Li Lienfung, nada en Shanghai o 8 de maio de 1923 e finada o 3 de agosto de 2011, foi unha química e escritora singapuriana. Foi unha escritora bilingüe en inglés e chinés, coñecida polas súas obras de teatro, relatos e pola súa columna xornalística "Bamboo Green".
Traxectoria O seu pai, Li Kuo Ching, deixou a familia e foi traballar aos Estados Unidos de América, e a nai -que non podía viaxar alá- quedou coidando da familia na China. Cando a China foi invadida polo Xapón en 1937 mudáronse a Hunan, e despois a Hong Kong.
En 1940 comezou os seus estudos no Mills College (Oakland, California), onde se graduou en Química. Comezou a traballar nunha planta de esmaltado de aluminio en Nova Jersey como asistente de laboratorio. Comezou a estudar química orgánica no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), pero pasou á Universidade Cornell, onde rematou en 1946 un mestrado en Literatura Popular Chinesa.
En xullo de 1946 casou con Ho Rih Hwa, tamén estudante de Cornell. Por entón reconciliouse co seu pai En 1948 o seu pai conseguiulle traballo en Bangkok analizando mineral de volframio, que el exportaba comerciando a través da Wah Chang Corporation. En 1949 a familia mudouse a Yangon. Despois, Li axudou o seu pai a establecer fábricas de tapioca e outros proxectos relacionados coa industria alimentaria. Logo de ser nai en 1952 Li regresou á empresa, da que chegou a ser vicepresidenta. O seu marido foi nomeado embaixador de Singapur en Tailandia en 1967. Despois foi destinado a varios países de Europa, onde viviron até que a comezos da década de 1970 se estableceron en Singapur.
Recoñecementos En 2014 foi incluída no Salón da Fama das Mulleres de Singapur.
Vida persoal Tivo unha filla e dous fillos, a escritora Minfong Ho, o empresario Ho Kwon Ping e o empresario Kwon Cjan.
Obra En 1971 publicou a obra de teatro The Sword Has Two Edges, versión cómica da novela histórica do século XIV San Guo Shi Yan Yi ("O romance dos tres reinos"). D. Murugan, membro do Grupo de Teatro Experimental, levou adiante a representación da obra en 1977. Entre 1979 e 1984 publicou a columna "Bamboo Green", en inglés e chinés, na publicación The Straits Times. En 1986 publicouse A Joss Stick for My Mother, antoloxía das columnas. Li retomou o proxecto entre 1993 e 1998. A columna levaba á poboación de Singapur a historia, literatura e cultura da China. Entre 1998 e 2008 Li escribiu unha columna en chinés na publicación Lianhe Zaobao.
The Sword Has Two Edges (teatro, 1971)
Trials and Turbulence of the Twilight Years (teatro, 1978) The Late Storm (teatro, estreada en 1981) A Daughter Remembers (autobiografía, 2010)
Notas
Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Nados en Shanghai Categoría:Escritores de Singapur Categoría:Químicos de Singapur Categoría:Alumnos do Mills College Categoría:Alumnos da Universidade Cornell Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Personalidades sen imaxes