Stéphanie Marie Élisabeth Grimaldi, nada en Mónaco o 1 de febreiro de 1965, é a filla máis nova dos príncipes Rainiero III e Grace de Mónaco. Traballou temporalmente como cantante, deseñadora de traxes de baño, modelo e artista.

Traxectoria Primeiros anos Estefanía naceu en 1965 no Palacio do Príncipe de Mónaco, terceira e último filla do príncipe Rainiero III de Mónaco e de Grace Kelly. A súa madriña de bautismo foi a súa curmá Elizabeth Ann de Massy, filla da princesa Antonieta, mentres que o seu tío materno, John Brendan Kelly, Jr. foi o seu padriño. Estefanía recibiu o seu nome en honor á súa antepasada Estefanía de Beauharnais.

Estudou no Dames de Saint-Maur de Mónaco e despois na Dupanloud de París. Rematou o bacharelato en 1982. Durante os seus anos de escola estudou danza clásica e piano, tamén competiu en ximnasia e equitación. Fala fluidamente monegasco, francés, inglés e italiano.

O 13 de setembro de 1982, cando regresaban a Mónaco da súa casa de campo de Rocagel (Francia), ela e a súa nai sufriron un accidente de tráfico. Grace faleceu o día seguinte, mentres que Estefanía sufriu unha ruptura dunha vértebra do pescozo. Aínda que a versión oficial foi que Grace tivo un derramo cerebral mentres conducía, houbo rumores de que era Estefanía, que non asistiu ao funeral da súa nai por estar convalecente, quen conducía o vehículo. Estefanía negouse a falar da morte da súa nai ata 1989, cando deu unha entrevista en que dixo: "Hai moita presión sobre min, porque todo o mundo di que eu conducía o coche, que é a miña culpa, que matei a miña nai... Non é doado cando tes que vivir iso con dezasete anos". A princesa non volveu falar do asunto ata 2002, cando concedeu unha entrevista á revista francesa Paris Match en que dixo: "Non só tiven que pasar polo horrible trauma de perder a miña nai a unha idade temperá, senón estar ao seu lado no momento do accidente. Ninguén pode imaxinar o moito que sufrín e que sigo sufrindo".

Moda O seu carácter díscolo e difícil, a súa axitada vida sentimental e a súa rechamante imaxe afastárona do prototipo de princesa europea e provocaron o alcume de «a princesa rebelde». Díxose repetidamente que Estefanía non asumía o seu papel dentro da familia principesca, sometido ao protocolo e obrigas sociais, e preferiu dedicarse ao mundo do espectáculo e do deseño.

En 1983, despois de recuperarse do accidente, comezou un curso de aprendizaxe en Christian Dior, baixo a dirección do xefe de deseño Marc Bohan. O ano seguinte debutou como modelo nunha reportaxe de roupa de alta costura para a revista española ¡Hola!. En 1985 apareceu na revista alemá Vogue e na norteamericana Vanity Fair. Tamén foi imaxe da liña de beleza suíza La Prairie.

En 1986 lanzou a súa primeira liña de traxes de baño con Alix de la Comble, a quen coñecera durante a súa estadía en prácticas en Dior. O desfile de moda para presentar a liña, que se celebrou no Club Sporting de Mónaco e ao que asistiron o príncipe Rainiero III, o príncipe Alberte e a princesa Carolina, foi un acontecemento importante cuberto polos medios de comunicación de todo o mundo. En 1989, Estefanía lanzou o seu propio perfume homónimo.

Carreira musical esquerda|miniatura|Estefanía de Mónaco en 1986 En febreiro de 1986, Estefanía autoproduciu e publicou o seu primeiro sinxelo coa discográfica francesa Carrere, baixo a produción de Yves Roze. A canción "Ouragan" e a súa versión en Inglés "Irresistible" foron éxitos internacionais, vendendo máis de 2 millóns de copias. "Ouragan" é un dos sinxelos máis vendidos en Francia en toda a historia. O álbum completo Besoin, lanzado como Stéphanie nalgúns países, vendeu máis de 1,5 millón de exemplares, con 100 000 só en Francia.

En xaneiro de 1987, Estefanía lanzou o sinxelo "Young Ones Everywhere" en beneficio de UNICEF. O mesmo ano, trasladouse aos Ánxeles para gravar un novo álbum. O álbum Stéphanie, publicado en 1991, tivo unhas vendas decepcionantes e críticas negativas, a pesar da xira promocional que incluíu unha actuación no programa de Oprah Winfrey. Estefanía rematou así a súa carreira musical despois de gravar "In the Closet" con Michael Jackson para o seu álbum Dangerous. A canción converteuse nun éxito en todo o mundo e entrou no top ten nos Estados Unidos; porén, Estefanía foi acreditada como "Mystery Girl" e a súa participación na canción non se revelou ata uns anos máis tarde.

Fixo unha breve volta á canción en 2006, cando gravou "L'Or de nos vies", un sinxelo benéfico, xunto coa súa fundación para combater a sida.

Vida persoal miniatura|esquerda|100px|Monograma real Stéphanie saíu con Paul Belmondo, Anthony Delon, Rob Lowe, Mario Oliver Jutard e Jean-Yves Le Fur antes de comezar unha relación co seu escolta Daniel Ducruet en 1992.

A parella tivo dous fillos, Louis e Pauline Ducruet, nados en 1992 e 1994 respectivamente no Hospital Princesa Grace en Mónaco. Os nenos foron incluídos na liña de sucesión ao trono monegasco cando Estefanía casou con Ducruet o 1 de xullo de 1995 no concello de Mónaco. A parella divorciouse o 4 de outubro de 1996.https://web.archive.org/web/20170401000303/http://people.com/archive/his-cheatin-heart-vol-46-no-12/

Estefanía deu a luz a súa terceira filla, Camille Gottlieb, o 15 de xullo de 1998 no Hospital Princesa Grace. Aínda que no certificado de nacemento nos se incluíu o nome do pai, sospeitouse dende o principio que era o seu xefe de seguridade Jean Raymond Gottlieb e de feito, a propia Camille recoñeceu a Gottlieb como o seu pai.Instagram Como os seus pais nunca casaron, Camille non está incluída na liña de sucesión ao trono. miniatura|Estefanía e o seu irmán Alberte en agosto de 2013 En 2001, Estefanía comezou unha relación cun adestrador de elefantes casado, Franco Knie, e mudouse cos seus tres fillos á súa caravana de circo. Porén, a relación rematou en 2002, e a familia volveu a Mónaco. O 12 de setembro de 2003, Stéphanie casou co acróbata portugués Adans Lopez Peres, membro do elenco do circo Knie. O matrimonio acabou en divorcio o 24 de novembro de 2004.

Estefanía é a madriña de Andrea Casiraghi, fillo máis vello da súa irmá Carolina.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial do Goberno de Mónaco Páxina oficial da Casa Real de Mónaco Plastic Retro - Music fan site

Categoría:Nados en Mónaco Categoría:Nados en 1965 Categoría:Príncipes de Mónaco Categoría:Personalidades da música