miniatura|Marie Curie, a única científica que gañou o Premio Nobel de Física e o Premio Nobel de Química. As mulleres contribuíron notablemente á ciencia desde os seus inicios. O estudo histórico, crítico e sociolóxico deste asunto volveuse unha disciplina académica de seu.

As mulleres estiveron involucradas no campo da medicina en varias civilizacións antigas e o estudo da filosofía natural estaba aberto ás mulleres na Antiga Grecia. Tamén contribuíron na protociencia da alquimia no século I e segundo d.C. Durante a Idade Media, os conventos foron un importante lugar para a educación feminina e algunhas destas institucións proporcionaron oportunidades para que as mulleres puidesen formar parte e contribuír no campo da investigación. Pero no século XI fundáronse as primeiras universidades e as mulleres foron excluídas da educación universitaria. A actitude de educar mulleres no campo da medicina era máis liberal en Italia que noutros lugares. A primeira muller coñecida en completar os estudos universitarios nun campo de estudos científicos, foi a científica italiana do século XVIII Laura Bassi.

Aínda que os roles de xénero estaban moi definidos no século XVIII as mulleres experimentaron un grande avance no campo da ciencia. Durante o século XIX as mulleres seguían excluídas dunha educación científica formal, pero empezaron a admitirse en sociedades educativas de menor nivel. Posteriormente no século XX o aumento de mulleres que estudaban en universidades proporcionou traballos remunerados para as mulleres que se quixesen dedicar á ciencia e oportunidades para educarse. Marie Curie, a primeira muller en recibir un Premio Nobel en 1903 (de Física) foi tamén a primeira persoa en obter dous premios Nobel ao recoller en 1911 o de Química, ambos os premios polo seu traballo sobre a radiación. Entre 1901 e 2019 só 53 mulleres en total recibiron o Premio Nobel.

Antigüidade miniatura|Muller ensinando xeometría. Ilustración na letra capital dunha tradución medieval dos principios de Euclides, (c. 1310). A participación das mulleres no campo da medicina foi documentada en varias civilizacións. Agameda foi citada por Homero como curandeira na Antiga Grecia antes da Guerra de Troia. Hagnódice foi a primeira médica en traballar como tal no século IV a.C. en Atenas.

O estudo da filosofía natural na antiga Grecia estaba aberto ás mulleres. Exemplos documentados inclúen a Aglaonice, quen predixo eclipses; e a Theano, unha médica e matemática que foi pupila e esposa de Pitágoras, e membro da escola fundada polo filósofo en Crotone, onde estudaban moitas outras mulleres.

Foi documentada a contribución de varias mulleres na protociencia da alquimia en Alexandría ao redor dos séculos I e II d.C., onde a tradición gnóstica liderada por mulleres foi valorada. Á máis coñecida, María a Xudía, atribúeselle a invención de varios instrumentos químicos, incluída a técnica do baño maría e un tipo de alambique.

Hipatia de Alexandría, (370-415), considerada a última científica da antigüidade, era filla de Teón de Alexandría, e traballaba e daba clases na Biblioteca de Alexandría. Hipatia escribiu textos de xeometría, álxebra e astronomía, e atribúenselle varios inventos como o hidrómetro, un astrolabio e un instrumento para a destilación de auga.

Europa medieval miniatura|Hildegarda de Bingen. A educación universitaria en Europa foi accesible para algunhas mulleres durante o período medieval en Italia. Crese que no século XI, a médica italiana Trótula de Salerno, ocupou unha cátedra na Escola Médica Salernitana, onde ensinou a moitas mulleres nobres italianas, un grupo referido en ocasións como Mulieres Salernitanae ou "as señoras de Salerno". Varios textos importantes en medicina, sobre todo en obstetricia e xinecoloxía entre outras materias, tamén foron atribuídos a Trótula. A Universidade de Boloña permitía ás mulleres asistir a clase desde os seus inicios en 1088, e Dorotea Bucca ocupou alí unha cátedra durante o século XV.

Os conventos medievais eran outro lugar para a educación das mulleres, e algúns deron oportunidades ás monxas para contribuír en investigación académica. Con todo, na súa maior parte, as mulleres foron excluídas das universidades.[Whaley, Leigh Ann. Women's History as Scientists. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, INC, 2003.] Un exemplo é a abadesa alemá Hildegard von Bingen, cuxos prolíficos escritos inclúen varias materias científicas, incluída a medicina, a botánica e a historia natural (c. 1151-58).

Revolución científica (séculos XVI e XVII) A pesar do éxito dalgunhas mulleres, os nesgos culturais durante a Idade Media eran notables. Estes nesgos afectaron á educación e a participación das mulleres na ciencia. Moitos crían na submisión da muller como un valor positivo e natural, e moitos deses nesgos proveñen da filosofía cristiá. Santo Tomé de Aquino, referíndose ás mulleres, escribiu na súa obra máis importante Summa Theologica, "este é o sometemento co que a muller, por natureza, foi posta baixo o marido; porque a mesma natureza deu ao home máis discernimento."

En España nos séculos XV e XVI as crónicas históricas amosan a presenza puntual de mulleres nas universidades de Salamanca e de Alcalá de Henares. Entre elas Teresa de Cartaxena e Beatriz Galindo como alumnas en Salamanca, e Luisa de Medrano e Francisca de Lebrija como profesoras en Alcalá de Henares ou Salamanca. A máis coñecida é Beatriz Galindo, alcumada "a Latina", por destacar como especialista desa lingua, que chegou a ser a preceptora de latín da raíña Isabel a Católica e das súas fillas.

A Revolución científica dos séculos XVI e XVII viu unha grande afluencia de mulleres ao campo da ciencia; con todo, as mulleres seguiron sendo excluídas das universidades. Así, para continuar cos seus intereses científicos, as mulleres interesadas víronse obrigadas a obter os seus coñecementos de maneira informal. Os homes da nobreza europea eran libres de desenvolver os seus intereses en ciencia como pasatempo, e as portas estaban abertas ás mulleres que podían tomar parte nos traballos científicos informais xunto aos seus pais e irmáns. Alentábanse con todo as habilidades en pintura das mulleres nobres, e a miúdo servíanlles para detallar e precisar as ilustracións científicas.

Margaret Cavendish, unha muller aristócrata do século XVII, duquesa de Newcastle, tomou parte nalgúns dos debates científicos máis importantes do momento.Rodríguez, Patricia. «Lady Margaret Cavendish. La científica revolucionaria.» Journal of Feelsynapsis (JoF). . 2011.(1): 22-24. A pesar de non estar admitida na Royal Society inglesa, unha vez permitíuselle asistir a unha reunión. Escribiu numerosos traballos sobre materias científicas, incluíndo Observations upon Experimental Philosophy e Grounds of Natural Philosophy. Nestes traballos foi especialmente crítica coa crenza crecente de que os humanos, a través da ciencia, eran os amos da natureza. Como aristócrata, a Duquesa de Newcastle foi un bo exemplo de mulleres que traballaron en ciencia en Francia e Inglaterra.

Mulleres que querían traballar en ciencia e vivían en Alemaña chegaron con distintas bagaxes. Alí, a tradición da participación feminina no oficio da produción permitía a algunhas mulleres penetrarse na ciencia experimental, especialmente en astronomía. Entre 1650 e 1710, as mulleres representaban, en Alemaña, o 14 % do total de astrónomos. A muller astrónoma máis coñecida foi Maria Winkelmann. Foi educada polo seu pai e o seu tío e recibiu coñecementos en astronomía por un astrónomo autodidacta próximo. A súa oportunidade de ser profesional en astronomía chegou cando casou con Gottfried Kirch, o astrónomo máis coñecido en Prusia. Ela converteuse na súa axudante no observatorio astronómico que operaba en Berlín para a Academia das Ciencias. Realizou algunhas contribucións orixinais, incluído o descubrimento dun cometa. Cando o seu marido morreu, Winkelmann solicitou un cargo de astrónoma asistente na Academia de Berlín, para o cal estaba altamente cualificada. Por ser muller —sen estudos universitarios por tanto— denegóuselle o cargo. Membros da Academia de Berlín temeron establecer o mal exemplo de contratar unha muller.Patricia Rodríguez. Mujeres de Ciencia. «María Margarethe Winkelmann-Kirch: La astrónoma que quiso dejar de ser invisible.» Journal of Feelsynapsis (JoF). . 2012.(4): 13-19.

Os problemas de Winkelmann coa academia de Berlín reflicten os obstáculos que as mulleres afrontaban para ser aceptadas na práctica científica, que estaba considerada como pertencente principalmente aos homes. Ningunha muller foi convidada nin á Royal Society de Inglaterra nin á Academia das Ciencias francesa até o século XX. Durante o século XVII unha vida dedicada á produción de coñecemento considerábase incompatible cos labores domésticos ás que se esperaba que se dedicasen as mulleres.

En xeral, a Revolución Científica fixo pouco por cambiar as ideas existentes sobre a natureza da muller. Homes científicos usaron a nova ciencia para estender a idea de que a muller era por natureza inferior ao home, e que estaba subordinada a el e a desempeñar un rol doméstico como nais coidadoras. A vasta distribución da produción escrita asegurou a continuación destas ideas.

Século XVIII A Ilustración viu a expansión do rol das mulleres na ciencia. O xurdimento da cultura do salón literario en Francia durante este tempo, levou os filósofos e as súas conversacións sobre temas de política, sociedade e ciencia contemporánea, ás casas dos podentes e poderosos. Estes salóns eran maioritariamente dirixidos por mulleres, xa que a casa era tradicionalmente espazo da muller, e moitas damas recoñecidas emerxeron como figuras destacadas tanto polos seus dotes de anfitrioas, reunindo os ilustrados intelectuais do momento, como polas súas propias contribucións intelectuais á conversación.

Émilie du Châtelet, por exemplo, traduciu a obra de Newton, Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica, ao francés e deduciu a conservación da enerxía.Patricia Rodríguez. Una apasionada en el siglo de las luces.»] Journal of Feelsynapsis (JoF). . 2012.(5): 22-26.

En Madrid un dos primeiros salóns foi creado pola condesa de Lemos Rosa María de Castro y Centurión; outros salóns importantes foron os creados por María Lorenza de los Ríos, marquesa de Fuerte Híjar, o da duquesa de Benavente e condesa de Osuna, María Josefa Alfonsa Pimentel e o de Francisca de Sales Portocarrero e Zúñiga, condesa de Montijo. As mulleres ilustradas conseguiron ser aceptadas en 1787 nas Reais Sociedades Económicas, entre elas Josefa Amar y Borbón que pertenceu á Real Sociedad Económica Aragonesa e á Junta de Damas de Honor y Mérito, Mari Carrillo da Sociedade Económica de Santiago de Compostela e María Reguera, que leu os seus discursos en defensa da educación na Real Sociedade de Lugo. En 1785, a madrileña María Isidra Guzmán de la Cerda obtivo o grao de doutora en Filosofía e Letras Humanas na Universidade de Alcalá de Henares, despois de ser autorizada por unha Real Orde do Rei Carlos III.