, e Holzner, madeireiro, é dicir, Madeireiros do Sol e provén da vila de Amerang, situada no sur de Alemaña.

Rematou a secundaria no Colexio Alemán Humboldt coa especialización en ciencias sociais e comunicación, logo realizou os seus estudos de economía internacional na Schiller International University nas súas sedes de Alemaña e España, nas que se graduou co título de economista. Ademais diso, especializouse na Universidade Ludwig Maximilian de Múnic e na Universidade de Passau. Como empresario desenvolveuse no sector da construción, comercio e agricultura. Realizou a súa labor como comunicador e xerente xeral en radio Tropicana e foi presidente Asociación Ecuatoriana de Radiodifusión (AER) en Guayas. Tamén realizou actividade como profesor universitario na Universidade Católica de Santiago de Guayaquil.

Trala renuncia irrevogable de María Alejandra Vicuña en decembro de 2018, foi proposto polo presidente Lenín Moreno como substitución de Vicuña á vicepresidencia e encabezou a terna presentada á Asemblea Nacional para este cargo. Trala elección realizada na Asemblea Nacional o martes 11 de decembro de 2018, foi escollido como vicepresidente da república.

Dez días despois da súa designación déronse como funcións o seguimento do Diálogo Social Nacional, a coordinación das accións dos Consellos Sectoriais, e ser parte do desenvolvemento da axenda sustentable e a atracción de investimentos.

Notas

Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados en Guayaquil Categoría:Vicepresidentes de Ecuador Categoría:Ecuatorianos de ascendencia alemá