Cuanza Norte é unha das 18 provincias de Angola, localizada na rexión central do país.

A súa capital é a cidade e comuna de N'dalatando, tamén coñecida como Nadalatando,Nadalatando: Evolução da Mancha Urbana . ONU Angola. Agosto de 2018. Consultado o 15 de setembro de 2019. sede do municipio de Cazengo que, segundo as proxeccións de poboación de 2018, elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística de Angola, contaba cunha poboación aproximada de 130 000 habitantes,Schmitt, Aurélio. Municípios de Angola: Censo 2014 e Estimativa de 2018. Revista Conexão Emancipacionista, 3 de febreiro de 2018. Consultado e 15 de setembro de 2019. polo que a súa densidade de poboación nese ano era de 20,56 hab./km².

Xeografía A provincia ten unha superficie de 24 110 km². Segundo as proxeccións de poboación de 2018, elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística de Angola, conta cunha poboación de 495 810 habitantes, sendo a segunda provincia menos poboada de Angola, superando só á de Bengo.

A provincia está dividida administrativamente en 10 municipios con 37 comunas.

Os municipios son:

Ambaca Banga Bolongongo Cambambe Cazengo Golungo Alto Gonguembo Lucala Quiculungo Samba Caju

Cuanza Norte encóntrase na beira norte do río Cuanza, cicunstancia á que debe o seu nome.

A provincia limita ao norte coa provincia de Uíge, ao oeste coa provincia de Bengo, ao leste coa provincia de Malanje e ao sur coa provincia de Cuanza Sul.

Con altitudes que van desde os 500 aos 1 500 msnm, na Serra da Banga están as maiores alturas da provincia.

Clima Segundo a clasificación climática de Köppen-Geiger predomina o clima tropical de sabana (Aw/As), cunha temperatura media que oscila entre os 24 e os 28 °C.

Demografía O grupo étnico maioritario da provincia é o dos ambundos, e a lingua máis falada é o portugués, seguida pola lingua kimbundo.

Patrimonio natural Unha das principais reservas naturais da provincia é Reserva Forestal do Golungo Alto, que ten unha superficie de 558 km², sendo o abrigo de varias especies, como o búfalo anano, o hipopótamo, varios antílopes, lebres, a galiña de Guinea e perdices. Tamén se encontran elefantes, leóns, guepardos, lobos, hienas, chacais e licaóns.

Economía miniatura|250px|A central de Capanda A cana de azucre e o café son os cultivos agrícolas máis importantes. A súa produción está favorecida polo clima tropical húmido da provincia.

O importante encoro de Capanda, cuxa presa de 1 400 m de longo, está situada nesta provincia. A súa central hidroeléctrica, xunto coas de Cambambe e Laúca, producen gran parte da enerxía eléctrica consumida en Luanda.

A central de Capanda xera enerxía utilizando catro turbinas de 130 megavatios cada unha, totalizando a capacidade instalada en 520 megavatios.

Ademais, os seus encoros fornecen auga para a irrigación de plantacións de cana de azucre e outros cultivos no val do Cuanza.

Historia A historia administrativa da provincia de Cuanza Norte iníciase no século XVII, co repartimento do antigo reino de Ndongo, para crear o distrito de São Paulo (actual provincia de Luanda) e o distrito do Golungo Alto, este último con sede en Golungo Alto.Histórias e tradições dos Municípios do Bengo . Governo Provincial do Bengo, 2019.

En 1810 o distrito do Golungo Alto foi desmembrado para crear o distrito dos Dembos (actual provincia de Bengo) e, en 1857, foi extinguido, sendo integrado ao distrito de Luanda. En 1861 volveu a crearse novamente, porén co nome de distrito de Golungo, existindo soamente até 1866.

O 15 de agosto de 1914, o gobernador colonial Norton de Matos creou o distrito de Cuanza, con sede en Golungo Alto, como forma de compensar a esta cidade por non unirse co ferrocarril a Luanda; o efecto non foi o desexado, e o Golungo caeu nun profundo ostracismo, producíndose o cambio da sede distrital para N'dalatando.

O 15 de setembro de 1917 o goberno colonial decidiu dividir o distrito de Cuanza nos distritos de Cuanza Norte e Cuanza Sul (actual provincia de Cuanza Sul).

A provincia foi gravemente afectada durante a guerra civil angolana (1975–2002). A día de hoxe aínda quedan moitas minas antipersoa da guerra, e otuorgáronse contratos para limpalas a varias organizacións. Durante a guerra civil, os insurxentes fixeron da provincia parte da zona central de operacións. O 5 de abril de 2001, membros da UNITA atacaron a vila de Samba Caju e mataron a 120 membros das Forças Armadas de Angola. O comandante militar da provincia, o xeneral Recordação tamén morreu no ataque.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Angola

Ligazóns externas Informacións sobre a provincia . Informacións sobre a provincia . Datos xeográficos en geoview.info .

Categoría:Provincias de Angola