Os pituicitos son un tipo de células gliais que se encontran na neurohipófise. A súa principal función é axudar ao almacenamento e liberación de hormonas neurohipofisarias.
Estrutura
Os pituicitos están localizados na pars nervosa da neurohipófise entremesturados cos axóns non mielinizados e os corpos de Herring. Xeralmente tínguense de púrpura escuro coa tinguidura de hematoxilina-eosina e están entre as estruturas máis doadamente identificables desa rexión. Os pituicitos teñen unha forma irregular e ramificada que lembra a doutro tipo de células gliais: os astrocitos. Igual que os astrocitos, o seu citoplasma presenta filamentos intermedios específicos constituídos pola proteína ácida fibrilar glial.
Función
Os pituicitos son similares aos astrocitos. A súa principal función é axudaren ao almacenamento de hormonas neurohipofisarias. Os pituicitos rodean os teminais axónicos e regulan a secreción de hormonas ao liberaren os seus procesos nestas terminacións.
Importancia clínica
Os pituicitomas son tumores raros que se orixinan a partir dos pituicitos. Poden confundirse co moito máis común adenoma de pituitaria e tamén co craniofarinxioma e o meninxioma. Os síntomas do efecto de masa (debido ao volume que pode adquirir) do tumor xeralmente inclúen trastornos da visión e menos frecuentemente dores de cabeza, hipopituitarismo (diminución da función da glándula pituitaria ou hipófise), fatiga e diminución da libido.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas NIF Search - Pituicyte a través da Neuroscience Information Framework
Categoría:Histoloxía