A Cruz é un lugar da parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar na comarca do Val Miñor. Segundo o INE en 2019 tiña 19 persoas empadroadas (8 homes e 11 mulleres). Esta entidade de poboación sitúase a 1,5 km do centro da vila de Gondomar e a 40 metros de altitude sobre o nivel do mar. Descrición Unha ducia de vivendas constitúen no século XXI o espazo urbanizado deste lugar que fora un cruzamento de estradas atravesado polo antigo camiño real entre Tui e Baiona.
Patrimonio Taberna ou Venta da Cruz. O microtopónimo figura como Taberna da Cruz ou A Casa de Faustino do Estanco na lista da recollida realizada polo Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello de Gondomar en 2015. O arquitecto Antonio Soliño Troncoso engade A Venta da Cruz, como outro nome da mesma casa, pois así é nomeada como referencia dun marco xurisdicional entre as parroquias de Mañufe e Santa Baia no catastro de Ensenada de 1753.
Situada sobre o Camiño Real Tui – Baiona, a estrutura de granito segue en pé. Salienta Soliño Troncoso que “na cara exterior do lintel da porta de entrada dende o que foi patio e logo quizais ampliación cuberta existe unha inscrición baixo a data 1790, posiblemente a correspondente a obras de ampliación e mellora, con cuxa aplicación o pousadeiro sempre saía gañando; di: "OI NO SE FIA A MANA SI" (HOY NO SE FIA, MAÑANA SI)”
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Mañufe
Parroquias de Gondomar
Categoría:Lugares de Gondomar Categoría:Mañufe, Gondomar