Lost é unha serie de televisión norteamericana estreada orixinalmente a través da American Broadcasting Company (ABC) dende 22 de setembro de 2004 ata o 23 de maio de 2010, cun total de seis tempadas. Trata dos acontecementos que lles suceden aos sobreviventes dun accidente de avión nunha misteriosa illa tropical, despois de que o voo comercial 815 de Oceanic Airlines entre Sidney e Os Ánxeles se estrelase nalgún lugar do Pacífico Sur. Cada episodio mestura o argumento principal da illa así como unha historia secundaria a través dun flashback sobre a vida dalgún dos personaxes, aínda que segundo vai avanzando a serie vanse sucedendo outras técnicas narrativas para estruturar os episodios. O primeiro episodio ou episodio piloto da serie foi escrito por J. J. Abrams, Jeffrey Lieber e Damon Lindelof e dirixido por Abrams. Este episodio e converteuse no episodio máis caro da historia da televisión no momento da súa estrea (actualmente superado polos episodios pilotos de Terranova e Boardwalk Empire). Emitiuse o 22 de setembro de 2004, e dende entón foron emitidas seis tempadas, rematando o 23 de maio de 2010. Este episodio final foi emitido simultaneamente en nove países. Para satisfacer aos fanáticos da serie escribiouse un epílogo onde se resolvían algúns misterios da illa que quedaron pendentes. A serie é transmitida pola American Broadcasting Company nos Estados Unidos, así como en diferentes cadeas en moitos outros países.
Debido ao seu grande elenco de actores e o custo da filmación principalmente na illa de Oahu en HawaiLost: About the Show - ABC.com , é unha das series máis caras da televisión. A serie foi creada por Damon Lindelof, J. J. Abrams e Jeffrey Lieber e é está producida por ABC Studios, Bad Robot Productions e Grass Skirt Productions. A banda sonora orixinal está composta por Michael Giacchino. Os produtores executivos da tempada final son Lindelof, Abrams, Bryan Burk, Jack Bender, Edward Kitsis, Adam Horowitz, Jean Higgins, Elizabeth Sarnoff e Carlton Cuse.
Aclamada pola crítica e o éxito popular, Lost obtivo unha media de 16 millóns de espectadores por episodio na ABC durante o seu primeiro ano. Ademais, gañou numerosos premios da industria, entre eles o Emmy á mellor serie de drama en 2005 e o Globo de Ouro á mellor serie de televisión dramática en 2006. Debido a este grande éxito e a un público moi fiel, a serie converteuse en parte da cultura popular, habendo moitas referencias á historia e aos diferentes elementos que aparecen noutras series de televisión, anuncios, banda deseñadaHughes, Adam (cover artist). Catwoman, issue 51. January 25, 2006., revistas de humor, videoxogos e música. Todo este universo ficticio tamén está acompañado de novelas, xogos de mesa e videoxogos, con xogos de realidade alternativa, como The Lost Experience e Find 815.
Lost finalizou na súa sexta tempada, retransmitíndose o seu último episodio, o número 121, o 23 de maio de 2010Adalian, Josef, (6 de maio de 2007) Lost Set for Three More Years , Variety. Comprobado o 12 de abril de 2009..
Sinopse Visión en conxunto
A primeira tempada comeza co accidente de avión que deixa ós pasaxeiros superviventes do voo 815 de Oceanic Airlines no que parece ser unha illa tropical deserta. A súa supervivencia vese ameazada por diversas entidades misteriosas, incluíndo osos polares, unha criatura invisible que vaga pola selva (o "Monstro de Fume") e os malevolentes habitantes da illa coñecidos como "os Outros". Atópanse cunha muller francesa chamada Danielle Rousseau que naufragou na illa 16 anos antes ca eles e está desesperada por saber novas de alguén chamado Alex. Tamén atopan un zapón de metal soterrado no chan. Mentres dous personaxes intentan forzar o zapón, outros catro superviventes tentan deixar a illa nunha balsa que construíron. Namentres, amósanse analepses centradas nas vidas individuais dos superviventes antes de estrelarse o avión.
A segunda tempada segue co crecente conflito entre os superviventes e os Outros, e continúa o tema do enfrontamento entre fe e ciencia mentres algúns misterios son revelados e aparecen outros novos. Desenvólvese unha loita de poder entre Jack e John sobre o control das armas e das menciñas do zapón, que é resolto en "The Long Con" por Sawyer cando gaña o control sobre elas. Son introducidos novos personaxes, incluíndo ós superviventes do sector de cola e outros habitantes da illa. Revélase que o zapón é unha estación de investigación construída pola Iniciativa Dharma, un proxecto científico que realizou experimentos na illa décadas atrás. Un home chamado Desmond Hume vivira no zapón durante tres anos, premendo un botón cada 108 minutos para evitar que ocorrese un suceso catastrófico. A verdade sobre os misteriosos Outros comeza a ser desvelado, un dos sobreviventes do accidente traizoa os outros sobreviventes e tamén é revelado o motivo do accidente do avión.
Na terceira tempada, os supervivente do accidente descobren máis cousas sobre os Outros e a súa longa historia na misteriosa illa. Desmond e un dos Outros únense ós superviventes mentres que un deles deserta ós Outros. Comeza unha guerra entre os Outros e os superviventes, e os superviventes entran en contacto cun equipo de rescate a bordo do cargueiro Kahana''.
A cuarta tempada céntrase no contacto dos superviventes coa chegada de persoas do cargueiro, que foron enviados á illa non como parte dunha operación de rescate, senón con fins máis nefastos. Comézanse a propoñer deixa-la illa antes de que a tripulación do cargueiro poida realizar o seu plan. Mediante prolepses revélanse as identidades e futuras accións dos chamados "Seis de Oceanic", un grupo de superviventes que foron quen de escapar da illa e retomar as súas vidas normais. Coa intención de "mover a illa" por seguridade, un dos Outros usa un antigo dispositivo que non só move a illa fisicamente senón que tamén a traslada noutro punto do tempo, mentres que simultaneamente teletransporta a ese Outro ó deserto de Tunisia.
A quinta tempada ten dúas liñas temporais. A primeira ten lugar na illa onde os superviventes dan saltos erráticos cara a adiante e cara a atrás no tempo, ata que finalmente fican na época da Iniciativa Dharma en 1974. A segunda continúa a liña temporal orixinal, que ten lugar após que os "Seis de Oceanic" escapen, e continúa ata o seu retorno á illa no voo 316 de Ajira Airways no 2007 (tres anos despois de que escaparan). Coa chegada do novo avión á illa, algúns pasaxeiros aterran en 1977 e outros fican no 2007. Os que van a 1977 reúnense cos outros superviventes que estiveron vivindo durante tres anos coa Iniciativa Dharma e tentan cambiar eventos do pasado coa fin de previr o futuro accidente do voo de Oceanic.
Na sexta e última tempada, a principal liña argumental segue ós superviventes, reunidos no tempo presente. Trala desaparición de Jacob, o protector da illa, os superviventes enfróntanse ó Home de Negro, coñecido anteriormente como o Monstro de Fume. Ofrécese outra narrativa alternativa (flash-sideways) que segue as vidas dos personaxes principais no suposto de que o 815 de Oceanic nunca se estrelou. Nos derradeiros episodios, unha analepse a un pasado distante amosa a orixe do poder da illa e o conflito entre Jacob e o Home de Negro, que se desvela que son irmáns xemelgos. Un dos superviventes convértese no sucesor de Jacob como protector da illa e acaba co Home de Negro nun enfrontamento final coa illa en xogo. Un reducido número de persoas escapa no avión de Ajira. Está implícito que algúns sobreviventes voltan a casa máis tarde, mentres que outros seguen vivindo felizmente na illa. O final da serie revélase que os flash-sideways son en realidade unha forma de limbo, onde algúns dos sobreviventes e outros personaxes da illa están reunidos despois de morrer porque o seu tempo na illa foi a parte máis importante da súa existencia. Ó final, os personaxes principais reúnense nunha igrexa onde "seguir adiante" xuntos.
Mitoloxía e interpretacións
Os episodios de Lost inclúen unha serie de elementos misteriosos adscritos á ciencia ficción ou ós fenómenos sobrenaturais. Os creadores da serie refírense a eses elementos como parte da mitoloxía da serie, e son as bases das especulacións dos fans da serie. Os elementos mitolóxicos inclúen un "Monstro" que rolda pola illa, un grupo de habitantes que os superviventes chaman "Os Outros", unha organización científica chamada Iniaciativa Dharma que ten varias estacións de investigación na illa, unha secuencia de números que aparece frecuentemente nas vidas dos personaxes no pasado, no presente e no futuro, e conexións persoais (sincronicidade) entre eles que en moitos casos descoñecen.
O corazón da serie é unha historia complexa e enigmática, que xerou moitas preguntas e debates entre os espectadores. Alentados polos guionistas e as estrelas da serie, que moitas veces interactúan cos fans en liña, os espectadores e críticos de televisión botáronse á teorización xeneralizada nun intento de desvelar os misterios. A meirande parte das teorías tratan sobre a natureza e orixe da illa, as orixes do "Monstro" e "Os Outros," o significado dos números, e as razóns tanto para o accidente como para a supervivencia dalgúns pasaxeiros. Moitas das teorías dos fans foron debatidas e rexeitadas polos creadores da serie, sendo a máis común delas que os superviventes do voo 815 de Oceanic están mortos e no purgatorio. Lindelof rexeitou especulacións sobre que naves espaciais e aliens influíron nos eventos da illa, ou que todo o que se ve na serie é en realidade produto do maxín dun só personaxe. Carlton Cuse rexeitou a teoría de que a illa era un reality show e os náufragos compañeiros involuntarios e Lindelof negou a teoría de que o "Monstro" fose unha nube de nanobots semellante á da novela de Michael Crichton Prey (que ademais comparte o mesmo nome do protagonista, Jack).
Elementos recorrentes Hai numerosos elementos recorrentes e motivos en Lost, que xeralmente non un efecto directo na historia en si mesma, pero estenden o subtexto literario e filosófico. Estes elementos inclúen aparicións frecuentes de branco e negro, que reflicte o dualismo entre personaxes e entre situacións, así como tamén a rebelión de case tódolos personaxes, especialmente Kate; situacións de familias disfuncionais (sobre todos aquelas que teñen que ver cos pais); referencias apocalípticas, como a de Desmond premendo o botón de evitar a fin do mundo; coincidencias versus destino; conflito entre ciencia e fe, representado no enfrontamento entre Jack e Locke por ser líderes;. e referencias a numerosas obras da literatura, como mencións e discusións de novelas. Tamén hai moitas alusións nos nomes dos personaxes a pensadores e escritores de sona, como Ben Linus (o químico Linus Pauling), John Locke (o filósofo John Locke) e o seu alias Jeremy Bentham (o filósofo Jeremy Bentham), Danielle Rousseau (o filósofo Jean-Jacques Rousseau), Desmond David Hume (o filósofo David Hume), ex marido de Juliet (o filósofo Edmund Burke), Mikhail Bakunin (o anarquista Mikhail Bakunin), Daniel Faraday (o filósofo Michael Faraday), George Minkowski (o matemático Hermann Minkowski), Richard Alpert (o nome de nacemento de Ram Dass), Boone Carlyle (o pioneiro americano Daniel Boone), Charlotte Staples Lewis (o autor Clive Staples Lewis C. S. Lewis).
Personaxes