O grelo é un sinónimo de xermolo que se aplica en moitas partes de Galicia exclusivamente ao gromo do nabo (Brassica rapa), tamén chamado cimo. Porén, ás veces é tratada coma Brassica rapa subsp. rapa, Brassica rapa ruvo, Brassica rapa rapifera, Brassica ruvo, ou Brassica campestris ruvo.

A aparencia é a dun gromo máis ou menos groso do que saen algunhas follas e, no extremo, as flores.

Emprégase para preparar o caldo galego e outros pratos típicos, como o lacón con grelos.

O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor, o grelo endurécese e xa non é posíbel o seu consumo, pois non amolece por moito que se coza.

Un bo sistema para saber se o grelo é mol ou non consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se o centro está moi branco (branco neve) o grelo xa non é comestíbel a causa da súa dureza.

Hai que denotar a diferenza do grelo e as nabizas: estas últimas son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo. Do nabo sae a nabiza, Da nabiza sae o grelo, son tres persoas distintas e un so Deus verdadeiro.

No mes de xaneiro de 2008, a Real Academia Galega aceptou o termo greleiro como Persoa ou entidade que se dedica ao cultivo dos grelos ou que negocia con eles, despois de que o grupo Gadisa o propuxese.A RAG acepta o termo "greleiro" El Correo Gallego, 28/01/2008 Consultada 0 28/1/2012.

Propiedades Ademais de posuír un alto contido en vitaminas, os grelos axudan a previr o cancro. Esta propiedade foi descuberta pola Misión Biolóxica de Galicia, centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O causante desta son os glucosinolatos os mesmos causantes do sabor acedo característico da verdura.

Entre as vitaminas destaca o seu alto contido en calcio, facendo do grelo unha alternativa ao leite para os alérxicos á lactosa e recomendables para persoas que padezan de osteoporose.

Cando se somete ao grelo ás altas temperaturas da cocción, parte dos nutrientes pérdense de xeito irremediable mentres que outra parte fican no alimento e na auga onde se cocen, polo que é recomendable comelos co seu caldo para aproveitar así os glucosinolatos preventores do cancro. Outros xeitos de conservar as súas propiedades son a súa cocción ao vapor ou pasalos na prancha.

Grelos de Galicia

Grelos no mercado da Pobra do Caramiñal|miniatura

dereita|miniatura|Feira do grelo das Pontes de García Rodríguez.

O 8 de xaneiro de 2010 aprobouse o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia.DOG nº 4, de 8.01.2010. O rexistro europeo xa fora establecido por Regulamento 1029/2009, de 29 de outubro (DOUE 283, de 30.10.2009). Recolle dúas variedades ou ecotipos, de Santiago e de Lugo.

Produción en Galicia Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, cada ano, apáñanse en Galicia arredor de 100.000 toneladas de grelos.Os greleiros aumentarán a produción para conquistar o mercado español El Progreso Consultada o 25/03/2020. Calcúlase que en Galicia existen unhas 6.500 hectáreas dedicadas ao cultivo deste vexetal para o consumo humano, polo que a superficie total é superior a esta cifra ao haber outras plantacións nas que a colleita se emprega como complemento na alimentación do gando.

No ano 2004, segundo as Contas Económicas da Agricultura, o grelo destinado ao consumo humano supuxo o 15% das producións hortícolas de toda a comunidade. Isto supón o 40% dos 16,7 millóns de euros que acada a venda de grelo galego cada ano. A temporada do grelo é de outubro a febreiro.

A produción actual de grelos non só se comercializa en fresco, hai empresas que ofrecen os grelos en conserva, conxelados e deshidratados.

Os grelos na cultura popular galega

Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.

Probou a vella os grelos e lambeuse os dedos.

Non chas quero, non chas quero, nabizas do teu nabal; non chas quero, non chas quero, que me poden facer mal.

Patacas novas, lacon con grelos, repolo de Betanzos e máis xurelos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Nabiza Nabo

Ligazóns externas Grelos (Brassica rapa)

Categoría:Hortalizas Categoría:Brassica Categoría:Gastronomía de Galicia