O Hawker Siddeley HS 748 é un avión turbohélice de pasaxeiros de tamaño medio orixinalmente deseñado e fabricado pola compañía británica Avro. Foi o derradeiro avión desenvolvido por Avro antes da súa disolución.
O HS 748 desenvolveuse a finais dos anos 50 como un movemento para reorientar a compañía cara ao mercado civil e a exportación. Impulsado polo popular motor turbohélice Rolls-Royce Dart, deseñouse especificamente como un alimentador moderno substituto do envellecido Douglas DC-3 que na época aínda era moi usado. Orixinalmente planeouse que sentase a un pequeno número de pasaxeiros, pero os estudos de mercado indicaron que unha capacidade de 40 asentos sería óptima para o tipo. Para diferenciar o novo avión dos seus competidores, deseñouse para ter un alto nivel de rendemento, con capacidades para engalaxes e aterraxes curtas (STOL), e unha construción bastante robusta. O seu primeiro voo foi o 24 de xuño de 1960 e a serie 1 HS 748 entrou en servizo no ano seguinte.
Unha vez en servizo, o HS 748 atopou un nicho no mercado de curta distancia. Desenvolvéronse varios modelos distintos do avión rexional, e entre as típicas melloras estiveron a adopción de motores Dart máis potentes e o aumento do peso bruto. A variante máis distintiva foi quizais o HS 780 Andover, un transporte militar desenvolvido para a Royal Air Force (RAF) cunha gran rampla de carga traseira e un tren de aterraxe principal máis baixo para axudar a cargar obxectos voluminosos. En 1988, o ano no que deixou de fabricarse, producíranse 380 unidades entre Hawker Siddeley (a propietaria de Avro) e a compañía india Hindustan Aeronautics Limited (HAL). Durante os anos 90 desenvolveuse unha variante máis grande do, o BAe ATP, como un intento de competir cos líderes do seu mercado, o de Havilland Canada Dash 8 e o ATR 42, pero tivo unha vendas moi limitadas fabricándose só un feixe de unidades.
Desenvolvemento
Antecedentes Tras a publicación en 1957 do Libro Branco de Defensa, no cal o entón ministro de Defensa Duncan Sandys anunciou a finalización de case todos os desenvolvementos de avións militares tripulados, o fabricante Avro decidiu que debería centrarse no mercado civil. Dez anos antes lanzara o avión de pasaxeiros Avro Tudor, pero este modelo tivera vendas moi baixas; así, durante 1958, a empresa decidiu crear un novo deseño a partir de cero, e que finalmente se convertería no HS 748. O 9 de xaneiro de 1959 anunciouse a existencia do proxecto, coñecido entón como o Avro 748."Avro 748." Flight International, 18 de novembro de 1960. p. 783
Nese momento o cuadrimotor Vickers Viscount xa asegurara a meirande parte do mercado de curto alcance, polo que Avro decidiu que deseñaría un avión rexional máis pequeno, impulsado por un par de motores turbohélice Rolls-Royce Dart. A compañía pensou que este avión sería un substituto axeitado para os moitos DC-3 Dakota que na época estaban chegando ao final da súa vida útil. Segundo a publicación Flight International, un dos principais obxectivos do equipo de deseño foi o de producir un avión que fose capaz dende calquera aeródromo no que puidese operar o DC-3."HS.748 looks to the 1980s." Flight International, 22 de maio de 1976. p. 1342
As primeiras intencións para o avión eran que tivese unha capacidade para 20-30 asentos, adoptando unha configuración semellante á do seu futuro rival, o Fokker F27 Friendship; porén, tras discusións con varios clientes potenciais, a compañía optou por unha configuración de á baixa e unha capacidade de 40 asentos. Outro punto importante para o futuro avión era que cumprise cos estándares de aeronavegabilidade tanto británicos como estadounidenses; segundo isto, debería ser un dos primeiros avións de tamaño medio en incorporar principios de deseño de vida segura para a súa estrutura en lugar dos principios comúns que se estaban practicando na época. A fuselaxe carecía efectivamente dunha vida útil imposta; durante o seu desenvolvemento probouse exitosamente usando un tanque de auga chegando ao equivalente a 100 000 horas de voo.
Avro non era a única compañía que vía o potencial dun substituto do DC-3 e, nese momento, o traballo do competidor directo do 748, o F27 Friendship de fabricación neerlandesa, estaba moi avanzado. Para diferenciarse dos seus competidores, Avro decidiu centrar os seus esforzos e acadar un deseño máis robusto que ofrecese un mellor rendemento en engalaxes e aterraxes curtas (STOL), que permitía ao futuro avión ser operado en aeroportos máis pequenos e austeros, incluídos aqueles sen pistas modernas. Esta capacidade STOL conseguiuse grazas a distintas características, como a adopción dunha á longa de elevación alta, que estaba equipada cun único slot flap e cunha lingüeta servo no bordo de saída. Esta á estaba montada abaixo na fuselaxe con diedro dende a raíz, permitíndolle unha boa separación xeral do chan e unha montaxe doada do robusto tren de aterraxe. Operacionalmente, os pilotos podían elixir entre tres configuracións de flaps para a engalaxe para seleccionar o nivel de rendemento STOL requirido.
Outra característica do 748 foi a decisión de adoptar sistemas sinxelos e compoñentes xa probados onde fose posible. A conveniencia do operador, os motores proporcionábanse cun sistema interno de ignición; outros sistemas e estruturas deseñáronse para que fosen doados de inspeccionar e de reparar, incluso en pistas non preparadas con equipamento dispoñible limitado. Probablemente como consecuencia destas cualidades o 748 chamou rapidamente a atención de varias aeroliñas, particularmente daquelas que operaban en áreas remotas.
En voo miniatura|260x260px|Avro 748 Series 1 de BKS Air Transport O 24 de xuño de 1960 o primeiro Avro 748 fixo o seu voo de estrea dende a fábrica da compañía en Woodford, Cheshire. As probas de voo dos prototipos validaron rapidamente o rendemento do avión en pistas curtas. Fabricáronse 18 Avro 748 Series 1; durante o mes de abril de 1962 entregouse o primeiro avión de produción ao seu cliente de estea, Skyways Coach-Air Limited. Porén, a meirande parte das unidades da serie 1 exportáronse a Aerolíneas Argentinas. A principios dos 60 a identidade individual de Avro dentro do Hawker Siddeley Group desapareceu, e a partir dese momento o avión comercializouse como o HS 748.
Tras o grupo inicial da serie 1, a produción pasou á mellorada serie 2. A serie 2 era moi semellante ao seu predecesor pero equipaba o motor Dart RDa 7 Mk 531 con máis potencia e tiña un maior peso. Segundo a publicación Flight International, durante o ano 1960 o prezo básico dun Avro 748 Series 1 novo era de 176 000 libras, mentres que o do Avro 748 Series 2 era de 196 000.
Durante o ano 1967 introduciuse a serie 2A, que basicamente era o mesmo avión con motores Mk. 532 e máis peso. De 1971 en diante estiveron dispoñibles novas opcións para os clientes, como unha gran porta de carga na parte traseira da cabina e un chan reforzado. No ano 1979 chegou a serie 2B, cunha envergadura 4 pés máis longa, a adopción de motores Mk 536-2, unha cabina de pasaxeiros modernizada, e varias melloras no sistema de inxección e no sistema antiincendios dos motores.
En 1976 Eric Johnson, director de enxeñaría de vendas de Hawker Siddeley Manchester, dixo que a compañía estaba estudando opcións para equipar un modelo do HS 748 con motores turboventiladores, e que unha das opcións favoritas nese momento era o Rolls-Royce/SNECMA M45H, como o usado no VFW-Fokker 614. Outros cambios que se poderían incorporar eran a adición de spoilers e freos adaptativos para un mellor rendemento nas aterraxes, mentres que se redeseñarían os sistemas eléctricos, hidráulicos e de aire acondicionado; externamente, tiña que introducirse un diedro para manter o plano de cola libre do escape dos motores. O avión remotorizado podería ofrecer máis capacidade, sentando ata 64 pasaxeiros.
Ademais da liña de produción británica, a fabricación do 748 tamén se realizou no estranxeiro. India realizara pedidos do avión cedo e tanto o 748 Series 1 como o Series 2 fabricáronse baixo licenza pola construtora india Hindustan Aeronautics (HAL). Os avións fabricados por HAL foron designados HAL-748. O 1 de novembro de 1961 o primeiro HAL-748 realizou o seu voo de estrea. A compañía india produciu un total de 89 aparellos, 72 dos cales foron para a Forza Aérea da India e 17 para a aeroliña nacional, Indian Airlines.
Aínda que o HS 748 estaba dirixido principalmente cara ao mercado civil, varias unidades vendéronse a clientes militares de todo o mundo. Hawker Siddeley usou o deseño como base para o HS 780 Andover, un transporte militar desenvolvido e fabricado para a Royal Air Force. O HS 780 era moi semellante ao 748, diferenciándose principalmente na redeseñada parte traseira da fuselaxe e a cola, que incorporaban unha gran rampla de carga e un tren de aterraxe máis baixo para facilitar a carga de obxectos voluminosos.
No o ano 1988 rematou a produción do HS 748, e o 1 de decembro dese ano fixo o seu voo de estrea o derradeiro avión fabricado polos británicos. Segundo BAE Systems, unha das compañías sucesoras de Hawker Siddeley, fabricáronse un total de 381 unidades, incluídos os Andover e os producidos por HAL.
Historial operacional miniatura|260x260px|HS 748 da Forza Aérea de Tailandia Durante a primeira década na que estivo dispoñible, as vendas do HS 748 foron relativamente enérxicas; en 1976 chegouse aos 312 avións vendidos, dos cales 259 vendéronse fóra do Reino Unido. Neses dez anos a India emerxera como o maior mercado para o aparello e Indian Airlines converteuse no principal operador do HS 748, cunha frota de 26 avións."The 748 is Ten." Flight International, 2 de xullo de 1970. pp. 12-13 Fíxose popular entre numerosos operadores comerciais, e só no Caribe e América do Sur había 63 HS 748 operando en 11 aeroliñas.
O HS 748 conseguira algunhas vitorias sobre os seus rivais, entre eles o F27 Friendship. Philippine Airlines era o maior operador do F27 ata que decidiu substituílos, xunto cos DC-3, polo HS 748, representando un gran salto nas vendas. Outros grandes operadores civís foron Aerolíneas Argentinas, VARIG, Thai Airways, LAN Chile e Bouraq Airlines. Varios destes operadores utilizaron as capacidades STOL nos seus servizos; segundo a publicación Flight International ao redor dun terzo das operacións regulares realizábanse en pistas pouco preparadas con instalacións mínimas.
Outro mercado clave para o HS 748 foi o de avións executivos; o tipo foi mercado repetidamente para servir como avión designado a varios xefes de estado, como por exemplo de países como a Arxentina, o Brasil, Chile, a India, Venezuela, Zambia, Tailandia e o Reino Unido. O HS 748 foi un dos últimos avións en ser pilotado polo destacado aviador e home de negocios Howard Hughes. Durante o ano 1972 Hughes realizou varios voos co modelo, en todos eles acompañado polo piloto de probas de Hawker Siddeley Tony Blackman, voando dende o aeroporto da compañía en Hatfield.Blackman 2005, p. 265Hayles-Dutton, setembro de 2020, p. 136
Os militares australianos mercaron varios avións, concretamente a Real Forza Aérea de Australia (RAAF) fíxose cunha frota de dez HS 748, chegando o primeiro deles en 1968 para servir como adestrador de navegación e como transporte VIP. A Real Armada de Australia (RAN) operou dous HS 748 a partir de 1973 como adestradores de navegación. Tras o ciclón Tracy, entregouse axuda en Darwin, Territorio do Norte, usando este modelo. Despois de ser equipados con varias contramedidas electrónicas (ECM) a finais dos anos 70, o HS 748 tamén foi usado como adestrador de guerra electrónica.