Cambre é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2019) ten 24.648 habitantes (23.621 no 2010, 23.231 no 2009, 22.513 no 2007, 22.092 no 2006, 21.523 no 2005, 20.919 no 2004). O xentilicio é /-esa.
Xeografía O concello ten unha superficie de 40,7 km², e abrangue 12 parroquias. Forma parte da rexión histórica das Mariñas dos Freires, caracterizada por unha sucesión de áreas achanzadas con vales moi suaves, sendo a altitude máxima de 130 m. Pertence á zona de influencia marítima, se ben a única parroquia con costa é O Temple. Está atravesado de leste a oeste polo río Mero, que alimenta o encoro de Cecebre.
O municipio ten clima oceánico húmido, con temperaturas son suaves e precipitacións altas. A humidade relativa do aire é elevada, cun índice superior ao 75 %. A vexetación é hidrófila, con bosques e fragas de carballos, piñeiros e eucaliptos.
Integrado na comarca da Coruña, sitúase a 16 km da capital coruñesa. O termo municipal está atravesado pola autovía A-6 entre os pk 575 e 583, ademais de pola autoestrada AP-9, que une A Coruña con Portugal, pola estrada N-550, alternativa convencional á anterior, pola AC-214, que une a N-VI coa N-550, e por outras estradas locais que permiten a comunicación entre as parroquias. En canto á comunicación ferroviaria, o concello conta con dous apeadoiros, un localizado na parroquia de Cambre e outro na de Cecebre; ambos situados na liña férrea de largo ibérico que une León con A Coruña.
Limita ó norte con Oleiros, ó nordeste con Sada, ó leste con Bergondo e Abegondo, ó sur con Carral e ó oeste con Culleredo.
Demografía
Censo total 2019 24.648 habitantes Menores de 16 anos 3 639 (14,76 %) Entre 16 e 64 anos 16 755 (66,98 %) Maiores de 65 anos 4 254 (17,26 %)
Historia Consérvanse antas neolíticas nos límites co concello de Carral. Consérvase un petróglifo no castro de Sigrás. Tamén se conservan restos dos castros de Pravio, Armental, e Fraís, todos eles de tipoloxía clásica: construídos nun outeiro, cun poboado de casas circulares rodeado dun muro defensivo. Posiblemente o concello, actual vía de paso da ruta inglesa do camiño de Santiago, xa fose percorrido por unha antiga vía romana que unía A Coruña e Betanzos.
Cultura e deporte Topónimo O topónimo da vila que dá nome ao concello, Cambre, podería ser de orixe prerromana. O seu significado referiríase a unha poboación ligada a unha altura, unha fortificación ou a un límite entre territorios.
Patrimonio Patrimonio arquitectónico Vila romana de Cambre, datada entre os séculos II e IV. Foi atopada accidentalmente durante unha obra en 1998. Igrexa de Santa María de Cambre: monumento do século XII. Tramo do Camiño Inglés (Camiño de Santiago). Museo Arqueolóxico (cos restos da Vila romana de Cambre e o seu centro de interpretación). Villa Florentina, actual casa museo de Wenceslao Fernández Flórez, situada en San Salvador de Cecebre e dirixida pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez. A escultura de O Paraugas, construída entre 1945 e 1949 e situada nunha rotonda no Temple preto da ponte medieval do Burgo.En 2014, no marco de obras realizadas pola Xunta de Galicia para mellorar a seguridade viaria, a escultura tivo que ser demolida (pois non puido ser conservada debido ó seu mal estado de conservación), para ser posteriormente substituída por unha réplica realizada en materiais máis resistentes á degradación. Casa Arrigada, casa modernista de 1912 da que se descoñece o arquitecto. Describe unha planta rectangular con planta baixa e dous andares. A fábrica é de cemento revocado e está pintada de verde e ocre. Os balcóns e cornixas aparecen finamente decorados: os motivos fundamentais son habituais do modernismo a saber, naturais (exaltación da natureza), musicais e figuras alegóricas. Actualmente funciona como Casa da Xuventude e unha das sedes da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Casa Bailly: Vivenda modernista no Graxal (parroquia do Temple) con dous corpos divididos en dúas alturas, de andar case cadrado, con faiado e soto. Orixinalmente a mansión, que posuía 22 habitacións, formaba parte dun complexo que se atopaba dentro dun terreo con 30.000 metros cadrados. Contaba tamén cunha vivenda para o chofer e o xardineiro.
Patrimonio natural Contorno do río Mero. Encoro de Cecebre, que é unha zona especial de conservación (ZEC). Construíuse en 1975 na confluencia entre o río Mero e o río Barcés. Paisaxes que se estenden entre Cecebre e Bribes, que coas súas fragas inspiraron ó escritor, periodista e humorista coruñés Wenceslao Fernández Flórez a escribir a famosa novela El bosque animado (1943), que inspirou á súa vez varios filmes de título homónimo como o de José Luis Cuerda de 1987 (El bosque animado) e a de animación de Ángel de la Cruz e Manolo Gómez de 2001 (O bosque animado).
Eventos culturais
Rock in Cambre: Festival de música rock celebrado anualmente no mes de agosto dende 1992. A entrada é de balde. Galaicoi: Romaría de temática Castrexo-Romana anual celebrada por primeira vez no ano 2016. Entre as actividades que se realizan, destaca a representación de batallas entre romanos e castrexos do século I d.C. Durante o evento, as asociacións do concello poden solicitar ocupar unha das múltiples cabanas que se erixen en representación do poboado castrexo. Open Science: Feira de ciencia aberta organizada anualmente dende 2018 pola asociación xuvenil Xente de Ciencia, vencellada ó IES David Buján. Ó encontro acuden estudantes de institutos de secundaria galegos e internacionais, así como distintas asociacións adicadas á investigación e divulgación científica.
Deporte Os equipos deportivos máis destacados son o Sporting Cambre, o Club Ciclista de Cambre, o Brexo-Lema S.D., Once Caballeros C.F. do Temple, Club Baloncesto Cambre, Towers Football, Hockey Club Cambre, entre outros.
Administración e política
Eleccións municipais 2023 O Pleno de Cambre consta de 21 escanos. Nas eleccións municipais de 2023 a forza máis votada foi Unión por Cambre (UxC), que obtivo 3370 votos e 7 concelleiros. Ademais de UxC obtiveron representación o Partido Popular de Galicia (PPdeG) (2423 votos, 5 concelleiros), Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE) (1728 votos, 4 concelleiros), Bloque Nacionalista Galego (BNG) (1492 votos, 3 concelleiros) e Alternativa dos Veciños (AV) (en cuxa lista se integraran Olga Santos e Loreto Taibo, números un e dous respectivamente na lista de Esquerda Unida nas eleccións anteriores) (1182 votos, 2 concelleiros). Nestas eleccións quedaron sen representación VOX (426 votos), Unidade Local (405 votos), Podemos Galicia (170 votos), Cidadáns-Partido da Cidadanía (168 votos) e AEQUALITATEM (16 votos). miniatura|Logo empregado alternativamente ó escudo polo concello de Cambre. Na actualidade, o partido que goberna é o PP, con Diana Piñeiro Fernández na alcaldía, quen tomou o cargo en minoría tras as sucesivas dimisións do alcalde electo, Óscar García Patiño, e da súa substituta María Pan Lesta, ambos de UxC.
Parroquias miniatura|dereita|As doce parroquias que conforman o concello de Cambre.
Lugares de Cambre Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cambre vexa: Lugares de Cambre.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Eleccións municipais en Cambre
Ligazóns externas Fondo de fotografía histórica. Fototeca do Concello de Cambre
Categoría:Cambre Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía