Rafael Ángel Souto Castro, nado en Montevideo o 24 de outubro de 1930, é un ex futbolista uruguaio, de orixe galega. Xogaba como dianteiro e foi internacional coa selección uruguaia.
Traxectoria Seus pais, dous emigrantes galegos, naturais el de Arteixo e ela de Carballo, instaláranse nos anos 20 en Montevideo, onde naceu Rafael en 1930.
Na segunda metade da década de 1940 incorporouse ás categorías inferiores do Nacional, o equipo máis importante do Uruguai. Debutou co primeiro equipo en 1952, e conquistou ese ano o campionato de primeira división, formando dianteira con Jorge Enrico, Julio Pérez, Javier Ambrois e o tamén descendente de galegos Héctor Rial. Xogou dous anos máis en Nacional, obtendo dous subcampionatos de liga e a Copa Montevideo de 1953.
En febreiro de 1955 viaxou a España para incorporarse ás filas do Atlético de Madrid. A fichaxe foi propiciada pola mediación de Héctor Scarone e o prezo do traspaso foi de 20.000 pesos uruguaios. Tras disputar poucos partidos co club madrileño, foi cedido na tempada seguinte ao Elche, co que logrou o ascenso á Segunda División.
Regresou logo ao Uruguai, onde estivo ata agosto de 1958, momento no que chegou a Galicia para fichar polo Deportivo da Coruña por dúas tempadas. Fíxoo por recomendación do tamén uruguaio Dagoberto Moll, a quen coñecera na súa etapa no Elche e que regresou ese ano ao Deportivo xunto con Oswaldo. Disputou 18 partidos co club coruñés en Segunda División e marcou 4 goles, perdendo a titularidade fronte a Amancio. Ao remate da tempada o club decidiu reducir o cadro de xogadores desfacéndose dalgúns futbolistas con fichas altas, sendo Souto un deles, polo que acabou aí a súa etapa no Deportivo.
Selección nacional Foi internacional coa selección de fútbol do Uruguai en seis ocasións, disputando o Campionato Suramericano de 1953 no Perú e o Mundial de 1954 en Suíza.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com .
Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1930 Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954