Javier Azcona Flamen, nado en Pamplona, é un ex piloto español de rallys.
Competiu durante anos no Campionato de España de Rallys, proclamándose campión en diferentes categorías e copas de promoción e sendo un dos pilotos con máis rallys disputados (149). Foi campión do Desafío Peugeot (1989), cinco veces campión da Copa Renault (1992-1995 e 2003), campión do grupo N (1995) e campión do Trofeo Citroën (1996 e 1997). Competiu tamén en Galicia, proclamándose campión de Galicia de rally na tempada 1994.
É irmán do tamén expiloto Jaime Azcona.
Traxectoria Comezou nos rallys nos anos 80. En 1984 disputou o Rally Cidade de Pamplona e o Rally Vasco Navarro a bordo dun Seat Fura e coa italiana Inma Vittorini como copiloto. En 1986 comezou a competir cun Peugeot 205 GTI co que correu o seu primeiro Rally Cataluña así como varias probas do nacional.
En 1988 quedou terceiro no Desafío Peugeot e ao ano seguinte, con Miguel Aldaz de copiloto, proclamouse campión de dita competición e subcampión do grupo N, ademais de rematar en quinta posición na clasificación absoluta. En 1990 foi piloto oficial de Peugeot e conseguiu o seu primeiro podio absoluto ao rematar en terceira posición no Rally Villa de Llanes, só por detrás de Chus Puras e Borja Moratal.
En 1991 comezou a correr o nacional cun Renault Clio 16v, co que tivo malos resultados ese ano. Disputou tamén catro probas da Copa de España, rematando na novena posición final. En 1992 proclamouse vencedor da Copa Renault do nacional, título que revalidou nos tres anos seguintes. Durante eses anos disputou tamén o Campionato de Galicia de Rally e en 1994 con Juan Louro de copiloto, proclamouse vencedor ao final da tempada, na que logrou tamén a súa primeira vitoria absoluta nun rally, no 7º Rally de Narón. En 1995 foi campión do grupo N do nacional.
En 1996 disputou cun Citroën ZX 16v o nacional, onde se proclamou vencedor do Trofeo Citroën, así como diversos rallys de campionatos autonómicos, logrando a vitoria no Rally Cidade de Pamplona. En 1997 revalidou o título do Trofeo Citroën e ao ano seguinte obtivo cun Citroën Saxo Kit Car a súa mellor posición na clasificación absoluta do Campionato de España, ao rematar en terceira posición, só por detrás de Chus Puras e Luis Climent. En 1999 e 2000 correu cun Peugeot 106 Maxi e en 2001 volveu ao Renault Clio, proclamándose en 2003 vencedor da Copa Renault por quinta vez.
Notas
Categoría:Nados en Pamplona Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Pilotos de rally de España