O rei dos paspallás (Crex crex) é unha ave da familia dos rálidos. Reprodúcese en Europa e Asia, chegando cara ao leste ata China, e migra a África durante o inverno do hemisferio norte. En Galicia é unha ave de paso rara.Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. É un rálido de tamaño medio con partes inferiores con vetas beixes ou grises e partes superiores negras amarronadas, marcas castañas nas ás, e parte inferior cor óxido con barras brancas nos flancos e zona subcaudal. O seu forte peteiro é de cor carne, o iris é marrón claro e as patas e pés son grises claros. Os xoves son de plumaxe similar á dos adultos, e os polos están cubertos de penuxe negro, como en todos os rálidos. Non se distinguen subespecies, aínda que os individuos do leste da súa área de reprodución tenden a ser lixeiramente máis claros que os do oeste. A chamada do macho é un alto crec crec, do cal deriva o seu nome científico. O rei dos paspallás é máis grande que os seus parentes próximos de África (Crex egregia), que comparten con el a súa área de invernada, e dita especie ten ademais plumaxe máis escura e unha face máis sinxela.
O hábitat reprodutor desta especie son as terras cubertas de herbas, como os campos de feo e utiliza ambientes similares nos seus campos de invernada. É unha especie discreta que constrúe un niño feito de follas de herba nun burato no chan e pon de 6 a 14 ovos cor crema cubertos con manchas avermelladas. Os ovos fan eclosión en 19 ou 20 días, e os polos negros precoces empluman ás cinco semanas aproximadamente. A especie está en rápido declive en boa parte da súa anterior área de reprodución porque as modernas prácticas agrícolas con frecuencia destrúen os seus niños antes de que se completase a crianza dos polos. É omnívoro, pero aliméntase principalmente de invertebrados, e ocasionalmente de mamíferos pequenos e ras e materia vexetal incluíndo sementes de herbas e grans de cereais. As ameazas naturais ás que se enfronta son os mamíferos introducidos ou que se fixeron silvestres, as aves grandes, varios parasitos e as enfermidades.
Aínda que o número de exemplares declinou fortemente en Europa occidental, esta ave está clasificada como "especie pouco preocupante" na Lista vermella da IUCN debido á súa enorme área de distribución e as súas poboacións aparentemente estables en Rusia e Kazakhstán. A súa cantidade no oeste da China é máis significativa do que anteriormente se pensaba e as medidas de conservación aplicadas facilitaron un incremento da poboación nalgúns países que sufriran grandes perdas.
Taxonomía
A familia Rallidae comprende case 150 especies. Aínda que as orixes do grupo se perden no tempo, o maior número de especies e as formas menos especializadas encóntranse no Vello Mundo, o que suxire que esta familia se orixinou alí. A súa taxonomía é complicada, pero o parente máis próximo desta especie é a especie africana C. egregia, que ás veces é clasificado nun xénero propio, Crecopsis, pero que o máis usual é que a sitúen en Crex. Ambas as especies son de peteiro curto con preferencia polas terras herbáceas en vez de polos hábitats acuáticos típicos dos rálidos. As Porzana, especialmente a Porzana albicollis, son parentes próximos do xénero Crex.
O rei dos paspallás foi descrito primeiramente por Linnaeus no seu Systema Naturae en 1758 como Rallus crex, pero posteriormente foi trasladado ao xénero Crex, creado polo naturalista alemán e ornitólogo Johann Matthäus Bechstein en 1803, e foi denominado Crex pratensis. Porén, como o uso de crex era máis antigo que o de pratensis, dado o principio de prioridade sobre o nome específico de Bechstein, a especie acabou recibindo o seu nome actual de Crex crex. O nome binomial Crex crex, que vén do grego antigo "κρεξ", é onomatopeico, e procede da chamada renxente repetitiva desta especie.
Descrición
É un rálido de mediano tamaño, de 27 a 30 cm de longo, cunha envergadura de 42 a 53 cm. Os machos pesan como media uns 165 g e as femias 145 g. O macho adulto ten o píleo e toda a parte superior de cor negra amarronada, con vetas beixes ou grises. As plumas cobertoiras da á son dunha distintiva cor castaña con algunhas barras brancas. A face, pescozo e peito son grises azulados, agás a liña marrón clara que vai desde a base do peteiro ata detrás do ollo, a barriga é branca, e os flancos e zona subcaudal están barrados de castaño e branco. O seu forte peteiro é de cor carne, ten un iris marrón claro e as patas e pés son grises claros. Comparado co macho, a femia ten partes superiores de tons máis cálidos e unha liña ocular máis estreita e menos nítida. Fóra da estación reprodutora, a parte superior en ambos os sexos faise máis escura e a inferior menos gris. Os xoves teñen unha aparencia similar á dos adultos, mais o seu ton na parte superior é máis amarelo e a cor gris da parte inferior é substituída por marrón con tons beixes. Os polos están cubertos de penuxe negra, como é característico nos rálidos. Aínda que non se distinguen subespecies, todas as poboacións mostran unha gran variación individual en coloración e estas aves fanse gradualmente máis claras e máis grises cara ao leste da súa área de distribución. Os adultos sofren unha muda completa despois de reproducirse, que normalmente acaba a finais de agosto ou principios de setembro, antes da migración ao sueste de África. Fan tamén unha muda parcial pre-reprodutora antes de retornaren desde África, que afecta principalmente á plumaxe da cabeza, corpo e cola. As aves novas teñen unha muda da cabeza e corpo ás cinco semanas de vida.
O rei dos paspallás é simpátrico coa zurrasca africana Crex egregia nos terreos de invernada, pero pode distinguirse polo seu gran tamaño, partes superiores máis claras, parte superior das ás de cor leonada e un padrón diferente da parte inferior. En voo, ten ás máis longas e arredondadas e un batido de ás menos profundo que o seu parente africano e mostra un bordo anterior branco na á ata a parte interna da á. Tanto nas áreas de reprodución coma de invernada é difícil de confundir con calquera outro rálido, xa que as especies simpátricas son máis pequenas, con marcas brancas na parte superior, diferentes debuxos nas partes inferiores e peteiros máis curtos. Unha zurrasca eurasiática en voo lembra a certas aves que se cazan, pero os seus debuxos castaños das ás e as patas colgantes son características diagnósticas.
Voz
Nos terreos de reprodución, a chamada de anuncio do macho é un alto e repetitivo son renxente crec crec que normalmente fai desde un pousadeiro baixo coa cabeza e pescozo do animal case verticais e o peteiro completamente aberto. A chamada pode sentirse desde 1,5 km de distancia e serve para establecer o territorio de reprodución, atraer femias e retar machos intrusos. Os machos poden distinguirse individualmente por pequenas diferenzas nas súas vocalizacións. O inicio da estación fan a súa chamada case continuamente de noite e con frecuencia tamén de día. Poden repetila máis de 20 000 veces nunha noite, e a frecuencia maior é ás 3 da mañá. A chamada evolucionou para sinalar a localización do macho claramente, xa que esta especie se agocha entre a vexetación. A frecuencia da chamada redúcese pasadas algunhas semanas, pero pode intensificarse de novo preto do final do período de posta e despois decaer outra vez contra o final da estación reprodutora. Para atraer os machos poden facerse imitacións mecánicas da súa chamada producidas fretando dous cachos de madeira ou costelas, tendo un deles amosegas, ou pasando unha tarxeta de crédito sobre os dentes dun peite ou cremalleira. O macho ten tamén unha chamada similar a un gruñido, que fai co peteiro pechado e utiliza durante as interaccións agresivas.
A femia pode facer unha chamada que é similar á do macho; esta ten tamén un distintivo son de ladrido, similar en ritmo ao da chamada principal pero sen a característica renxente. A femia tamén ten unha chamada piante aguda e un son u-u-u para chamar os polos. Os polos fan unha chamada tranquila de contacto piiic-piiic e un pío usado para pedir comida. Debido ao difícil que é ver esta especie, xeralmente se fan os seus censos contando as chamadas dos machos entre as 11 da noite e as 3 da mañá; estas aves non se moven moito de noite, pero poden vagar ata a 600 m durante o día, o cal podería facer que se contasen dúas veces se se monitorizan entón. A identificación individual dos machos polas pequenas diferenzas nas súas chamadas indica que a contaxe de chamadas sobreestima a verdadeira cantidade de exemplares nunha zona en case o 30%, e incluso esta discrepancia podería ser maior, xa que só o 80% dos machos adoitan facer algunha chamada nunha determinada noite. O rei dos paspallás é silencioso en África.
Distribución e hábitat
Os campos de feo son o seu hábitat de nidificación preferido.|miniatura Reprodúcese desde Irlanda cara ao leste a través de Europa ata Siberia central. Aínda que desapareceu de gran parte da súa antiga área, esta ave podía atoparse antes nos hábitats axeitados de toda a zona de Eurasia situada entre as latitudes 41°N e 62°N. Hai tamén unha poboación de certo tamaño no oeste da China, pero esta especie raramente nidifica no norte de España e en Turquía. As antigas informacións de que se reproducía en Suráfrica son incorrectas e debéronse á confusión duns ovos nunha colección dun museo que en realidade pertencían ao Rallus caerulescens.
O rei dos paspallás inverna principalmente en África, desde a República Democrática do Congo e o centro de Tanzania cara ao sur ata o leste de Suráfrica. Ao norte desta área, pode verse principalmente durante a migración, pero de cando en vez inverna no norte de África e ao oeste e norte da súa área central do sueste de África. A maioría da poboación do sur de África dunhas 2 000 aves vive en KwaZulu-Natal e a antiga provincia de Transvaal, e a cantidade de exemplares noutras partes de África non se coñece con seguridade. Hai varios rexistros do século XIX, cando as poboacións eran moito maiores que agora, de exemplares que foron vistos no oeste de Europa, principalmente en Gran Bretaña e Irlanda, entre decembro e febreiro. miniatura|Adultos e xoves Esta zurrasca eurasiática migra a África seguindo dúas rutas: unha ruta occidental a través de Marrocos e Alxeria e outra máis oriental e importante a través de Exipto. Como ave de paso foi rexistrada na maioría dos países situados entre as súas áreas de reprodución e invernada, incluíndo boa parte de África occidental. Por exemplo, sábese que aves que saíron da illa de Coll, Escocia, seguindo a ruta occidental pararon en África occidental na súa viaxe cara máis ao sur, e no voo de regreso, fixeron escala en España ou norte de África. Os migrantes do leste foron rexistrados nas partes do sur de Asia que están entre o leste da súa área reprodutora e África. Alén desas zonas, foi rexistrado como ave errante en Sri Lanka, Vietnam e Australia, as Seychelles, Bermuda, Canadá, EUA, Groenlandia, Islandia, as Faroes, os Azores, Madeira, e as illas Canarias.