Tokugawa Ieyasu (徳川 家康), nado en Okazaki o 31 de xaneiro de 1543 e finado en Sunpu o 1 de xuño de 1616, foi o fundador e primeiro shōgun do shogunato Tokugawa do Xapón, que gobernaron dende a batalla de Sekigahara, en 1600, ata a Restauración Meiji en 1868. Ieyasu gobernou dende 1600 (oficialmente 1603) ata a súa renuncia en 1605.
Traxectoria Infancia (1543-1556) Tokugawa Ieyasu naceu o 31 de xaneiro de 1543 na provincia de Mikawa. O seu nome orixinal era Matsudaira Takechiyo. Era fillo de Matsudaira Hirotada (1526-1549), un daimyō de Mikawa que pasaba a maioría do seu tempo en guerra contra os clans Oda e o Imagawa. A familia Matsudaira estaba dividida en dúas faccións: un lado quería ser vasalo do clan Imagawa, mentres que o outro prefería o clan Oda. Esta pelexa familiar foi a razón do asasinato do pai de Hirotada (avó de Takechiyo), Matsudaira Kiyoyasu (¿?-1536). A diferenza do seu pai e a maioría da súa familia, Hirotada atopou o clan Imagawa como o menor de dous males. A lealdade de Hirotada cara aos Imagawa causou que o resto da saúa familia apoiase o clan Oda con máis forza que antes. En 1548, cando o clan Oda invadiu Mikawa, Hirotada dirixiuse con Imagawa Yoshimoto, cabeza do clan Imagawa, en demanda de axuda para combater os invasores. Yoshimoto accedeu a axudar coa condición de que Hirotada enviase o seu fillo Takechiyo a Sunpu como un refén no exilio. Hirotada aceptou, a pesar da presión os membros da familia Matsudaira. Takechiyo e un grupo de serventes foron enviados cara a Sunpu como reféns.
Oda Nobuhide, o líder dos Oda, decatouse do amaño de Hirotada e Imagawa e atacou a caravana na que viaxaba Takechiyo. Foi capturado e levado ao castelo Kowatari en Owari. Nobuhide ameazou con asasinar a Takechiyo a menos que Hirotada rompese todos os vínculos que tiña co clan Imagawa. Hirotada dixo que sacrificar o seu propio fillo mostraría a seriedade do pacto co clan Imagawa.
Takechiyo, porén, non sufriu ningún dano. En 1549, Hirotada faleceu de causas naturais; pouco tempo despois, Nobuhide tamén morreu. As mortes fixeron un gran dano a un xa debilitado clan Oda e deixaron a familia Matsudaira sen líder. Con Imagawa nunha posición forte, Yoshimoto enviou un exército a cargo do irmán máis novo do seu pai, Imagawa Sessai, para atacar un castelo Oda onde vivía Oda Nobuhiro, o fillo máis vello de Nobuhide, e nova cabeza dos Oda.
Sessai tomou o castelo e capturou a Nobuhiro como refén. Negociando co segundo fillo de Nobuhide, Oda Nobunaga, ofreceulle devolver o castelo aos Oda e perdoar a vida de Nobuhiro a cambio de que se permitise a Takechiyo regresar cos Imagawa. Nobunaga aceptou, Nobuhiro e o castelo foron devoltos aos Oda. Sessai regresou a Sunpu con Takechiyo. Takechiyo creceu en Sunpu, mais os seus familiares en Mikawa, estaban temerosos sobre o futuro dos Matsudaira agora que o clan Oda estaba debilitado e que os Matsudaira eran vasalos dos Imagawa.
A escalada cara ao poder (1556-1584) En 1556, cando contaba trece anos, Takechiyo, cambiou o seu nome polo de Matsudaira Motoyasu. A cambio do seu regreso a Mikawa, os Imagawa ordenáronlle pelexar contra o clan Oda nunha serie de batallas. Motoyasu gañou a súa primeira batalla en Terabe, alcanzando gran sona. Por entón, Oda Nobuhiro falecera, e o liderado do clan Oda pasara a mans de Oda Nobunaga. Despois desas batallas, os Matsudaira e os soldados de Mikawa comezaron a demandar unha maior autonomía aos Imagawa. En 1560, Yoshimoto xuntou 20 000 homes (moitos deles de Mikawa), cos que marchou cara a Kyoto: foi o primeiro daimyō en facer isto dende 1538. Motoyasu foi enviado de Mikawa cos seus homes para atacar o forte Marune. Ao capturar o forte, Motoyasu e os seus homes quedaron no lugar para defendelo. Por isto, Motoyasu e os seus homes, evitaron a sanguenta batalla de Okehazama, que tivo lugar preto de Nagoya, onde o clan Imagawa foi derrotado polo exército de Oda, e Imagawa Yoshimoto asasinado. Motoyasu retirouse xunto cos seus homes a Mikawa, e finalmente, coa morte de Yoshimoto, decidiu liberarse da influencia dos Imagawa.
Motoyasu decidiu aliarse cos Oda, pactando un trato secreto con Oda Nobunaga. Este segredismo era necesario debido a que moitos membros da familia Matsudaira (incluíndo a esposa de Motoyasu e o seu fillo, Hideyasu) aínda eran reféns en Sunpu do novo líder dos Imagawa, Imagawa Ujizane, fillo de Yoshimoto. En 1561, Motoyasu e os seus homes marcharon e capturaron o forte Kaminojo, pertencente aos Imagawa, o que indicou a Nobunaga que Motoyasu xa non era leal aos Imagawa. Motoyasu matou o comandante do castelo, Udono Nagamochi, e tomou a súa esposa e os seus dous fillos como reféns. Ujizane, dándose conta que os Udono eran máis importantes que os Matsudaira, liberou a familia Matsudaira a cambio da esposa e os fillos de Udono.
Agora, tendo liberdade de acción co regreso da súa familia, Motoyasu comezou a reformar o clan Matsudaira despois de anos de decadencia, e pacificar Mikawa. Tamén consolidou e fixo máis poderosos os seus vasalos regalándolles terras e distribuíndo os castelos de Mikawa aos máis importantes (incluíndo Honda Tadakatsu, Ishikawa Kazumasa, Koriki Kiyonaga, Sakai Tadatsugu, e Sakikabara Yasumasa) en 1566.
En 1564, Motoyasu derrotou a Mikawa Monto, un grupo militar anti Matsudaira, case perdendo a súa vida no proceso cando foi golpeado por unha bala que non penetrou na súa armadura. En 1565, atacou as defensas de Imagawa en Totomi. En 1567, pediu ao emperador Ogimachi cambiar o seu apelido por Tokugawa, tomando o nome Tokugawa Ieyasu. Despois disto, comezou a demandar descendencia de parte do clan Minamoto a través do clan Nitta, e ao final, demandou ter descendencia da familia imperial. Ao mesmo tempo, deseñou unha árbore familiar que tomaba descendencia do clan Fujiwara. Historiadores modernos empregan isto como proba de que os reclamos de Ieyasu de herdanza imperial foran fabricados para lexitimarse a si mesmo.Screech, Timon (2006). Secret Memoirs of the Shoguns: Isaac Titsingh and Japan, 1779–1822. Londres: RoutledgeCurzon. , páx. 82.
A pesar de que a familia Tokugawa era simbolicamente independente, aínda non podían sobrevivir sen o clan Oda, e sen o mesmo Nobunaga. Cando Nobunaga tomou Kyoto en 1568, converteuse no líder de facto do Xapón, moitas das tropas vitoriosas pertencían a Tokugawa. Ao mesmo tempo, Ieayasu estaba impaciente por comezar a expandir os seus propios territorios. El e Takeda Shingen, quen estaba á cabeza do clan Takeda en Kai, conviñeron un pacto, onde xuntos se farían co resto do territorio de Imagawa. En 1570, as tropas de Ieayasu finalmente apropiáronse de Totomi, e despois Shingen ocupou Suruga e Sumpu, a capital dos Imagawa. Non obstante, contra ese momento, a alianza entre os Takeda e os Tokugawa ía en descenso, e mesmo Ieyasu se uniu co seu inimigo Imagawa Ujizane prometéndolle que lle devolvería Totomi e Suruga. Ao mesmo tempo, Ieyasu fixo outro pacto, esta vez con Uesugi Kenshin, o xefe do clan Uesugi e grande inimigo do clan Takeda. Tendo asegurado o apoio dos Uesugi, Ieyasu moveu a súa capital de Okazaki en Mikawa a Hamamatsu en Totomi.
Coas terras dos Imagawa completamente absorbidas pola influencia Tokugawa, os membros do clan Imagawa convertéronse en vasalos dos Tokugawa, cos Uesugi como os seus aliados máis fortes. Os Tokugawa e os Takeda estaban listos para a guerra. Ieayasu aínda tiña o apoio de Nobunaga, mais este pensaba que algunhas cosas nas que Ieyasu se estaba metendo non eran completamente seguras. En 1570, Ieyasu conduciu 5000 dos seus homes para axudar a Nobunaga na batalla de Anegawa en contra dos Azai e os Asakura; isto consolidou a alianza Tokugawa-Oda. Porén, Ieyasu non foi capaz de volver axudar a Nobunaga en dous anos e a guerra cos Takeda comezou en 1571.
En 1572, os Takeda tomaron o castelo Futamata pertencente a Ieyasu, e Shingen derrotou a Ieyasu na batalla de Mikatagahara, onde Ieyasu case perdeu a súa vida conducindo as súas tropas. Takeda Shingen morreu en 1573, e foi sucedido polo seu fillo Takeda Katsuyori, quen capturou o castelo Taketenjin en 1574. Con todo, a pesar da captura deste importante porto Tokugawa, o dominio dos Takeda achegábase á súa fin. En 1575, Katsuyori atacou o castelo Nagashino en Mikawa, e Ieyasu pediu axuda a Nobunaga. Cando Nobunaga mostrou algo de aprehensión ao atacar a Takeda, Ieyasu ameazou con facer as paces cos Takeda e atacar o clan Oda en Owari e en Mino. Nobunaga cambiou de parecer e enviou o seu exército cara a Mikawa. As forzas Oda-Tokugawa de 38 000 homes devastaron os Takeda o 28 de xuño de 1575, aínda que nos seguintes anos, Takeda Katsuyori continuou a atacar os territorios dos Oda e os Tokugawa.
En 1579, a esposa de Ieyasu e o seu fillo máis vello, Tokugawa Hideyasu, foron acusados de conspirar con Takeda Katsuyori para asasinar a Nobunaga. A esposa de Ieyasu foi decapitada, e Hideyasu foi forzado a facer seppuku. Entón, Ieyasu nomeou o seu terceiro fillo (o seu favorito) Tokugawa Hidetada como herdeiro, pois o seu segundo fillo foi adoptado por Toyotomi Hideyoshi, un gran samurai.
En 1582, outro ataque combinado entre os Oda e os Tokugawa destruíu os Takeda. Takeda Katsuyori, así como o seu fillo máis vello e herdeiro, Takeda Nobukatsu, cometeron seppuku. Agora que os Takeda xa non figuraban no mapa, Ieyasu puido axudar a Nobunaga coa súa campaña para reunificar o Xapón. Pola súa axuda, Ieyasu recibiu o control da provincia de Suruga (incluíndo Sumpu) e as áreas que se delimitaban co clan Hōjō. Os Tokugawa e os Hōjō aliáronse, pois Ieyasu se levaba ben con Hōjō Ujinori, irmán máis novo da cabeza dos Hōjō, Hōjō Ujimasa.
En 1582, Ieyasu estaba quedando en Sakai, na provincial de Settsu, cando recibiu a nova de que Oda Nobunaga fora asasinado por Akechi Mitsuhide, cabeza do clan Akechi. Ieyasu dirixiuse cara a Mikawa, temeroso de poder ser asasinado tamén. Ieyasu non desexaba atacar o clan Akechi, mais os Tokugawa tomaron vantaxe da situación tomando Kai e Shinano. Despois dunha decisiva vitoria na batalla de Yamazaki. Hōjō Ujimasa, sentíndose ameazado, enviou tropas cara a Kai. Non obstante, non houbo batallas, os Hōjō e os Tokugawa fixeron axiña as paces. Para quedar en bos termos, Ieyasu deu aos Hojo terras en Kai e en Shinano. Ieayasu comezou a modificar a súa administración, baseándose no modelo dos Takeda, integrando o exército Takeda no Tokugawa. En 1583, os principais candidatos a tomar o mando do Xapón eran Toyotomi Hideyoshi (pai adoptivo do segundo fillo de Ieyasu) e Shibata Katsuie. Ieyasu mantívose á marxe neste conflito, e Hideyoshi derrotou a Katsuie na batalla de Shizugatake en 1583. Despois de que Shibata Katsuie cometese seppuku, Toyotomi Hideyoshi e o clan Toyotomi, convertéronse nos gobernantes do Xapón.
Ieyasu e Hideyoshi (1584-1598) miniatura|300px|Taboleiro en que Hideyoshi e Ieyasu xogaron ao go. En 1584, Ieyasu decidiu apoiar a Oda Nobukatsu, o fillo máis vello e herdeiro de Oda Nobunaga, en contra de Hideyoshi.
As tropas de Tokugawa tomaron o castelo tradicional dos Oda, o castelo Owari, polo que Hideyoshi dirixiu alí parte das súas tropas. A campaña de Komaki foi o único episodio en que os grandes unificadores do Xapón pelexaron un contra o outro. Durante esta batalla, Ieyasu obtivo a vitoria durante a campaña de Nagakute. Despois de meses de marchas infrutuosas e regateos, a guerra rematou por medio de diversas negociacións; primeiro fixo a paz con Oda Nobuo e despois ofreceulle unha tregua a Ieyasu. O pacto celebrouse a finais dese mesmo ano e un dos termos foi que o segundo fillo de Ieyasu, Ogi Maru se convertese en fillo adoptivo de Hideyoshi.