Historias que ninguén cre é unha obra narrativa de Ánxel Fole, publicada en 1981 por Edicións Xerais de Galicia e reeditada en 2009 pola Editorial Galaxia.

Características Segundo o Diccionario da literatura galega o autor compila vinte relatos breves espallados por revistas, publicados independentemente ou redactados para a ocasión e que presentan unha coexión formal menos artellada que os libros anteriores. miniatura|Seminario de Lugo no que estudou un tempo Ánxel Fole, autor de Historias que ninguén cre. Non leva introdución de ningunha clase. O volume comeza cun relato, sen máis. Neste libro cómpre salientar unha maior presenza da xeografía urbana ca nos primeiros de Fole. Abundan os temas fantásticos, os parasicolóxicos e os elementos autobiográficos. Abrangue con total naturalidade aqueles fenómenos que hoxe consideramos "paranormais". Baseándose na cultura popular, asimila e reelabora toda unha unha tradición, a narrativa oral, incorporando o seu coñecemento da literatura contemporánea.

A edición de 1981 remata cuns fragmentos de críticas, apoloxías e descricións:

Fernández del Riego: Historia da literatura galega. Ánxel Fole: limiar de Contos da néboa. Domingo García-Sabell: limiar de Terra Brava. Salvador Lorenzana: limiar de Á lus do candil. Xabier R. Baixeras: LLUC Claudio Rodríguez Fer: A Galicia misteriosa de Ánxel Fole. Álvaro Cunqueiro: La Voz de Galicia.

Trama

A vengación Na feira do San Martiño de Quiroga o Furelo de Sequeiros come o polbo, logo collerá o que precisa para a cantina e marchará. Fálase do seu carácter, de como fixo cartos co estraperlo e da súa vida amorosa. A súa muller, a señora Encarnación, desapareceu dun día para outro e o seu fillastro, o Raúl, seica marchou para as Américas. Agora ten unha querida, que as vai buscar á vila, e unha rapazota que din que é a súa filla. Ármase unha partida de caza pola zona e van parar a comer na cantina do Furelo. Boa descrición do traballo da caza. Murmúrase que o Furelo matou a muller e a enterrou nalgún monte da zona, que o can ía ladrar ao sitio e por iso o matou tamén dun tiro cando desapareceu a muller. O Furelo marcha durmir e de pronto escóitase na cantina un berro arrepiante e longo: Encarnación, eu te matei e enterrei no monte da xesteira. E o Furelo xa cae morto diante do esqueleto que hai na súa cama, que ten a cadea e a medadlla da Señora Encarnación. E aparece a figura do Raúl. Remata o conto cunha carta escrita en castrapo na que se explica como foi a vinganza do Raúl.

Xantamos no cimo dun monte do que xa non me acordo como se chama: Nesta frase vemos como o narrador dubida dun dato concreto para reforzar a verosimilitude do relatado, coma no conto oral.

“Lobos te coman!" Comeza o relato dirixíndose ao auditorio para aclarar conceptos que darán pé á historia contada (técnica do conto oral): Ben sei que sabedes que, en galego, o lobo, en singular, son os lobos. “Batín co lobo” quer decir que lle saíron a un os lobos ó camiño. Mais eu sentín dicir eisí as falas que tidúan esta historia dos montes do Caurel. Vai botar unha tempada coa tía e madriña Fernanda, viúva, que pasou moitos traballos primeiro co home (andaba tras das rapazas e perdía os cartos na xogueta) e agora cos fillos. Non fan máis que gastar, cazar e andar de troula. Os fillos non estudaron aínda que consumiron ben diñeiro. A muller non fai máis que dar queixas. Volven os fillos dunha longa partida de caza pero o máis pequeno, o Pepiño, non chega. Preocúpase a nai e saen buscalo nun coche polo Courel. Darán con el nunha taberna durmindo a bebedela. O pousadeiro cóntalle a historia dunha cruz que ven paseando. Resulta que o Monchiño, de casa boa, namora de Engracia, de casa pobre. Os pais del non os deixan casar mesmo quedando embarazada a rapaza, non hai maneira coa nai. El decide deixar todo e marchar á emigración, a rapaza, xa con meniño, veo marchar e bótalle unha maldición: Covarde, que consintes en ver perdido o teu sangue! Lobos te coman! Anos despois el volveu con cartos decidido a casar coa Engracia. Pero ela xa casara con outro e a noite que el volve cae nun barranco e cómeno os lobos. Disque a Engracia morreu de pena pola maldición e a nai do Moncho arrepentiuse de non o deixar casar. No remate: No fondo do meu corazón eu agradecíalle ao Pepiño que se emborrachara. Senón, eu no podería escoitar tan interesante historia...

Conto de ambiente da montaña do Courel con moita toponimia e mesmo se aventura a etimoloxía dalgún lugar como Goia e se fala do nacemento do Romanticismo.

A pinga de sangue Nota do autor: Non sei si sería millor tiduar ista historia “A carta era pra ve-lo retrato”, ou, outramente, “Un mensaxe do alén”. Moitas veces sentiu de neno contar a historia do home do retrato do pintor Fierros, que morrera nun duelo a espada. A el deulle por pintalo e poñíalle unha pinga de sangue no peito. No ano sesenta recibiu unha misteriosa carta datada en Vigo na que lle comunica onde pode ver o cadro. Está nunha tenda de Ribadeo. Vai alá e a dona tamén recibira unha carta avisando da súa visita. Pero o curioso, di ela, é que a pinga no peito do retrato apareceu misteriosamente había uns días.

A macabra chanza do Grilo O Grilo era un dos máis coñecidos borrachóns de Lugo, remataba as súas sentenzas cun cri, cri, cri, cri. Mesmo lle falou nun enterro ao cadaleito. (conto moi breve)

Os cans da Torre de Lopo Comeza en primeira persoa dirixíndose ao auditorio: E, se vos interesa, direivos que eu son Xocas de Lopo. Xocas de Lopo anda sempre cos sete cans da casa. Un día ve como o Túzaro se bota desde unha árbore sobre a Mariquiña para forzala. El acírralle os cans e o Túzaro volve subir á árbore pero rompe a póla. Os cans bótanse a el que se dá un golpe na cabeza. Os cans ségueno atacando. A moza agradécello ao Xocas. El marcha un tempo da casa e non pode contar nada. Anos despois estudando en Santiago o pai cóntalle que volve de América Mariquiña casada e con tres cativos. Mándalle un bico.

E decímolo ou non o decimos Sobre este conto fíxose unha curtametraxe co mesmo título: ¿E decímolo ou non decimos?. Di que se morrese de repente atoparían no armario un letreiro E decímolo ou non o decimos e un buraquiño de bala na chaqueta. Nunha taberna de Recatelo o Cosme declárase providencialista, todo o marca a Divina Prividencia. O Xusto di que non é providencialista nin fatalista aínda que o Cosme o tenta convencer cos acontecementos desgraciados que tivo. A familia do Xusto vive nas Casas Baratas luguesas fronte á casa de don Perfeuto, o Vámpiro, porque cobra os xuros ao doce por cento. Vive co revólver ao lado, unha vez caeulle ao chan e disparouse polo que agora o ten cun burato do lombo baleiro, para evitar accidentes. Convídaos a comer o Xusto e saca un revólver igual ao don Perfeuto. Dispárase a arma, faille a el un buraco na chaqueta e semella que a bala saíu cara a fiestra do despacho do Vámpiro. Ao día seguinte saben da morte do usureiro, alguén lle comenta que o atoparon na mesa rodeado de sangue e co revólver sen unha bala, e a lámpada esnaquizada. Seguro que foi a bala do Xusto. Mais o médico que o atendeu afirma que morreu dun derramo cerebral e non había ningunha bala. Tres anos despois atopouse entre uns libros a bala que rompera a lámpada e fixera o buraco na chaqueta.

Unha morte sen rastro Pode que non exista o crime perfecto, pero o asasinato do Rei dos Xamóns en Sarria, obra do Xes de Restrepo (de Triacastela), non deixou rastro, foi un crime psicolóxico. No momento en que ía dar un discurso na súa homenaxe recibe un telegrama coa nova de que a filla casa co Filiberto. O Rei dos Xamóns xa mandara darlle unha malleira e non o podía ver. Era un telegrama falso enviado polo Xes. O Xes faise amigo do Chumbito, un asasino que mataba por encargo. Vanse os dous para Caracas. Tempo despois chegan os dous a Sarria e citan ao contador do conto para relatarlle as súas memorias. Montaron unha axencia para facer “operaciones resolutivas de toda clase garantizando el perpetuo sigilo” . Traballaron en todo tipo de operacións secretas das grandes potencias, menos no asasinato de Kennedy en Dallas. Ata lle entrega o bosquexo psicolóxico do Xes de Retrepo feito pola Interpol “famoso criminal inventor del asesinato psicológico fulminante”.

Pepe Trotiño Cumpre a débeda con Luís Seoane de escribir a biografía de Pepe Troitiño. Coincidiron naquel Santiago dos estudantes da FUE. O Birollo chega preguntando polo Troitiño que lle quere espetar unha navalla de sete estalos. E lembra tres bromas famosas argalladas polo Troitiño. A primeira alá no seu Corgo natal. Tiña unha moza que o deixou por un xastre. Indo o xastre pola estrada escoitou tal brado que se asustou, o brado repetiuse varios días e mesmo chegou a saír no xornal de Lugo como emitido por algún mostro antediluviano. Outra foi en Santiago cando lle pintou a estrela de David a un estudante mentres durmía e logo fixo o ridículo ao ir correndo ás clases. Tamén a do Birollo; convenceuno de que el era dunha loxa o mesmo que o profesor da materia que o Birollo tiña atravesada. Se lle facía un sinal determinado ao profesor o día do exame, seguro que aprobaba. O enfado do profesor foi grande. Seoane xa fixo as oito ilustracións para a biografía, agora el xa fixo o texto.

As bebedeiras de Moncho do Grilo Todos vós tratades, pouco ou moito, a Xosé Saavedra Fernández, conocido por Moncho do Grilo, nome iste que lle vén da súa casa patricia do Oural. O Moncho colle grandes borracheiras, sobre todo polas festas, coma no San Xoán de Sarria. Alí a muller non o dá levado para a casa. Un día entra a correr na consulta do médico don Fico e cóntalle que de noite cando vén bébedo dorme só coa fiestra aberta. E unha noite escoitou a súa propia necrolóxica na rúa sen ver a ninguén. O médico dille que son alucinacións da bebida, que ou se deixa do alcohol (só dous vasos de viño ao xantar e dous á cea) ou o mete nun manicomio. Ao saír da consulta o Grilo, don Fito dálle ao botón da gravadora que lle trouxera o fillo de Londres, foi a primeira banda magnetofónica de Sarria; a que serviu para curar o Grilo, porque o Grilo curou.

Xantamos a carón dun esqueleto! O Xan de Pascasio ten un anel cun diamante que debe valer ben cartos e tamén unha máscara dos negros ñáñigos que mete medo. Sempre lle promete que lle ha de contar a historia da máscara. E convídao a xantar saíndo de Chantada cara a Monforte de Lemos na fonda do Coruxo que agora é del. Xa na sobremesa e con moita xente o Xan conta a historia. Como vén das Américas co anel e a máscara e quedou a durmir nesta fonda. De noite dálle por poñer a máscara cando escoita ruídos. Pon a almofada coma se fose un corpo e entra o Coruxo cun coitelo na man e acoitela a almofada. Pelexan e o Coruxo ao ver a cara coa máscara bota un berro estarrecedor e cae ao chan, o Xan bótalle as mans á gorxa e remátao. Logo tira o corpo e o coitelo no burato aberto na terra e marcha. Anos despois volve das Américas, visita a fonda e mércaa. Chegou o momento, di, de mirar a ver que hai aí nese sitio debaixo da terra, non vaiamos estar convivindo cun esqueleto. Cavan e cavan e atopan o esqueleto co coitelo cravado nas costelas. O Xan de Pascasio ríase coma un tolo.

Un caso para a parapsicoloxía