O ácido isobutírico, tamén chamado ácido 2-metilpropanoico ou ácido isobutanoico, é un ácido carboxílico con fórmula estrutural (CH3)2CHCOOH. Ácido isobutírico é un nome trivial aceptado polas regras da IUPAC. É un isómero do ácido n-butírico. A súa desprotonación ou esterificación dá lugar a derivados chamados isobutiratos.
O ácido isobutírico é un líquido incoloro cun cheiro máis ben desagradable. É soluble en auga e solventes orgánicos. Atópase en estado libre na alfarrobeira (Ceratonia siliqua), na vanilla e na raíz de Arnica dulcis, e en forma de etil éster no aceite de Croton tiglium.
Produción O ácido isobutírico prepárase por oxidación de isobutiraldehido, que é un subproduto da hidroformilación do propileno.
Tamén se pode preparar por hidrocarboxilación a alta presión (reacción de Koch) a partir do propileno: CH3CH=CH2 + CO + H2O → (CH3)2CHCO2H
Coñécense outras moitas rutas de obtención, como a hidrólise de isobutironitrilo con álcalis e a oxidación de isobutanol con dicromato de potasio en presenza de ácido sulfúrico, En presenza de doantes de protóns, a acción da amálgama de sodio sobre o ácido metacrílico tamén dá lugar a ácido isobutírico.
O ácido isobutírico pode tamén fabricarse comercialmente utilizando bacterias modificadas xeneticamente usando azucres como materia base.
Reaccións Cando se quenta cunha solución de ácido crómico oxídase a acetona. O permanganato de potasio alcalino oxídao a ácido α-hidroxiisobutírico, (CH3)2C(OH)-CO2H.
Notas
Categoría:Ácidos alcanoicos