Luis Eduardo Aute Gutiérrez, nado en Manila o 13 de setembro de 1943 e finado en Madrid o 4 de abril de 2020, foi un músico, director de cinema, pintor e poeta aínda que a súa sona foi principalmente como cantautor. Amais das súas actividades propiamente profesionais, falaba as linguas española, inglesa, catalá, francesa, italiana e tagala.

Traxectoria

Primeiros anos en Filipinas Luis Eduardo Aute naceu en Manila en 1943. Seu pai, Gumersindo Aute Junquera, nado en Barcelona, era de orixe andaluza que con 18 anos se trasladou á capital filipina para traballar na compañía Tabacos de Filipinas. Alí coñeceu a Amparo Gutiérrez-Répide Carpi, filipina da burguesía de orixe española, filla de valenciana e santanderino, coa que casou.

Canda neno, estudou nun colexio de La Salle, onde aprendeu inglés, pois nesa lingua impartíanse as clases. Ao mesmo tempo, na casa aprendeu español e catalán e na rúa, o tagalo.

Dende moi novo, amosou unha grande habelencia como debuxante e pintor e, tamén, gozaba co cinema, sobre todo despois de que seus pais lle regalasen unha cámara de oito milímetros coa que tivo as primeiras experiencias na realización de películas cos seus amigos.

Aos oito anos viaxou por primeira vez a España. En Madrid, cantou por vez primeira en público, acompañando a orquestra do Hotel Avenida, coa que interpretou a canción Las hojas muertas. Tiña nove anos cando viu, tamén, por primeira vez A lei do silencio, película que o marcou de xeito importante e que o levou a escribir os seus primeiros poemas, en inglés. Tamén tivo unha grande influencia nesa época a película Niagara, onde descubriu a sensualidade e erotismo de Marilyn Monroe.

Retorno da familia a España En 1954 a familia, previa estancia en Barcelona, estableceuse definitivamente en Madrid, onde Luís Eduardo estudou no colexio Nosa Señora das Marabillas, tamén pertencente á orde de La Salle. Tres anos máis tarde, ao cumprir os quince, e tras regalarlle o seu pai unha guitarra, actuou na festa de fin de curso do colexio formando un trío con outros dous amigos. Neses mesmos anos, moi influído polo expresionismo alemán, comezou a pintar sen descanso, obtendo unha medalla de prata no II Certame Xuvenil de Arte.

En 1960, tivo lugar a súa primeira exposición individual de pintura na Galería Alcón de Madrid, con bastante éxito. Ese mesmo ano naceu o seu irmán José Ramón. No curso preuniversitario formou parte de varios grupos, como Los Sonor, do que xurdirían Los Bravos e no que tocaba a guitarra acústica; Los Tigres, no que cantaba en inglés cancións de Elvis Presley, e, de acordo con José Ramón Pardo, Los Pekenikes. Con todo, o cine e a pintura, do mesmo xeito que a escritura, seguiron sendo as súas grandes paixóns. Cos Sonor chegaría a interpretar dúas cancións no programa de televisión Salto a la fama, aínda que Aute abandonou o grupo para se centrar nos seus estudos.

En 1961, escribiu o seu primeiro guión de cine e presentou unha curtametraxe de vinte minutos ao concurso da revista Primer Plano. Tamén escribiu Los últimos estertores, unha especie de libro con textos, poemas e guións que mandou encadernar. Seus pais separáronse e, pouco despois, realizou outra curtametraxe, Senses, que foi rexeitado por inmoral. En 1962, realizou a súa segunda exposición individual de pintura, na galería Quijote, e coñeceu a Marichu Rosado con quen casou en 1968.

En 1963, comezou a estudar arquitectura técnica na Escola de Aparejadores, aínda que só dúas semanas máis tarde abandonaría a universidade para se trasladar a París, onde viviu toda a efervescencia cultural da época e descubriu a música de Jacques Brel e Georges Brassens, leu a Paul Éluard e a Nietzsche (Máis aló do ben e do mal) e viu películas prohibidas en España, como Lolita de Stanley Kubrick. Durante os seguintes anos, regresou varias veces á capital francesa e comezou a vivir dos seus cadros, realizando algunhas exposicións fóra de España e tendo un marchante estadounidense, Gregg Juárez, que vendía os seus cadros en Estados Unidos. Tamén conseguiu empezar a traballar no mundo do cine, destacando a súa participación na película Cleopatra, de Joseph L. Mankiewicz, como intérprete de inglés, francés e español e segundo axudante de dirección da segunda unidade, que se encargaba de filmar as secuencias rodadas en España. En Madrid, traballou como meritorio de dirección en La vida es magnífica, unha película de Maurice Ronet, e en Chaud, chaud, les visons, de Marcel Ophüls.

Primeiras composicións e éxito internacional En 1965, Luís Eduardo Aute comezou o servizo militar en Tremp (Lleida). O seu capitán, afeccionado ao debuxo, permitíalle ter tempo para terminar os cadros dunha exposición que se ía a realizar en California. Ao concluír o servizo militar en maio do ano seguinte volveu a Madrid e viaxou a São Paulo para participar na Bienal de pintura con tres cadros de gran formato. No Brasil descubriu a música de Bob Dylan e Joan Báez e ao regresar, animado por Massiel, a quen coñecera durante unha viaxe a Madrid, e baixo o influxo de Dylan, escribiu cinco cancións: Don Ramón, Made in Spain, Rojo sobre negro, Aleluya #1 e Rosas en el mar. Nun principio, ofreceullas todas a Massiel, aínda que finalmente esta só chegou a gravar a última, converténdoa nun éxito rotundo. A canción aínda que aparentaba ser unha canción romántica, Aute afirmara que, en realidade era unha homenaxe á Revolución Cubana.

Con todo, un antigo compañeiro dos Sonor, Manuel Escobar, escolleu dúas das outras cancións para incluílas no disco que estaba a gravar e, mentres as ensaiaba nun estudo con Aute á guitarra, o produtor e compositor Juan Carlos Calderón, ao escoitalas, propúxolle a Aute que as gravase el mesmo, aínda que este, pese ao desexo tamén de Ele Juárez, director artístico de RCA, rexeitou a idea, pois quería seguir centrándose na pintura e no cine. En 1967, Massiel inclúe por fin nun novo disco Rosas en el mar e Hasta mañana, outra composición de Aute. Mentres tanto, a compañía RCA insiste a Aute para que sexa el mesmo quen grave os seus temas e este por fin acepta, editando un disco sinxelo con Made in Spain e Don Ramón.

A versión de Rosas en el mar de Massiel foi un grande éxito, polo que RCA decide publicar Aleluia #1, interpretada por Aute, mentres Zafiro publicouna interpretada por Massiel. O tema foi un rotundo éxito a nivel internacional, realizándose diversas versións en Checoslovaquia, Francia, Italia, Brasil, Xapón, Venezuela e Hispanoamérica. Nos Estados Unidos, Ed Ames fixo unha versión chamada Who will Answer, adaptada por Sheila Davis que chegou ao posto número sete da lista Billboard. Aute contou anos despois unha curiosa anécdota que escoitara, segundo a cal Paul McCartney, ao escoitar esta versión en inglés do Aleluya, decidiu contestala co tema Let it be, dos Beatles. Nesta época, Aute coñeceu a Joan Manuel Serrat.

Primeiro disco e retirada Pese ao éxito colleitado, Aute seguiu a se considerar principalmente pintor e pensaba nesta incursión no mundo da música como algo temporal. No entanto, entre 1967 e 1968 publicou varios temas soltos Los burgueses, Mi tierra, Mi gente, Niño de nada, Slowly, Clamo al firmamento e Tiempo de amores) e o seu primeiro álbum, Diálogos de Rodrigo e Ximena, composto principalmente por esas cancións xa publicadas en disco sinxelo ou interpretadas por outros, como Rosas en el mar ou Aleluya #1, e outras de carácter satírico. O disco incluíu no seu interior a reprodución dunha das súas pinturas e unha definición do que para el era unha canción. Tamén realizou a súa cuarta exposición de pintura. Ese mesmo ano coñeceu á cantante Mari Trini, que interpretou dúas das súas cancións:El alma no venderé e No sé qué pasará, a primeira canción que escribira Aute.

O 21 de marzo de 1968, casou coa súa noiva Maritchu e en maio decidiu abandonar o mundo da música, que o dececpcionara, gravando seis meses despois, a modo de testamento musical, o disco 24 canciones breves, unha especie de crónica política e social da España daqueles anos.

Afastado do negocio da música, en 1968 publicou en Nova Dimensión, unha revista de ciencia ficción, dous relatos curtos, Los fugitivos e P.A.P. En 1969 coescribiu, baixo o pseudónimo de Luís Junquera, o guión de Cibeles, que dirixiu José Sámano e foi premio á mellor curta experimental no Festival de Cine de San Sebastián. Ese mesmo ano realizou varias películas promocionais de diversos músicos encargadas por RCA para ser emitidas por televisión e coñeceu á cantante Rosa León.

Década de 1970: retorno ao mundo da música En 1970, publicou en Poesía 70, un poema que foi a causa do peche da revista, na que compartira páxinas cos tamén cantantes Joaquín Sabina e Carlos Cano. Tamén comezou a escribir os primeiros poemas do libro La matemática del espejo, algo fúnebres debido á morte do seu sogro e dunha tía da súa muller. Escribiu e dirixiu Minutos despues, curtametraxe en 16 milímetros seleccionada para participar no II Festival de Cine de Autor de Benalmádena. Ese mesmo ano naceu o seu fillo Pablo Antonio. Tamén compuxo, en colaboración con Jesús Munárriz, dúas cancións para a obra de teatro Castañuela 70.

En 1971, escribiu e dirixiu unha nova curta, Chapuza 1, coa súa obra pictórica como protagonista, e realizou os paneles para a obra Marat-Sade, de Peter Brooks, e os carteis para os ciclos sobre Godard, Luis Buñuel e o Novo Cinema Brasileiro do Cine California de Madrid.

En 1972, RCA publicou o recompilatorio Álbum (1966-67), con temas xa publicados, e ao ano seguinte Rosa León publicou o seu primeiro disco, no que se incluíron sete cancións de Aute, como Las cuatro y diez, De alguna manera ou La secretaria ideal.

Ante o éxito obtido, e coa promesa de liberdade absoluta por parte da compañía discográfica e do produtor e escritor José Manuel Caballero Bonald (incluíndo a non obrigación de aparecer en televisión nin de dar recitales en público), Aute volveu ao mundo da música como intérprete e ese mesmo ano de 1973 gravou Rito para Ariola, que saíu ao ano seguinte e que constituíu o primeiro dos discos da triloxía Canciones de amor y de muerte. A última canción do álbum era o tema Autotango del Cantautor, unha autocrítica cara ao mundo dos cantautores. Este mesmo ano, compuxo as cancións para Historia de un pechicidio o la venganza de don Lauro, de Lauro Olmo. En 1974 escribiu a banda sonora de Los viajes escolares, de Jaime Chávarri.

En 1975, editouse Espuma, co subtítulo «Cancións eróticas» e cuxa contraportada incluía senllas citas de Paul Éluard e Vicente Aleixandre. Deste traballo, que tivo un considerable éxito, tirouse o sinxelo Anda, unha das súas cancións máis coñecidas. Este mesmo ano publicou o libro La matemática del espejo e escribiu as bandas sonoras de Emilia, parada y fonda, de Angelino Fons, e tamén para Televisión Española, a adaptación da obra de Cela, Viaje a la Alcarria, dirixida por Antonio Giménez Rico. Tamén rodou A flor de piel, a súa derradeira curtametraxe, a cor e en 35 mm, protagonizada por Ana Belén e Jaime Chávarri. Nestes anos tamén deseñou cartafoles de discos para RCA, EMI, Movieplay e Nevada e realizou retratos de encarga. A súa primeira actuación en público en solitario produciuse o 20 de decembro deste ano, xunto a Amancio Prada, Rosa León, a súa irmá Julia León, Víctor Manuel e Luís Pastor, no IX Festival de Villancicos Nuevos de Pamplona, onde interpretou o villancico Niño de nada.