Alien Ant Farm é unha banda de rock alternativo estadounidense formada en Riverside (California) en 1996. Está composta por Dryden Mitchell (voz e guitarra), Terry Corso (guitarra e coros), Tye Zamora (baixo, piano, calimba e coros) e Mike Cosgrove (batería e percusión). A banda leva vendidas ao redor dun millón de copias de discos en todo o mundo dos seus 4 álbums editados.
Historia A finais dos 90, a banda editou o seu álbum de debut, Greatest Hits. O álbum chegou a gañar o premio a mellor álbum independente nos L.A. Music Awards.
No 2000, despois de trabar amizade coa banda de post-hardcore Papa Roach, Alien Ant Farm asinou un contrato coa DreamWorks SKG para o seu primeiro álbum de estudio ANThology.
A banda comezou unha xira no 2001. Nese ano, a súa versión da canción de Michael Jackson "Smooth Criminal" foi o sinxelo número 1 en Australia e Nova Celanda, número 3 no Reino Unido e número 1 na lista estadounidense de Modern Rock. O vídeo musical inclúe numerosas homenaxes a Michael Jackson e os seus vídeos. O seu seguinte sinxelo, "Movies", foi Top 5 no Reino Unido e Top 20 en Nova Celanda. A banda comezaría entón unha xira promocional do álbum.
Na primavera do ano 2002, a banda contribuíu co tema "Bug Bytes" á primeira película de Spiderman, e en maio dese ano tiveron un accidente de autobús mentres estaban de xira por España. O condutor morreu no mesmo, e o vocalista Dryden Mitchell rompeu unha das vértebras cervicais.
Alien Ant Farm retornaría cedo ao estudio para traballar no seu seguinte álbum, truANT, que foi editado no ano 2003 e producido polos membros de Stone Temple Pilots Robert e Dean DeLeo. Dous meses despois da edición do álbum o seu selo pecharía as portas.
En outubro do 2003, o guitarrista Terry Corso deixou a banda alegando "diferenzas irreconciliables". Pouco despois, uniuse Powerman 5000 durante un tempo. Victor Camacho (un vello amigo da banda e guitarrista) uniuse inmediatamente á banda e completou a xira de truANT. Joe Hill foi presentado como novo guitarrista no ano 2005.
No 2004, a banda gravou a canción "Dark in Here" para o videoxogo Punisher. Desafortunadamente a banda tivo que agardar polo permiso da Geffen para poder gravar outro álbum (despois de que Universal Music mercase DreamWorks e os asignase ao selo Geffen Records).
No ano 2005 o grupo gravou co produtor Jim Wirt (que gravara o seu debut Greatest Hits) planeando editar un álbum durante o verán. Así e todo, Geffen deixou de lado o álbum e negáronlle os dereitos para que o editasen eles mesmos. A banda botouse á estrada e fixo bootlegs do material do álbum dispoñibles para todos os seus seguidores. Estas edicións non oficiais foron bautizadas 3rd Draft polos fans.
A finais dese ano a Geffen finalmente accedeu a editar o álbum a través doutro selo da Universal, Universal Music Enterprises. O 4 de maio do 2006 chegaron a aparecer as primeiras informacións sobre as datas de edición do novo álbum; e a banda tamén informou o lanzamento dun DVD para o mesmo día. O 30 de maio o novo álbum, Up in the Attic, foi editado dixitalmente en iTunes. O primeiro sinxelo soi "Forgive and Forget", unha das cancións engadidas a 3rd Draft.
En abril do 2006 o baixista Tye Zamora deixou a banda e decidiu ir á universidade. Foi substituído por Alex Barreto (antigo membro das bandas Chain of Strength, Hardstance e Inside Out). O 29 de xuño a banda tocou no programa Attack of the Show, e o 18 de xullo, Up In The Attic foi editado en todo o mundo xunto con BUSted: The Definitive DVD. Este último incluía os videoclips de "Forgive and Forget", "Around the Block" e "She's Only Evil".
Dende a edición de Up in the Attic, considerado un fracaso comercial, poucas noticias máis apareceron da banda. A súa web estivo sen actualizarse dende novembro do 2006 ata abril do 2007.
Membros Dryden Mitchell: voz. Joe Hill: guitarra. Alex Barreto: baixo. Mike Cosgrove: batería.
Discografía Álbums de estudio Álbum Ano Selo Greatest Hits 1999 Chick Music Records ANThology 2001 DreamWorks Records truANT 2003 DreamWorks Records Up in the Attic 2006 Universal Music Group Always and Forever 2015 Executive Music Group Mantras 2024 autoeditado
EPs Singles: $100 EP - 1996 (auto-editado) Love Songs EP - 1998 (auto-editado)
Ligazóns externas Páxina oficial da banda
Categoría:Grupos musicais de metal alternativo Categoría:Grupos musicais de Riverside Categoría:Grupos musicais formados en 1996