Fucus serratus é unha alga mariña do norte do océano Atlántico coñecida como carballa ou bocho. É de cor acastañada olivácea e similar a F. vesiculosus e F. spiralis. Crece dun pé discoide e as frondes son planas, duns 2 cm de anchura, bifurcadas e de até un 1 m de longo incluíndo un curto estipe. Ramifícase dicotomicamente de forma irregular. A fronde ten un nervio central e é facilmente distinguible doutras especies relacionadas polo seu bordo aserrado. Non ten vesículas cheas de gas, como as atopadas en F. vesiculosus, e tampouco se retorce en espiral como F. spiralis.
Os corpos reprodutivos fórmanse en conceptáculos situados no interior de receptáculos próximos ás puntas das ramas. Nestes conceptáculos prodúcense oogonios e anteridios, que despois da meiose son liberados. Prodúcese a fertilización e desenvólvese un cigoto que crece directamente nunha planta que constitúe o esporófito diploide.
Distribución e ecoloxía Fucus serratus atópase ao longo da costa Atlántica de Europa desde Spitsbergen até Portugal, nas Illas Canarias e nas costas do nordeste de América. Foi introducida polo home en Islandia e nas Illas Feroe fai aproximadamente 1000 anos, onde foron detectadas por primeira vez nun estudo de 1900. Crece moi ben nos depósitos de lenta drenaxe das costas nos que pode ocupar até un terzo da superficie total. A miúdo domina a parte rochosa inferior, excepto sobre as rochas máis expostas.
Usos F. serratus úsase en Irlanda e Francia para a produción de cosméticos e para talasoterapia.
Notas
Categoría:Fucales