A prostitución nos territorios daneses de ultramar, que son Groenlandia e as Illas Feroe, territorios gobernados de xeito autónomo respecto á Dinamarca continental e con amplos tratados de autogoberno dende comezos do século XXI ten un marco legal igual ao dinamarqués, o que na práctica implica que o modelo que se segue é o abolicionista: exercicio da prostitución non regulado, bordeis e proxenetismo ilegais. Non existen servizos especificamente deseñados para prostitutas en ningún dos dous territorios; supostamente, porque en ningún dos dous se lle dá unha grande importancia ao asunto do exercicio, ao non existiren apenas casos de prostitución. Groenlandia

En Groenlandia, ademais da posesión de bordeis, do proxenetismo, e da explotación sexual de terceiras persoas, é ilegal alentar ou axudar a menores de 21 anos a prostituirse, ou a viaxaren a outro lugar coa fin de prostituírense (incluíndo tamén a maiores de 21 anos se descoñecen o propósito da viaxe). Tamén é ilegal que o dono dun hotel ou hostal alugue un cuarto para o seu emprego en fins de prostitución. Dende 2019, tamén se considera proxenetismo o feito de manter relacións sexuais de pago cunha persoa enganada, ou envolta en circunstancias inapropiadas ou ilegais á hora de exercer. Pese á percepción recorrente de que o exercicio da prostitución autónoma está prohibido en Groenlandia, non existen atualmente leis que castiguen dito exercicio no territorio, nin a compra de servizos en circunstancias normais en residencias privadas.

En 1728, entre os colonos nórdicos que iniciaron o repoboamento do sur da illa, fundando Nuuk, había prostitutas. A día de hoxe, o fenómeno da prostitución é infrecuente en Groenlandia, e non se teñen presentado nunca cargos delictivos relacionados coa posesión de bordeis ou da explotación da prostitución de terceiras persoas. Porén, existen rumores da existencia de bordeis na illa, camuflados na forma de salóns de masaxe, e da existencia de prostitución desde, polo menos, o establecemento das primeiras bases militares estadounidenses en territorio groenlandés. A finais de 2012, abriuse un debate na illa a propósito da posibilidade de legalizar os bordeis, como xeito de obter diñeiro da recente afluencia de traballadores chineses do aluminio á cidade de Maniitsoq. Tamén constatouse a existencia de prostitutas groenlandesas na Dinamarca continental, coa característica de que, no canto de intercambiar cartos por sexo, empregan o sexo como recurso de necesidade para conseguir aloxamento.

Illas Feroe As Illas Feroe contan coa súa propia lei de delitos sexuais desde 2017, similar á dinamarquesa. Dita lei non pena a prostitución autónoma nin a súa compravenda entre maiores de idade, senón tan só o proxenetismo e a prostitución infantil. Debido á escasa poboación de Feroe (aproximadamente 48.000 persoas), non se rexistran na práctica casos de prostitución a terceiros, en bordeis ou en redes ilegais. Sendo a prostitución un fenómeno infrecuente nas Illas, é posíbel atopar algunhas traballadoras sexuais independentes. Elin Reinert Planck, exdirectora do fogar para mulleres Kvinnuhúsið de Tórshavn, asume a existencia de mulleres que trocan sexo por drogas.

Notas

Categoría:Prostitución Categoría:Dinamarca Categoría:Groenlandia Categoría:Illas Feroe