María de la Encarnación Gertrudis Jacoba Aragoneses y de Urquijo, coñecida polo seu pseudónimo literario Elena Fortún, nada en Madrid o 18 de novembro de 1886 e finada na mesma cidade o 8 de maio de 1952, foi unha escritora española dedicada á literatura infantil e xuvenil.

Traxectoria

Infancia e mocidade María de la Encarnación Gertrudis Jacoba Aragoneses y de Urquijo naceu o 17 de novembro de 1886 en Madrid. Era a filla única de Leocadio Aragoneses y Esteban, alabardeiro da Garda Real nado en Abades, e de Manuela de Urquijo y Ribacova, da nobreza vasca, nada en Áraba e casada con Leocadio en segundas nupcias. Foi criada por unha ama pois a súa nai non gozou de boa saúde como lle pasou a ela. Pasaba os veráns na vila segoviana de Abades, na casa do seu avó paterno, Isidro Aragoneses, falecido en 1892. Para protexela pola súa mala saúde e por conciencia de clase, a súa nai non lle permitía xogar con outros nenos. Iso fixo que formase unha personalidade solitaria, soñadora e hipersensíbel. En 1904 faleceu o seu pai e a economía familiar resentiuse.

Matrimonio e maternidade esquerda|miniatura|Eusebio de Gorbea y Lemmi, marido de Elena Fortún (1909) Casou aos dezaoito anos de idade, en 1908, cun primo segundo, Eusebio de Gorbea y Lemmi, militar e tamén escritor, con quen tivo dous fillos; Luís (1908) e Manuel (1909). O seu marido foi destinado con frecuencia fóra de Madrid, e ela non sempre o acompañou. En 1919 instaláronse na rúa Ponzano e como veciño tiveron a Santiago Regidor, catedrático de debuxo e colaborador en Blanco y Negro. Grazas aos faladoiros na súa casa, Fortún coñeceu a figuras relevantes da intelectualidade da época. Entre outras coñeceu a María Rodrigo, María Martos e María Lejárraga. En 1920, faleceu prematuramente o seu fillo pequeno, alcumado Bolín, que contaba con dez anos. En 1922 o seu marido foi destinado a Tenerife e a familia acompañouno durante os dous anos de estancia. Alí estabeleceu unha grande amizade que perdurou até a súa morte con Mercedes Hernández, esposa de Eduardo Díez del Corral, compañeiro do seu marido. Esta familia inspirou os personaxes de Fortún. Alí publicou os seus primeiros artigos no xornal La Prensa.

A escritora Elena Fortún Volveu a Madrid en 1924. Foi nomeada secretaria da asociación Mujeres Amigas de los Ciegos e estudou braille para realizar mellor o seu traballo. Entrou a formar parte da Sociedade Teosófica de Madrid. Na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu, estudou bibliotecoloxía na biblioteca que esta tiña pola fusión da súa propia biblioteca coa do Instituto Internacional de Madrid. A directora era Enriqueta Martín que organizou os estudos que despois cursou Fortún. Destas clases xurdiu a Asociación Libros, que publicou unha revista co mesmo nome na que colaborou Fortún xunto a Carmen Conde, Ernestina de Champourcín e Enriqueta Martín entre outras. As ilustracións estaban a cargo de Viera Sparza. Fíxose socia do Lyceum Club Femenino, lugar de encontro das intelectuais en Madrid, onde foi ler todas as tardes durante once anos. Nos seus artigos publicados na prensa, propuxo temas nos que profundaba na nova condición feminina, por exemplo, defendeu a ilegalización da prostitución rebatendo a idea de que era un mal necesario xa que só beneficiaba os homes.

Os primeiros traballos asinados por Elena Fortún aparecen como colaboracións xornalísticas na revista La Moda Práctica. María Lejárraga animouna a publicar os seus relatos en lugar de vender aspiradoras Electrolux xa que aspiraba a se independizar economicamente do seu esposo. Así presentoulle a Torcuato Luca de Tena, director de ABC, onde comezou a publicar en Gente Menuda, suplemento infantil do dominical Blanco y Negro, xunto a outros autores como Magda Donato e Salvador Bartolozzi. O pseudónimo de Elena Fortún tirouno do título da novela do seu marido, Los mil anos de Elena Fortún, publicada en 1922. A primeira colaboración foi o 24 de xuño de 1928, Celia lo que dice.

Cada domingo aparecían as súas colaboracións, ademais escribiu contos e colaborou en Cosmópolis, Crónica, Estampa, Semana e outras revistas infantís. En moi pouco tempo estes relatos fana célebre, á vez que o seu marido queda nun segundo plano. Entón empezou a me odiar Eusebio, que sempre se dera moita importancia comigoCompraron unha casa en Chamartín de la Rosa que será a que apareza en Celia en la revolución.

A Editorial Aguilar adquiriu os dereitos de publicación e foi publicando os diferentes títulos baixo o nome de Celia y su mundo. Para a feira do libro de 1935, entregou catro libros, Celia y sus amigos, con ilustracións de Gori Muñoz; Cuchifritín, el hermano de Celia, o primeiro de Cuchifritín, que estaba dedicado a Félix, o neno que o inspirou, fillo da súa amiga Mercedes Hernández; El bazar de todas las cosas e un de comedias infantís, Teatro para niños. Seguiu publicando sobre Cuchifritín e Matonkiki até 1936. En 1934 publicou tamén xunto a María Rodrigo Canciones infantiles. Ademais dirixía un consultorio: La Quiromancia al alcance de todos, en Crónica en 1935.

É nesta época cando coñece a Matilde Ras, introdutora da grafoloxía en España, coa que se carteará até a súa morte. Ambas as dúas formaron parte da primeira xeración de feministas españolas con conciencia de grupo e comprometidas cos dereitos das mulleres. Tiveron unha relación intensa que se cualificou de lésbica xa que ambas as dúas pertenceron ao Círculo Sáfico creado pola escenógrafa Victorina Durán en Madrid neses anos.

Guerra Civil, exilio, retorno e morte Ao comezar a guerra, o seu marido, xa retirado, pediu a volta ao servizo activo e concedéronlle a dirección da Escola de Automobilismo de Aviación de Barcelona. Ela quedou en Madrid continuando as súas colaboracións en Crónica. Nos seus artigos escribiu sobre os efectos da guerra no día a día da retagarda, nos nenos e as mascotas.

A editorial Aguilar seguiu publicando os libros de Celia. Estando en 1939 en Madrid ultimando a publicación do seu libro Celia madrecita, as tropas de Franco conseguiron romper a resistencia da capital. Fortún non se reuniu co seu esposo até uns meses despois xa no exilio posto que ambos estiveran fortemente comprometidos co bando republicano e tiveron que se exiliar tras a Guerra civil. Tras múltiples peripecias instaláronse en Buenos Aires. Na Arxentina puido empezar unha nova vida grazas á axuda prestada por Victorina Durán, que traballaba como escenógrafa de Margarida Xirgu. Xirgu foi quen lles proporcionou o contacto co director do diario Crítica, onde Fortún escribiu artigos sobre a pegada de España en América. Tamén escribiu en El Sol sobre grandes personalidades do mundo, sobre todo mulleres, e en La Prensa colaborou con contos. De 1943 data o seu libro Celia en la revolución que non verá a luz até 1987. En 1944 publicou Celia, institutriz en América, que conta as dificultades da adaptación á vida no exilio xa que Celia acompañará o seu pai, militar republicano na súa fuxida. Este libro foi prohibido pola censura franquista. En Buenos Aires coñeceu a Inés Field, muller de profunda relixiosidade que influiría profundamente nela. Desa época é o Cuaderno de Celia, no cal trata da Primeira Comuñón da protagonista. En 1948 decidiu regresar a España e instalarse en Madrid. Mentres estaba a xestionar a volta dela e do seu marido e regularizando a situación de Gorbea co réxime, este suicidouse en Buenos Aires o 16 de decembro de 1948.

Volveu a Arxentina para solucionar a testamentaría e mentres tanto saíron publicados La hermana de Celia (Mila y Piolín); Mila, Piolín y el burro e Celia se casa (cuenta Mila). Marchou a vivir a Nova York co seu fillo mais a convivencia non foi boa e decidiu volver a España instalándose en Barcelona xa que lle Madrid traía moitas lembranzas. Alí coñeceu a Carmen Laforet cando esta deu unha conferencia no Ateneo na que falaba de forma amena e divertida de como se ocupaba da literatura cando os nenos durmían e a noite estaba moi entrada. Era neses momentos cando lendo títulos de libros empezaba a imaxinar os seus títulos. Isto conmoveu a Fortún que nos seus primeiros anos de exilio traballara na Biblioteca de Buenos Aires grazas á intervención de Jorge Luis Borges, ao que coñecía a través da súa irmá Norah Borges, amiga súa dos tempos do Lyceum. Comezaron unha relación epistolar que durou até a morte de Fortún. Tamén se relacionou epistolarmente con Carmen Conde e Esther Tusquets. Seguiu escribindo e en 1950 publicou Los cuentos que Celia cuenta a las niñas e Los cuentos que Celia cuenta a los niños. O seu último libro publicado nese ano, Patita y Mila, estudiantes foi un rotundo éxito. Xa non é un libro de literatura infantil senón xuvenil. Non puido continuar a saga porque o seu editor Manuel Aguilar quixo que escribise un libro sobre Celia y Miguelín que deixou en borrador e sería o primeiro libro dunha serie sobre a crianza. Mais gravemente enferma de cancro de pulmón volveu a Madrid onde faleceu ao sesenta e cinco anos de idade o 8 de maio de 1952. miniatura|Placa situada na casa dos pais de Encarnación Aragoneses Urquijo, na rúa de Huertas, en Madrid.

Traxectoria literaria Comezou a escribir para a infancia en 1928, na revista Blanco y Negro, na sección de Gente menuda, co pseudónimo de Elena Fortún. O 24 de xuño de 1928 viron a luz as historias da nena madrileña Celia Gálvez de Montalbán, que cuestionaba o mundo dos adultos. Estas historias callaron entre o público infantil de tal maneira que a editorial Aguilar se interesou por elas. Así foron vendo a luz títulos tan coñecidos como Celia, lo que dice, Celia en el colegio, Celia y sus amigos, Celia novelista ou Celia madrecita. Celia en la revolución permaneceu inédito até 1987 publicado tamén pola editorial Aguilar, sendo o borrador de 1943. Traballou tamén nas revistas Blanco y Negro, Cosmópolis, Crónica e Semana, e nas infantís Macaco, El Perro, el Ratón y el Gato e outras de España e América.

Ademais de Celia, o seu personaxe máis popular, creou outros personaxes como Cuchifritín e Matonkiki, tamén protagonistas de ciclos novelísticos, e outros como Mila, Roenueces, o Mago Pirulo, o Profesor Bismuto, Lita e Lito e La Madrina. Elena Fortún comprendía como ninguén até o momento a psicoloxía infantil e acadou a simpatía da infancia, que se podían identificar facilmente cos seus personaxes rebeldes e recoñecíbeis na rúa.

As súas narracións extensas relegaron ao esquecemento a súa narrativa curta, moi abundante e de gran calidade. A maior parte destas historias publicáronse nas páxinas das revistas xa mencionadas (Gente Menuda, Crónica...) e moitas delas foron recollidas despois en dous volumes titulados Los cuentos que Celia cuenta a las niñas (1951) e Los cuentos que Celia cuenta a los niños (1952). Son moi interesantes os seus artigos xornalísticos e o material inédito que conservaba a súa nora e que saíu en parte á luz en 2015 e que forman un volume xunto a escritos de Matilde Ras e as cartas que se cruzaron.

A saga de Celia, Bildungsroman ou novela de aprendizaxe O propósito da novela de aprendizaxe, ou Bildungsroman, é elaborar o retrato dunha sociedade ou época histórica a través dos ollos da voz que narra. Así vemos o mundo de Celia, unha nena dotada dunha grande imaxinación, e como vai crecendo e desenvolvéndose a súa personalidade. A infancia de Celia abarca os primeiros cinco libros. O seu grande acerto foi dar voz ás e aos nenos, influenciada polas directrices pedagóxicas do Instituto Escuela e a Institución Libre de Enseñanza. A educación era esencial para lograr a rexeneración social e a modernidade. A nai de Celia é, en parte, Elena Fortún, xa que, como esta, era asidua do Lyceum Club e levaba unha vida independente. É unha muller educada que le e que ten problemas no seu rol maternal. Morre ao dar a luz a Mila.