Héctor Hernández Ortega, nado o 23 de maio de 1991 en Valladolid, é un futbolista español, que xoga de lateral esquerdo.
Traxectoria
Comezos Nacido en Valladolid, formouse na canteira do CD Victoria CF e logo na do CD Betis CF, ambos de Valladolid.
Real Zaragoza (2010-2013) En 2009 ingresou no Real Zaragoza e xogou co seu filial, o Zaragoza B, entre as tempadas 2010/11 e 2012/13, as dúas últimas na Segunda División B.
O 23 de xaneiro de 2013 debutou co primeiro equipo zaragozano nos cuartos de final da Copa do Rei contra o Sevilla, saltando ao terreo do Sánchez Pizjuán no minuto 51 para substituír a Víctor Rodríguez. Menos de tres semanas despois debutou na Primeira División, entrando como titular no equipo de Manuel Jiménez fronte á Real Sociedad na Romareda. Con todo, foi expulsado aos 22 minutos, por dobre amarela tras dúas entradas sobre Carlos Vela, e o Zaragoza perdeu 1-2.
Real Sociedad (2013-2018) O 30 de xuño de 2013 finalizou o seu contrato co Zaragoza e asinou coa Real Sociedad ata o 30 de xuño de 2014 para poñerse ás ordes de Asier Santana no equipo filial, o Sanse. Apenas tivo protagonismo no seu primeiro ano en Donostia, pero a situación mudou no segundo, no que disputou 35 encontros, case todos como titular.
En maio de 2015 renovou o seu contrato ata 2017 e pasou a formar parte do primeiro equipo da Real Sociedad. Debutou ante o FC Barcelona no Camp Nou, substituíndo nos minutos finais a Imanol Agirretxe.
En xuño de 2016 ampliou o contrato que o vencellaba ó club txuri urdin ata 2019. En xaneiro de 2017 saíu cedido ao Granada de Lucas Alcaraz en busca de minutos. Xogou 13 partidos sen poder evitar o descenso do equipo á Segunda división. Na seguinte campaña, 2017/18 foi cedido de novo, esta vez ao Deportivo Alavés. Con todo, co equipo vitoriano só xogou 15 minutos na primeira xornada, por mor dunha lesión no xeonllo que o mantivo o resto da tempada afastado dos terreos de xogo.
Tenerife e Numancia (2018-2020) En agosto de 2018 desvinculouse da Real e fichou polo Tenerife, adestrado naquel entón por Joseba Etxeberria, e que militaba na Segunda división. Co club canario contabilizou 16 encontros, 15 deles como titular.
Na tempada 2019/20 fichou polo Numancia, de Segunda División, co que actuou en 31 partidos, e co que sufriu un novo descenso.
Deportivo da Coruña (2020-2022) O 12 de setembro de 2020, anunciouse a súa fichaxe por dúas tempadas polo Deportivo da Coruña da Segunda División B. Debutou no estadio Reina Sofía fronte ao Unionistas de Salamanca, marcando o gol da vitoria (1-0) cando só transcorreran 50 segundos de partido. Un mes despois marcou o seu primeiro gol na Copa do Rei, no partido da primeira rolda contra o El Ejido, no que o seu equipo venceu por 1-0. Disputou un total de 14 encontros na tempada, na que o Deportivo se clasificou para a primeira edición da Primeira División RFEF.
Na súa segunda campaña no club galego foi titular durante a maior parte dos encontros, disputando un total de 33 partidos, 31 deles saíndo de inicio. Foi titular nos dous partidos da promoción de ascenso, na que o Deportivo acabou caendo na prórroga da final contra o Albacete en Riazor. Ao remate da tempada o club rescindiu o seu contrato, polo que pechou o seu paso pola Coruña cun total de 47 partidos e 2 goles.
Rayo Majadahonda (2023) Trala súa saída do Deportivo estivo medio ano sen equipo, ata que no último día do mercado invernal da tempada 2022/23 anunciouse a súa fichaxe polo Rayo Majadahonda, de Primeira RFEF. Disptuou 11 partidos co conxunto madrileño, 8 deles como titular.
Pontevedra (2024-2025) Despois dun ano sen equipo, en xuño de 2024 converteuse na primeira fichaxe do Pontevedra para a tempada 2024/25, na Segunda Federación. No club dirixido por Yago Iglesias disputou un total de 25 encontros, 20 deles como titular, e contribuíu ao ascenso do equipo á Primeira Federación como campión do seu grupo. Ao remate do seu contrato a entidade pontevedresa anunciou que non continuaría na disciplina do club para a seguinte campaña.
Palmarés Pontevedra Segunda Federación (1): 2024/25.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados en Valladolid Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Zaragoza B Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CF Rayo Majadahonda Categoría:Xogadores do Pontevedra CF