Luís Rafael Brage Villar, nado en Santiago de Compostela o 19 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 17 de maio de 1959,La Noche, 19-5-1959, p. 2. foi un músico, mestre e compositor galego.

Traxectoria Naceu en Santiago de Compostela en novembro de 1886. O seu pai era músico profesional e a súa figura foi clave na formación inicial de Brage. O instrumento principal da súa formación posterior foi o piano e durante eses anos de estudo, iniciou unha pequena carreira como pianista, coa que iniciou un incansable traballo a favor da beneficencia.

Co chamamento a quintas para a guerra de Melilla, Brage comezou unha etapa na que destacou como mestre e director de orquestras. De volta en Santiago de Compostela, participou en varias representacións de obras teatrais. Brage estivo moi vinculado cos movementos intelectuais e culturais rexionalistas da época, especialmente as Irmandades da Fala.

Traballou uns anos en Madrid, pero volveu a Galicia e comezou a traballar como responsable e director de orquestra no Tamberlick de Vigo. Despois marchou a Ribadavia.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Brage foi perseguido polas autoridades franquistas, polo que tivo que fuxir de Ribadavia. Foi capturado, xulgado en Valladolid o 10 de marzo de 1938 pola causa 933/36 de Ourense, e condenado por adhesión á rebelión a pena de morte. Despois, a súa condena foi diminuída a 30 anos, dos que finalmente cumpriu tres para, finalmente, ser posto en liberdade condicional o 2 de agosto de 1940.Libro rexistro de liberados condicionais da Prisión de Ourense, p. 22.

Nos anos cincuenta regresou a Santiago de Compostela, onde finou no ano 1959.

Obras A súa composición máis coñecida é a rapsodia galega "Follas novas".

Pedagoxía Co inicio do traballo de Brage como director de orquestra no Tamberlick de Vigo comezan a destacar as súas boas capacidades pedagóxicas, pero a súa faceta como mestre e pedagogo alcanzou unha nova dimensión na vila ourensá de Ribadavia. Alí, Brage traballou como director da banda municipal La Lira, na que preparaba toda a xente da vila interesada en participar na banda, sen importar a clase social da que proviñan. A súa actividade pedagóxica na vila culminou coa creación dunha academia musical na súa propia casa, na que preparaba aos seus alumnos e alumnas con moito interese e dedicación para que conseguiran obter as mellores notas nos exames da escola de música de Santiago. Nesta academia, Brage contaba cun moi reducido número de alumnado. Asemade, e facendo gala do seu carácter altruísta, Brage educaba en música tanto a fillos de campesiños como a mozos de clase alta.

Cos bos resultados obtidos polos seus educandos, a academia de Brage foi gañando cada vez máis fama non só na vila, senón tamén nos arredores, chegando a ter alumnos da cidade olívica. Porén, pese ao éxito alcanzado, Brage tivo que pechar a academia porque a corporación municipal, da que Brage formaba parte, non vía con bos ollos este traballo extra.

A súa proximidade ao bando republicano e aos ideais rexionalistas e galeguistas fixeron que Brage fose condenado ao cárcere cando chegou a Guerra Civil. Durante a súa estancia no centro penitenciario, creou unha academia na que ensinaba música aos reclusos e, tras a estancia no cárcere e xa establecido na Coruña, continuou dando fe da calidade das súas leccións e dotes pedagóxicas.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ferreiro Carballo, David (2018). "Luis Brage: un ejemplo en la construcción de la identidad musical en Galicia" en Música y construcción de identidades. ISBN 978-84-86878-43-6, p. 217-236.

"Piden unha homenaxe de Ribadavia ao músico Luís Brage" (27/5/2020). La Voz de Galicia. Irene Pin (24/5/2020). "Luis Brage no baúl da música esquecida" Nós Diario.

Ligazóns externas

Expediente de responsabilidades políticas de Juan Rodríguez Bóveda e outros.

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Directores de banda Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1886 Categoría:Finados en 1959