O ergocalciferol, tamén chamado vitamina D2, é un tipo de vitamina D que se encontra nos alimentos e se utiliza como suplemento dietético. Como suplemento utilízase para previr e tratar a deficiencia de vitamina D. Isto inclúe a deficiencia de vitamina D debida a mala absorción intestinal ou enfermidades hepáticas. Tamén pode usarse en casos de hipocalcemia debida a hipoparatiroidismo. Utilízase por vía oral ou inxección intramuscular.

Doses excesivas deste composto poden causar un incremento na produción de urina, presión arterial alta, cálculos renais, insuficiencia renal, debilidade e estrinximento. Se se toman altas doses durante un tempo prolongado pode haber calcificación tisular. Recoméndase que as persoas que toman doses altas fagan revisións do seu nivel de calcio sanguíneo regularmente. A doses normais o uso de ergocalciferol é seguro durante o embarazo. Funciona incrementando a cantidadede calcio absorbido polos intestinos e riles. Entre os alimentos nos que se encontra están algúns cogomelos.

O ergocalciferol foi descrito por primeira vez en 1936. Está na Lista de medicinas esenciais da Organización Mundial da Saúde, que son as medicinas máis efectivas e seguras necesarias para o funcionamento básico dun sistema sanitario. O ergocalciferol está dispoñible como medicamento xenérico e sen receita e é moi utilizado. Por exemplo, en 2016 nos Estados Unidos foi a 56ª medicina máis prescrita polos médicos, con máis de 14 millóns de prescricións. Nalgúns países a certos alimentos, como os cereais para o almorzo e a margarina, se lles engade ergocalciferol.

Uso miniatura|Suplementos de vitamina D2

O ergocalciferol pode utilizarse como suplemento dietético de vitamina D, mentres que o colecalciferol (vitamina D3) prodúcese de forma natural na pel cando se expón á luz ultravioleta. O ergocalciferol (D2) e o colecalciferol (D3) son considerados equivalentes para a produción de vitamina D, xa que en moitos estudos ambas as formas parecen ter unha eficacia similar no melloramento do raquitismo e na redución da incidencia das caídas en pacientes anciáns. Porén, existen informes contraditorios sobre a efectividade relativa, xa que algúns estudos suxiren que o ergocalciferol ten menos eficacia baseándose en que a súa absorción e afinidade de unión son limitadas, e á súa inactivación. Unha metaanálie chegou á conclusión de que as evidencias xeralmente están a favor do colecalciferol á hora de aumentar os niveis de vitamina D no sangue, aínda que se indica tamén que cómpre facer máis investigacións.

Mecanismo

O ergocalciferol é un secosteroide formado pola rotura fotoquímica dun enlace dun esteroide, concretamente pola acción dos raios ultravioleta sobre o ergosterol, unha forma de provitamina D2.

Igual que o colecalciferol, o ergocalciferol é inactivo por si mesmo. Debe sufrir dúas hidroxilacións para facerse activo: a primeira ten lugar no fígado e realízaa o enzima CYP2R1, que orixina o 25-hidroxiergocalciferol (ercalcidiol ou 25-OH D2,) e a segunda prodúcese nos riles pola acción do CYP27B1, para formar a molécula activa 1,25-dihidroxiergocalciferol (ercalcitriol ou 1,25-(OH)2D2), que activa o receptor de vitamina D. A diferenza do colecalciferol, no ergocalciferol a 25-hidroxilación non a realiza o CYP27A1.

O ergocalciferol e os seus metabolitos teñen unha baixa afinidade pola proteína de unión á vitamina D comparado cos da D3. A afinidade de unión do ercalcitriol ao receptor de vitamina D é similar á do calcitriol. O propio ergocalciferol e os seus metabolitos poden ser desactivados por 24-hidroxilación.

Fontes

Fungos, (por cada 100g), D2 + D3: Agaricus bisporus (champiñón común): portobello cru: 0,3 μg (10 IU); exposto á luz ultravioleta: 11,2 µg (446 UI) crimini cru: 0,1 μg (3 IU); exposto á luz ultravioleta: 31,9 µg (1276 UI) Shiitake: cru: Vitamina D (D2 + D3): 0,4 μg (18 UI) seco: Vitamina D (D2 + D3): 3,9 μg (154 UI)

Liques Os espécimes de Cladina arbuscula que crecen en diversas condicións naturais conteñen provitamina D2 e vitamina D2, en cantidades entre 89 e 146 e 0,22 e 0,55 μg/g de materia seca, respectivamente. Tamén conteñen vitamina D3 (entre 0,67 e 2,04 μg/g), aínda que non se detecta provitamina D3. Os niveis de vitamina D correlacionanse positivamente coa irradiación UV.

Plantas Brotes de alfalfa (Medicago sativa subsp. sativa): 4,8 μg (192 UI) de vitamina D2, 0,1 μg (4 UI) de vitamina D3

Biosíntese

O contido de vitamina D2 en fungos e no lique C. arbuscula increméntanse coa exposicións á luz ultravioleta. O ergosterol (provitamina D2) que se encontra nestes seres vivos convértese en previtamina D2 coa exposición UV, a cal despois se transforma en vitamina D2. Se hai pouca exposición á luz UV (ou á luz solar), fórmase pouca vitamina D.

Cando se expoñen á mantenta cogomelos frescos ou en po seco a unha luz artificial equivalente á solar utilizando lámpadas ultravioleta industriais, os niveis de vitamina D2 poden concentrarse en niveis moito máis altos. O procedemento de irradiación non causa unha significtiva decoloración ou branqueamento dos cogomelos. Sinalouse que unha ración normal (aproximadamente de 60 g) de cogomelos frescos tratados con luz ultravioleta aumentaba o seu contido en vitamina D ata niveis de 80 microgramos ou 3200 UI se o cogomelo fora exposto uns 5 minutos á luz ultravioleta antes de ser colleitado.

Os champiñóns cun contido aumentado de vitamina D2 funcionaban igual que un suplemento de vitamina D2; en ambos os casos melloraba o status de vitamina D. A vitamina D2 de lévedo irradiado con luz UV cocido no pan ou cogomelos está biodispoñible e consumilos incrementa os niveis sanguíneos de 25(OH)D.

Nomes Viosterol era o nome que se lle daba ás primeiras preparacións de ergosterol irradiado, termo que é esencialmente sinónmo de ergocalciferol.Science Service (1930) Viosterol official name for irradiated ergosterol, J. Chem. Educ. 7(1) 166, DOI: 10.1021/ed007p166, see [pubs.acs.org/doi/abs/10.1021/ed007p166, accessed 10 July 2014.See "Viosterol" and "Calciferol" at Merriam-Webster Medical Dictionary, e.g., e , consultado o 10 de xullo de 2014.

O ergocalciferol é fabricado e comercializado con varios nomes, como Deltalin (Eli Lilly and Company), Drisdol (Sanofi-Synthelabo) e Calcidol (Patrin Pharma).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas NIST Chemistry WebBook - páxina do ergocalciferol

Categoría:Secosteroides Categoría:Vitamina D Categoría:Polienos