thumb|right|The Strokes 2002
The Strokes é unha banda de rock estadounidense, formada en Nova York, que saltou á fama no ano 2000. Son os responsábeis da grande onda de revivalismo do rock de garaxe que se iniciou por volta de 2001. Os membros do grupo son Julian Casablancas (voces), Nick Valensi (guitarra), Albert Hammond, Jr. (guitarra), Nikolai Fraiture (baixo) e Fabrizio Moretti (batería e percusións). The Strokes está considerada unha das bandas máis prominentes e influentes das aparecidas no século XXI.
Despois da edición do seu álbum de estrea Is This It no 2001, o grupo foi aclamado pola crítica. Dende entón, a banda mantivo unha gran base de seareiros, principalmente nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Canadá e na Australia. Varios dos seus membros embarcáronse en distintos proxectos, aínda que un cuarto álbum, titulado Angles, foi editado o 22 de marzo do 2011.
Historia Julian Casablancas, vocalista do grupo e Nikolai Fraiture, baixo, eran amigos desde a infancia. Nick Valensi, guitarrista, e Fabrizio Moretti, o batería, coñecéronse cando asistían a un concerto de Dragon Force. No Instituto Le Rosey, na Suíza, Julian Casablancas (a quen seu pai enviara por problemas de conduta) e Albert Hammond Jr., un dos guitarristas, coñecéronse xa que os dous eran estadounidenses e polo tanto concordaban no seu idioma, aínda que non eran moi amigos.
Anos despois, Casablancas atoparíase nas rúas de Nova York con Hammond Jr., o que sería o comezo desta banda. Casualmente os dous vivían en aparcadoiros na mesma rúa, un enfronte do outro, xa que Hammond se trasladara a Nova York para acudir á Escola Tisch de Artes da Universidade de Nova York. Albert e Julian comezaron a compartir apartamento e en 1999 convertéronse nunha banda oficialmente. A súa popularidade creceu rapidamente, especialmente na Lower East Side de Nova York. Empezaron a tocar na popular Sala Lounge de Manhattan, onde Ryan Gentles era o encargado dos compromisos. Gentles estaba tan impresionado coa banda que deixou o seu traballo para se converter no seu representante.
Comezaron a ensaiar duramente mantendo os seus traballos de día (dise que Casablancas era camareiro, mentres que Hammond traballaba en "Kim's Video) e formaron un repertorio de entre 10 e 12 cancións, entre as cales estaban "Last Nite", "The Modern Age", "This Life" (actualmente titulada "Trying your luck"), "New York City Cops", "Soma" e "Someday", entre outras. A maioría destas cancións agora teñen letras distintas. Durante ese tempo tamén deixaron de tocar algunhas cancións do seu repertorio, que incluía "Sagganuts", "In Her Prime", "Rhythm Song", "A Minor 4-4" e tres cancións de título descoñecido.
Gordon Raphael, un pequeno produtor de rock da escena musical de Nova York, asistiu a un dos seus primeiros concertos onde eran abreconcertos de Dragon Force, cando realmente fora a ver a outra banda que tocaba esa velada, como confesou meses despois. Raphael deu a Albert o seu número de teléfono, dicindo que podería gravar unha maqueta para eles. Despois de chamalo un par de días máis tarde, a banda e Raphael finalmente reuníronse.
"The Modern Age" foi lanzado en 2001 desatando unha guerra de poxas entre as discográficas, por ser, segundo elas, a banda de rock and roll máis grande que xurdira en anos. Posteriormente, recibiron unha gran promoción causando unha división entre os seguidores do rock. Para algúns dos medios que os promovían, The Strokes eran os salvadores do rock ou un puñado de nenos ricos con nomes copiados de The Velvet Underground.
Is This It
The Strokes lanzou o seu primeiro disco Is This It nos Estados Unidos en outubro de 2001 baixo o selo RCA, despois dalgúns atrasos producidos pola portada do disco europeo, e a eliminación do tema "New York City Cops". Esta contiña a frase: "Os policías de Nova York non son moi intelixentes" ("New York City Cops, they ain't too smart") no coro, o que o selo RCA encontrou 'politicamente incorrecto' estando tan próximos os ataques do 11 de setembro. A canción foi cambiada por "When It Started".
O disco recibiu moi boas críticas tanto de publicacións independentes como da industria musical, incluíndo 4 estrelas de parte da revista Rolling Stone. A influencia setenteira foi notada por moitos críticos. miniatura|270px|Julian Casablancas. Despois do lanzamento de Is This It a banda percorreu exhaustivamente o mundo en xiras, presentándose no Xapón, a Australia, a Nova Zelandia, a Europa e os Estados Unidos. A banda liderou o Reading Festival no Reino Unido en 2002, detalladamente redactado en crónicas nun mini-documental relativamente difícil de achar titulado In Transit publicado polos membros do Club de Fans "Alone, Together". En agosto de 2002 a banda tocou no Radio City Music Hall (Nova York) xunto con The White Stripes. Nesa presentación, Jack White uniuse a The Strokes en escena para tocar o solo de guitarra na canción "New York City Cops". Durante a actuación, Julián tivo que permanecer sentado, debido a unha lesión nun xeonllo. O mesmo ocorreu no Reading Festival.
Durante tal período, a banda tamén se mostrou como invitado musical en Saturday Night Live (interpretando "Last Nite" e "Hard to Explain"), The Tonight Show with Jay Leno, Late Night with Conan O'Brien e The Late Show with David Letterman.
Is This It produciu cantidade de sinxelos e vídeoclips, os cales foron todos dirixidos por Roman Coppola.
O grupo comezou a gravar o seu follow-up no 2002 co produtor Nigel Godrich (mellor coñecido polo seu traballo con Radiohead), aínda que máis tarde se separaron da súa produción a favor de Gordon Raphael, o produtor de Is This It. As gravacións con Godrich nunca foron reveladas.
En agosto de 2003, a banda visitou o Xapón, tocando as cancións "Reptilia", "Meet Me In The Bathroom", "The Way It Is", "Between Love & Hate" (ou tamén coñecida como "Ze Newie") e "12:51" (tamén coñecido como "Supernova"). Tamén tocaron "My Way" de Paul Anka en xaponés.
Room on Fire
Room on Fire é o segundo álbum da banda. Este segue a mesma liña do anterior Is This It, e aínda que non foi tan aclamado como o primeiro, pódese encontrar cancións como "Reptilia", "12:51", "The End Has No End", "I Can't Win" ou "Under Control" dun nivel compositivo semellante. Varios medios acusaron a este como unha repetición do seu primeiro disco.
Lanzado en outubro de 2003, o álbum mantivo os xa familiares puntos de referencia da banda. O primeiro single de Room on Fire foi a canción "12:51", cos característicos sons de sintetizadores de guitarra (nos que se nota a influencia de The Cars), distintivos da guitarra de Valensi. O vídeo foi dirixido por Roman Coppola e inspirado na futurista aparencia de Tron.
Durante a xira 2003/2004 "Room on Fire Tour", a banda tocou con Kings of Leon e My Chemical Romance. Durante esta xira, Regina Spektor e The Strokes gravaron a canción "Modern Girls & Old Fashion Men", lanzado como b-side no single Reptilia. Alén diso, a banda incluíu un cover de "Clampdown" de The Clash, o cal foi lanzado como b-side para "The End Has No End". Xa en 2004, The Strokes revelou os seus plans de lanzar un álbum en vivo. O LP Live in London foi planeado para outubro de 2004, mais foi abandonado, segundo se informa debido aos problemas de calidade da gravación.
En febreiro de 2005, Julian Casablancas casou coa súa grande amiga e representante asistente da banda, Juliet Joslin. Por volta desa data, Nikolai Fraiture tivo unha filla.
The Strokes tivo unha xira de 3 concertos na América do Sur en outubro de 2005, no Brasil, Chile e a Arxentina. Os seus concertos na Arxentina e o Chile incluíron un cover de "A Salty Salute", unha canción escrita pola banda Guided by Voices.
O single da canción Reptilia apareceu no videoxogo Guitar Hero III: Legends of Rock e no videoxogo Rock Band.
First Impressions of Earth
En setembro de 2005 foi lanzado "Juicebox", o primeiro single de First Impressions of Earth na tenda iTunes Music Store como unha exclusiva deste servizo. O single chegou aos primeiros postos en diversas listas de popularidade tanto no Reino Unido como nos Estados Unidos. O disco saíu oficialmente en xaneiro de 2006 e rapidamente chegou ao posto número un da clasificación do Reino Unido. Aínda que a prensa o viu como un paso adiante das dúas gravacións anteriores, a recepción da crítica foi mixta, xa que o característico estilo musical da banda se viu diminuído.
Durante novembro e decembro de 2005 The Strokes fixera unha xira de promoción para o aínda non publicado álbum "First Impressions of Earth", presentándose en varias cidades do mundo. En orde: Tokyo, Sydney, Londres, París, Ámsterdan, Ghana, Berlín, Milán, Madrid, Chicago, Río de Xaneiro, Os Ánxeles, Buenos Aires, Santiago de Chile. Aproximadamente 600 entradas foron dispostas para cada unha das funcións. Os fans mesmo resistiron aos distintos factores climáticos acampando fóra da cabina de entradas en pleno inverno europeo. Estes concertos atraíron celebridades visitantes como Oasis, Franz Ferdinand, e Jarvis Cocker. miniatura|260px|Nick Valensi e Nikolai Fraiture.
Xa lanzado o disco, a banda revelou que construíran o seu propio estudio en Hell's Kitchen (Nova York), oficialmente chamado Red Carpet Studios.
Cando se lle pediu un comentario sobre o álbum, Julian dixo: "É como unha sandía sen sementes. Gústame". Nunha entrevista posterior, Nikolai Fraiture contribuíu á declaración de Julian engadindo que o álbum era "como unha fisura científica".
A banda actuou por segunda vez en Saturday Night Live o 21 de xaneiro de 2006. Tocaron 2 cancións: "Juicebox" e "You Only Live Once".
O 24 de xaneiro, tiveron o primeiro de 18 concertos con entradas esgotadas durante a xira polo Reino Unido, a cal incluíu dúas citas no Hammersmith Apollo onde The Strokes interpretou unha versión de "Life's A Gas" de Ramones. Dous días máis tarde da fin da xira, o 23 de febreiro de 2006, The Strokes foron nomeados como "Mellor Banda Internacional" da revista NME. Julian agradeceu á revista dicindo que "aínda era a mellor revista musical". Xa en marzo de 2006, The Strokes regresou aos Estados Unidos coa súa polo momento máis longa xira, con 3 concertos de entradas esgotadas no Hammerstein Ballroom en Nova York.
miniatura|esquerda|200px|Albert Hammond Jr. en concerto con The Strokes. O segundo single deste disco é "Heart in a Cage", canción que recordou aos críticos "The Passenger" de Iggy Pop . O terceiro single do disco sería "You Only Live Once", e incluía unha versión de "Mercy Mercy Me" de Marvin Gaye coa que participaron Eddie Vedder, líder de Pearl Jam e Josh Homme, de Queens of the Stone Age, póndose á venda o 10 de xullo de 2006.
Este disco amosa gran madureza en cada un dos instrumentos e tamén gran calidade nas letras das cancións. Outra mudanza que se pode apreciar neste disco é que Casablancas demostra moita máis concentración no que fai, demostrando que os seus problemas co alcohol son cousa do pasado.
Durante o verán de 2006, The Strokes tocou en numerosos festivais na Europa. Logo percorreron a Australia e o México en agosto e setembro, seguido por outra xira nos Estados Unidos.
A comezos de 2007, a banda de Casablancas separouse momentaneamente para que cada integrante puidese adicarse ao seu, coa fin de realizar proxectos persoais que tiñan pendentes desde había un tempo; Casablancas colaborou facendo segundas voces para Queens of the stone age, e Hammond Jr. adentrouse na gravación e promoción do seu primeiro disco solista.