A historia de Bolivia abrangue a historia de Bolivia e a dos seus estados predecesores.
O territorio boliviano estivo habitado dende hai máis de 12 000 anos. No lugar formáronse múltiples culturas -maiormente nos Andes, destacando especialmente a cultura Tiwanaku e os reinos aimarás posteriores á expansión Wari. Estes reinos á súa vez foron dominados polo Imperio Inca no século XIII.
Cando os españois conquistaron á súa vez o imperio no século XVI, o territorio pasou a ser parte do Vicerreinado do Perú, para logo ser incluído no Vicerreinado do Río da Prata en 1776.
A partir de 1809 comezou a loita secesionista contra España, que se prolongou ata 1825, cando foi finalmente declarada independente por Simón Bolívar, de quen tomou o nome inicial de República Bolívar.
Bolivia viviu a súa época máis gloriosa durante a presidencia do Mariscal Andrés de Santa Cruz. Este período caracterizouse polo seu gran desenvolvemento económico e avance político e social, o maior da historia boliviana. Tamén se conformou co Perú a Confederación Perú-Boliviana.
Durante este proceso de unificación das dúas nacións, produciuse o máis dramático dos puntos de inflexión na historia de Bolivia, cando o Exército Boliviano-Peruano, comandado polo Mariscal Santa Cruz, foi derrotado nos campos de Paucarpata polas forzas conxuntas do Exército Chileno e un corpo armado de peruanos rebeldes exiliados, firmándose neste mesmo campo a súa rendición incondicional.
A partir desta derrota iniciase o decaemento do país: os anos seguintes estarán marcados por unha crecente inestabilidade política, que perdura ata os nosos días caracterizada por múltiples cuartelazos e golpes de Estado, o que creará grandes dificultades para o desenvolvemento do país.
Mentres Bolivia atravesaba unha terrible crise económica e social, preséntase a maior mostra da debilidade do Exército Boliviano na Guerra do Pacífico. Durante esta (1879), Bolivia perdeu a provincia costeira de Antofagasta, rexión que a súa poboación e goberno aínda reclaman. Desde a Independencia, ó igual que outras nacións suramericanas, Bolivia perdeu máis da metade do seu territorio. Véxase o Tratado de Petrópolis de 1903 e a Guerra do Chaco de 1932 ata 1935.
Enfrontada a problemas raciais e culturais, Bolivia coñeceu revolucións e golpes militares. A principios da década dos 80 foi derrocada a última xunta militar que gobernaba o país para reinstaurar a forma de goberno democrático.
Prehistoria miniatura|300px|A Porta do Sol de Tiwanaku. En Bolivia aparecen restos de ocupación humana dende o 12000-10000 a. C. no Sitio de Viscachani. Ata o -1200 desenvolvéronse unhas culturas sedentarias no altiplano. A Chiripa e Wankarani son as dúas máis importantes do período formativo a partir do 1200 a. C.
A cultura de Tiwanaku, preto do Lago Titicaca, marca un momento de florecemento cultural da zona do altiplano, estendéndose a súa influencia por toda a área andina.
En torno ao 1100 a. C. Tiwanaku desaparece e prodúcese unha loita entre os diferentes grupos que habitan a rexión: aimarás, collas, lupacas, e pacaxes. Os aimarás establecen un dominio que abarca Arequipa e Puno no Perú, A Paz, Oruro e Cochabamba, que perdurou ata que, en 1438, Pachacuti Inca derrota ó último soberano colla, Chunqui Cápac, incorporando o altiplano boliviano ó Tahuantinsullo, como parte da provincia do Collasullo, e impondo o quechua como lingua oficial, aínda que o aimará se continuou a falar regularmente.
O Inca Huaina Cápac mandou levantar fortalezas na fronteira oriental para deter o avance dos feroces chiriguanos.
Viscachani A corrente migratoria procedente do norte que invade os Andes fuxindo das rigorosas condicións climáticas debidas ás últimas glaciacións desenvolve unha cultura incipiente. A este período pre-cerámico e pre-agrícola corresponde a industria lítica de Viscachani; pero nunha etapa anterior aos pobos cazadores desenvolveron unha cultura relacionada coa arquitectura rupestre. Aos pobos cazadores seguen os pescadores que usaron embarcacións de totora, cuxos remanentes quedan no lago Titicaca. Os seus descendentes son os Urus e os Chipaias.
O período denominado arcaico caracterízase polo descubrimento da agricultura e a gandería. Así moitos grupos de humanos abandonan as covas e resgardos rochosos para construír vivendas moi rudimentarias. Ó fin deste período, entre os anos 2500 e 1500 a.C., desenvólvese a fabricación de téxtiles e a cerámica, e comeza o desenvolvemento da arquitectura.
As primeiras culturas do Formativo no altiplano son: Wankarani e Chiripa.
No segundo milenio antes de Cristo aparecen as primeiras aldeas. Este movemento denomínase Formativo, etapa de dúas culturas importantes, unha altiplánica (Wankarani), e a outra lacustre Chiripa.
A cultura Wankarani desenvolveuse en torno ó Lago Poopó. A súa antigüidade remóntase ó ano 1200 antes da nosa era e pervive ata o século II despois de Cristo. Establecida nunha rexión de puna, non chegou a desenvolverse plenamente, mantendo o seu estado de tipo aldeán ata sucumbir ó influxo da expansión tiwanakota. A súa economía baseouse no pastoreo de camélidos. As súas aldeas están situadas sobre montículos con casas de planta circular. Non hai restos de construcións correspondentes a centros relixiosos; tan só se atoparon cabezas de llamas, talladas en pedra, que responden a unha concepción relixiosa. A cultura Chiripa está localizada na península de Taraco, sobre o lago Titicaca, onde hai un montículo artificial sobre o que se atopan varios recintos dispostos en torno a un templo semisubterráneo. Estes recintos teñen paredes dobres. Chiripa localízase cronoloxicamente no século XIV a.C. e dura ata os primeiros anos da nosa era. Nun momento é coetánea a Tiwanaku.
Tiwanaku miniatura|dereita|Monólito Ponce en Tiwanaku. Esta cultura foi dividida en tres grandes épocas: Período Aldeán, Período Urbano e Período Imperial. O primeiro período contemporáneo a Wankarani e Chiripa, iníciase cara ao ano 1200 a.C. e dura ata o século I da nosa era cando se produce en Tiwanaku un cambio radical que os estudosos chaman revolución urbana. Unha das principais características da cidade en formación é a presenza de centros cerimoniais xunto aos cales existe unha poboación estratificada en clases sociais; as terras próximas a estes centros cultívanse por medio de "Suka-collos" ou gabias que permiten reter a auga das choivas para asegurar o cultivo en tempo seco.
O período Urbano dura ata o século sétimo de nosa era cando se inicia a expansión do estado tiwanakota, comezando así o período imperial. Hai zonas estreitamente relacionadas con Tiwanaku, como Wari, preto de Ayacucho (Perú), cidade que caeu baixo dominio de Tiwanaku e que chegou a ser un dos centros máis poderosos da expansión tiwanacota. Tiwanaku expandiuse ao sur sobre o deserto de Atacama e Cochabamba, chegando ata o norte da Arxentina.
A cidade de Tiwanaku tiña dous centros cerimoniais Akapana-Kalasasaya e Puma-punku. Akapana é unha pirámide artificial conformada por plataformas sucesivas, desde ela divísase o conxunto de Kalasasaya e o Templo semisubterráneo.
Os Collas e a Confederación Charca Desaparecido o Imperio Tiwanaku, a rexión quedou fragmentada en varias etnias aimarás que conviven cos Urus quen nun momento tiveron o dominio da cunca lacustre. Estes aimarás caracterízanse polas súas necrópoles compostas por tumbas en forma de torres-chullpas. Existen tamén algunhas fortalezas denominadas pucaras.
O modelo polo cal se regulaban estas etnias é o de verticalidade ou control dos diversos pisos ecolóxicos que sosteñen a súa economía de subsistencia. Ningún grupo humano necesita tanto das súas relacións coa costa e cos vales como os pobos aimarás do altiplano, por esta razón cada centro de púnaa controlaba por medio da colonización zonas periféricas situadas a diferentes alturas e con climas varios.
A mediados do século XV o reino Colla conservaba un extenso territorio coa súa capital Hatun-Colla. O inca Viracocha realizou unha incursión na rexión, pero quen a conquistou foi o seu fillo Pachacutec, noveno Inca.
Así como ao norte atopábanse os collas, ao sur estaba a Confederación Charca que tiña dous grupos: Os Carangas e Quillacas en torno ao lago Poopó, e os Charcas que ocupaban o norte de Potosí e parte de Cochabamba. Ambos, Charcas e Collas eran de fala aimará.
A cultura material dos Carangas presenta extensas necrópoles ou chullpares algúns dos cales conservan aínda restos de pintura nos seus muros exteriores. Unha vez que os carangas foron conquistados polos incas, Huayna Cápac levounos a traballar ao val de Cochabamba como mitimaes.
O señorío denominado Charca, ao que estaban adscritos Cara-caras e Chichas, foi conquistado polos incas en tempo de Túpac Inca Yupanqui e levados á conquista de Quito. Pola súa banda o pobo dos Cara-cara era tan belicoso como o Charca e aínda mais, no seu territorio teñen lugar aínda hoxe en día loitas denominadas "Tinkus".
Os Urus e Chipaias Os urus son anteriores aos pobos agricultores e ocupan as beiras dos ríos do altiplano. Lingüisticamente están emparentados cos chipaias, coexisten cos aimarás e os incas, e perviven durante a dominación española, chegando ata os nosos días. No delta formado pola desembocadura do río Lauca sobre o lago Coipasa viven os chipaias; este pobo ten unha orixe lacustre, aínda que hoxe en día tamén practica a pequena escala a agricultura.
Idade Moderna
Conquista e o período colonial miniatura|200px|Gravado antigo do Cerro Rico de Potosí. miniatura|200px|Francisco Pizarro conquistador do Imperio Inca. A conquista do Imperio Inca por Francisco Pizarro abriu o camiño para a submisión da Bolivia actual no ano 1535 e o establecemento da Real Audiencia de Charcas, parte esencial do Vicerreinado do Perú, que abrangueu todo o que hoxe é o territorio boliviano. Aínda que a historia de Bolivia no período vicerreinal atópase moi ligada ao Perú, a orixe da división de ambos territorios está nas capitulacións de Carlos V, revisadas en 1534, que lle daban a Pizarro duascentas sesenta leguas dende Tumbes ó sur, e outras duascentas a Almagro ao sur destas. Juan de Saavedra, adiantado de Almagro, chegou en 1535 ao Titicaca e ó val de La Paz, e logo fundou Paria (Oruro) e Tupiza en 1536 ao sur. A conquista do territorio e os asentamentos producíronse principalmente no altiplano. Gonzalo Pizarro dirixiu unha expedición ao Collao (Collasuyo) e Pedro de Anzures fundou Chuquisaca no ano 1539, actual Sucre. La Gasca, despois da pacificación do Perú, mandou fundar a cidade da Paz en 1548 polo capitán Alonso de Mendoza e no ano 1559 creouse a Real Audiencia de Charcas con sede en Chuquisaca, dependente do vicerreinado cuxa capital era Lima, con xurisdición sobre a actual Bolivia e os territorios de Puno, Atacama, Tucumán, Paraguai e Buenos Aires.
En 1561 Ñuflo de Chávez fundou Santa Cruz de la Sierra e o vicerrei Francisco de Toledo fixo crear Cochabamba en 1571, Tarija en 1574 e Tomina en 1575 para protexe-lo territorio dos ataques dos chiriguanos.
Dende o altiplano comezou a exploración das terras baixas: Andrés Manso, polo Chaco, Álvarez Maldonado e Gómez de Tordoya, o país dos chunchus, ao norte do departamento de La Paz e Diego Alemán, ó límite do país dos moxos no departamento de Beni. Iniciouse tamén a conquista de Tucumán, fúndase Mizque en 1603 e Oruro en 1605 por Manuel Castro de Padilla.
Organízanse expedicións a Moxos, Chaco e Chiquitos.
O territorio boliviano xogou un importante papel na economía americana cando en 1545 se descubriron as minas de Potosí e se fundou a cidade homónima que alcanzaría un gran desenvolvemento. En Charcas floreceron La Plata (Sucre), capital política da Audiencia e Potosí, a súa capital económica. A abráiante riqueza de mineral de prata do Cerro Rico de Potosí causou a que esa cidade tivera no ano 1611, uns 160.000 habitantes, constituíndose nunha das cinco urbes máis grandes do mundo de entón.