Optus é unha serie de satélites de comunicacións Australianos.

Características Os satélites Optus pertencen á empresa Optus Communications Pty., Ltd., de Australia, formada a través da privatización da empresa nacional de satélites AUSSAT, que en 1982 seleccionou a Hughes Communications International para desenvolver o primeiro programa de satélites de comunicacións do país. Os primeiros satélites comezaron a lanzarse en 1985 e a día de hoxe os seus sucesores están destinados a dar servizo de comunicacións, datos e voz ao territorio australiano.

Optus A1, A2 e A3 (AUSSAT A1, A2 e A3) Os primeiros tres satélites Optus lanzáronse baixo a denominación AUSSAT entre 1985 e 1987. Usaban o bus HS-376 e estabilizábanse mediante xiro. Tiñan forma cilíndrica, con 2 metros de diámetro e 6,9 m de longo, cunha antena cun mecanismo de antirrotación nunha das bases para poder apuntar continuamente á Terra. Levaban 15 transpondedores en banda Ku. A alimentación eléctrica corría a cargo de células solares recubrindo a superficie do satélite. Optus A1 e A2 foron lanzados polos transbordadores espaciais Discovery e Atlantis respectivamente, o 27 de agosto de 1985 e o 27 de novembro dese mesmo ano, mentres que Optus A3 foi lanzado mediante un Ariane 3 o 16 de setembro de 1987.

Optus B1, B2 e B3 Os tres seguintes satélites Optus eran satélites estabilizados nos tres eixos e usaban o bus HS-601 de Hughes. Foron lanzados entre 1992 e 1994, os tres a bordo de foguetes CZ-2E e con Optus B2 sendo destruído durante o lanzamento debido ao colapso da cofia pero cos seus restos chegando a órbita. Levaban a bordo 15 transpondedores en banda Ku cada un, un transpondedor en banda L, unha baliza en banda K e un retrorreflector láser. Cada un tiña unha masa de 2858 kg con propelente (1659 kg en baleiro).

Optus C1 Optus C1, tamén coñecido como Optus and Defence C1, foi lanzado para proporcionar servizo de comunicacións comerciais e militares. Para o servizo comercial, destinado ao seu uso polo Departamento de Defensa de Australia, usa transpondedores en banda Ku, mentres que para o servizo militar usa UHF e as bandas X e Ka. Usa o bus SSL-1300, con dous paneis solares e unha masa de 4725 kg. Foi lanzado o 11 de xuño de 2003 mediante un foguete Ariane 5.

Optus D1, D2 e D3 Os satélites Optus da serie D levan a bordo 24 transpondedores en banda Ku con 8 canais de respaldo adicionais. Están baseados no bus Star-2.4 e teñen unha masa duns 2400 kg, cun par de paneis solares que xeran ata 4 kW de potencia eléctrica. Foron lanzados entre 2006 e 2009, todos mediante foguetes Ariane 5.

Optus 10 Optus 10 foi lanzado o 11 de setembro de 2014 a bordo dun Ariane 5. Ten unha masa de 3270 kg usando o bus SSL-1300LL e levando 24 transpondedores en banda Ku.

Historial de lanzamentos

Misión Data de lanzamento Foguete lanzador NotasOptus A1 (AUSSAT A1)27 de agosto de 1985Transbordador DiscoveryÉxitoOptus A2 (AUSSAT A2)27 de novembro de 1985Transbordador AtlantisÉxitoOptus A3 (AUSSAT A3)16 de setembro de 1987Ariane 3ÉxitoOptus B113 de agosto de 1992CZ-2EÉxitoOptus B221 de decembro de 1992CZ-2EFalloOptus B327 de agosto de 1994CZ-2EÉxitoOptus C111 de xuño de 2003Ariane 5ÉxitoOptus D113 de outubro de 2006Ariane 5ÉxitoOptus D25 de outubro de 2007Ariane 5 ÉxitoOptus D321 de agosto de 2009Ariane 5ÉxitoOptus 1011 de setembro de 2014Ariane 5Éxito

Notas

Véxase tamén Outros artigos Transbordador espacial Discovery Transbordador espacial Atlantis Ariane 3 Ariane 5 CZ-2E

Categoría:Satélites artificiais