San Francisco de Sales é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na provincia do Gualivá, a 55 km de Bogotá. É o cuarto municipio máis poboado da Provincia, cunha poboación estimada en 2005 de 8.187 habitantes. Ten unha superficie terrestre de 118 km². Limita polo norte con Supatá e La Vega, polo leste con Subachoque e El Rosal, polo sur con Facatativá e polo oeste con La Vega.
O concello de San Francisco é coñecido por albergar máis de trinta especies distintas de colibrís.
Historia Na época precolombiana, o territorio do actual municipio de San Francisco estivo habitado polos indíxenas panches, pertencentes á familia caribe, e polos muiscas, pertencentes á familia chibcha. Estes últimos situáronse na parte sueste do actual concello, no sector fronteirizo co municipio de El Rosal, onde estabeleceron un forte para evitar o acceso da nación panche ao Zipazgo (na Confederación Muisca), cuxo soberano era o Zipa e estaba situada na sabana de Bogotá.
No período da Colonia, debido á fundación do municipio de Tenjo, creáronse seis encomendas cara a onde foron trasladados os indíxenas desa zona. Unha das encomendas foi asignada ó cidadán español Juan de Vera, quen denominou á súa propiedade Chinga Fría; nome proveniente da palabra chinga, que en lingua muisca quere dicir «braveza».
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Concellos de Cundinamarca