miniatura|Cultivo púrpura (esquerda) e columna (dereita) con gradiente de sacarosa cos pigmentos compoñentes das membranas de haloarqueas A hipótese da Terra púrpura é unha hipótese astrobiolóxica que sostén que as formas de vida da Terra primitiva estaban baseadas na molécula retinal en vez de na clorofila, facendo que a Terra aparecese de cor púrpura en vez de verde. Un exemplo de organismos baseados no retinal que existen hoxe son os microbios fotosintéticos denominados haloarqueas. Moitas Haloarchaea conteñen a proteína con retinal, bacteriorrodopsina, situada nas súas membranas púrpuras, que leva a cabo o bombeo de protóns impulsado pola luz, xerando un gradiente protón-motriz a través da membrana celular e orixinando a síntese de ATP. A membrana púrpura haloarqueana constitúe un dos sistemas bioenerxéticos máis simples coñecidos para captar enerxía da luz.

A membrana púrpura que contén retinal mostra un pico de absorción de luz centrado na rexión rica en enerxía verde-amarela do espectro solar, o que permite a transmisión de luz vermella e verde e dá como resultado unha cor púrpura. Os pigmentos clorofílicos, ao contrario, absorben luz vermella e azul, pero pouca ou ningunha luz verde, o que ten como resultado a característica cor verde das plantas, cianobacterias e membranas fotosintéticas. Os microorganismos con pigmentos púrpuras e verdes frrecuentemente coexisten en comunidades estratificadas nas que poden utilizar rexións complementarias do espectro solar.

A simplicidade dos pigmentos retinal das haloarqueas en comparación coas membranas fotosintéticas máis complexasv baseadas na clorofila, así como a súa asociación con lípidos isoprenoides na membrana celular, xunto co descubrimento de compoñentes da membrana arqueana en sedimentos antigos da Terra primitiva, son datos consistentes coa aparición temperá de formas de vida con membrana púrpura antes da aparición da fotosíntese verde. A coexistencia de microorganismos que teñen pigmentos púrpuras e verdes en moitos ambientes suxire a súa coevolución. Os astrobiólogos sinalaron que os pigmentos baseados no retinal poden servir como biosignaturas remotas na investigación de exoplanetas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Bacteriorrodopsina – Unha bomba de protóns usada polas haloarqueas para captaren enerxía da luz Bordo vermello

Ligazóns externas Colorful Worlds: Plants on Other Planets Might Not Be Green PBS Eons: When the Earth was purple CNN Colorscope-When life on Earth began, it was purple

Categoría:Astrobioloxía Categoría:Orixe da vida