Investigadores atoparon que nos Estados Unidos o suicidio entre mozos adolescentes lesbianas, gai, bisexuais, transxénero, e aqueles que non están seguros da súa sexualidade (LGBT) é comparativamente máis alto que entre a poboación xeral, principalmente debido á cultura heterocéntrica e a homofobia institucionalizada, incluíndo o uso da poboación LGBT como unha cuña política no esforzo por paralizar a legalización do matrimonio homosexual. A depresión, o sentimento de soidade, de incomprensión e o uso de drogas entre a poboación LGBT dos Estados Unidos víronse aumentar significativamente trala aprobación de leis nalgúns estados do país que discriminan a homosexuais.
Informes e estudos Ademais, «os estudantes LGBT tiñan unha maior probabilidade de formularse seriamente abandonar a súa institución [educativa] como resultado do acoso e a discriminación.» Susan Rankin, unha dos autores do informe de Miami, atopou que «de forma unívoca, o [informe] 2010 State of Higher Education for LGBT People («Estado da educación superior para persoas LGBT en 2010») demostra que os estudantes, profesores e empregados LGBTQ viven un ambiente "xeado" de acoso no campus e comunidades que son moito menos que acolledoras.»
Un informe do goberno dos Estados Unidos, titulado Report of the Secretary's Task Force on Youth Suicide («Informe do grupo de traballo do Secretario sobre o suicidio xuvenil»), publicado en 1989, atopou que os mozos LGBT teñen unha probabilidade catro veces maior de tentar suicidarse que outros mozos. Esta maior incidencia de pensamentos suicidas, e de problemas mentais en xeral, entre adolescentes homosexuais en comparación cos seus compañeiros heterosexuais, foi atribuída á tensión producida por ser unha minoría.
A pesar de que é imposible saber a porcentaxe de suicidios de mozos LGBT, debido a que a sexualidade e o xénero destas minorías moi a miúdo está oculto, especialmente nestas idades, o fenómeno está a ser estudado para explicar as causas concretas. En 2004, 1985 adolescentes estadounidenses menores de 20 anos suicidáronse, un incremento do 18% respecto ó ano anterior. «Máis de 34.000 persoas falecen por suicidio ó ano», converténdoa «na terceira causa de morte entre as persoas de 15 a 24 anos[,] con mozas lesbianas, gais e bisexuais tentando o suicidio catro veces máis frecuentemente que os seus compañeiros heterosexuais.»
En España tamén se dá a homofobia nas aulas, co perigo de suicidio que leva. Nun estudo realizado pola federación COLEGAS entre 30.000 estudantes andaluces de ESO e Universidade, o «81% consideran que se un integrante da súa clase se definise en público como gai, lesbiana, bisexual ou transexual, sería discriminado». Un estudo de COGAM (2008) mostra que no 31% dos agresores de homosexuais era un compañeiro de clase.
Homofobia institucionalizada e internalizada A homofobia institucionalizada e internalizada tamén pode levar ós mozos LGBT a non aceptarse e ter conflitos internos profundos sobre a súa orientación sexual. Os mozos LGBT tamén son expulsados do seo familiar con relativa frecuencia a unha idade temperá, tras saír do armario.
A homofobia, independentemente de como se chegou a ela, pode ser a orixe do acoso escolar. Como se viu nos suicidios de nove mozos LGBTQ ocorridos en setembro de 2010 nos Estados Unidos, o acoso grave pode levar ó suicidio. O acoso non ten porqué ser físico, se non que pode ser emocional, viral, sexual ou racial. O acoso físico adoita consistir en patadas ou puñadas, mentres que o «acoso emocional» consiste en insultos, creación de rumores e outros tipos de abuso verbal. O «abuso viral» ou «ciberacoso» inclúe o envío de textos ou mensaxes do tipo anterior en Facebook, Twitter ou outras redes de comunicación social. O «acoso sexual» adoita consistir en tocamentos, xestos e chistes obscenos; finalmente o «acoso racial» está relacionado cos estereotipos e a discriminación.
O acoso escolar pode ser interpretado como un tipo de «rito de paso», pero diversos estudos mostraron que ten efectos físicos e psicolóxicos negativos. «Mozos pertencentes a minorías sexuais ou adolescentes que se identifican como gais, lesbianas ou bisexuais, son acosados dúas ou tres veces máis que os heterosexuais» e «case todos os estudantes transxénero foron acosados verbalmente (p.ex. insultados ou ameazados no ano anterior [ó estudo] debido á súa orientación sexual (89%) e á expresión do seu xénero (89%)», de acordo co estudo Harsh Realities, The Experiences of Transgender Youth In Our Nation’s Schools («Dura realidade, as experiencias de mozas transxénero nas escolas da nosa nación») do Gay, Lesbian and Straight Education Network.
O asunto foi fortemente discutido nos medios de comunicación nos últimos anos nos Estados Unidos, e máis aínda en setembro e outubro de 2010. O presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, realizou un vídeo na páxina web da Casa Branca como parte do proxecto It Gets Better. A primeira dama, Michelle Obama, atribuíu ese tipo de comportamento acosador ó exemplo que dan os pais, que na maioría dos casos, é seguido polos fillos.
The Trevor Project The Trevor Project (O proxecto Trevor) foi fundado polo escritor James Lecesne, a directora de cine e produtora Peggy Rajski e o produtor Randy Stone, creadores da curta Trevor, gañador do Óscar á mellor curta en 1994, sobre un mozo gai de 13 anos que, tras ser rexeitado polos seus amigos por mor da súa homosexualidade, trata de quitarse a vida. Trátase dunha ONG dos Estados Unidos que xestiona a única liña telefónica especializada en mozos LGBTQ suicidas a nivel nacional, 24 horas ó día. O proxecto «ten como obxectivo acabar co suicidio entre mozos LGBTQ ofrecendo recursos para salvar vidas e apoiar a vida, incluíndo a nosa liña telefónica para salvar vidas 24 horas ó día 7 días á semana, unha comunidade dixital e programas educativos para crear un ambiente seguro, que apoie e positivo para todos.»
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Homosexualidade na adolescencia Saír do armario LGBT Homofobia Transfobia Suicidio Principios de Yogyakarta
Ligazóns externas
Categoría:Estudos LGTB Categoría:Artigos sen imaxes Categoría:Suicidio