miniatura|Sima Samar con Hillary Clinton e outras políticas afgás en 2011 Sima Samar (), nada o 3 de febreiro de 1957, é unha activista dos dereitos humanos e política afgá que foi ministra de Asuntos de Mulleres de Afganistán entre decembro de 2001 e 2002, presidenta da Comisión Independente de Dereitos Humanos de Afganistán e relatora especial da ONU sobre a situación dos dereitos humanos no Sudán (2005-2009).
Traxectoria Samar naceu no distrito de Jaghori da provincia de Ghazni no seo dunha familia hazara. Estudou medicina na Universidade de Cabul e tras licenciarse en febreiro de 1982 practicou a medicina nun hospital público en Cabul, pero logo dalgúns meses houbo de fuxir á súa terra natal para manter a súa seguridade. En Jaghori proporcionou tratamento médico os habitantes das zonas remotas da rexión.
En 1984 o réxime comunista arrestou o seu marido e Samar, co seu fillo, fuxiu ao veciño Paquistán e traballou como doutora entre os campos de refuxiados afgáns. Diante a total falta de instalacións sanitarias para as mulleres afgás refuxidas fundou en 1989 a Organización Shuhada que estableceu unha clínica en Quetta dedicada a prestar coidados sanitarios ás mulleres e nenas afgás, así como formación para o persoal sanitario e apertura de escolas nos campos de refuxiados e posteriormente en zonas rurais de Afganistán. Nos anos seguintes a clínica abriu sucursais ao longo de Afganistán e durante o réxime dos talibán tamén estableceu escolas clandestinas para a educación das nenas afgás. En 2012 Shuhada mantiña máis dun cento de escolas e 15 clínicas e hospitais.
En decembro de 2001 volveu a Afganistán para exercer como vicepresidenta e ministra de Asuntos das Mulleres no goberno de transición de Hamid Karzai entre o 22 de decembro de 2001 e o 22 de xuño de 2001 mais houbo de dimitir do seu cargo por opoñerse ao poder dos señores da guerra no seo do goberno e ao acusala o fiscal xeral do país de blasfemia por supostamente declarar nunha entrevista que non cría na xaría.
Samar dirixiu a Comisión Independente de Dereitos Humanos de Afganistán ata xullo de 2019. En 2010 estableceu a Universidade de Gawharshad que ao pouco tiña 1200 estudantes. En 2019 o secretario xeral das Nacións Unidas António Guterres designouna como unha dos oito integrantes do Panel de alto nivel sobre desprazamentos internos, baixo a dirección de Federica Mogherini e Donald Kaberuka"High-Level Panel on Internal Displacement" ONU, 3 de decembro de 2019 e o 18 de setembro de 2019 o presidente Ashraf Ghani nomeouna enviada especial do presidente e ministra de Estado para os dereitos humanos e relacións internacionais.
Notas
Categoría:Ministros de Afganistán Categoría:Médicos de Afganistán Categoría:Nados en 1957 Categoría:Nados en Afganistán Categoría:Activistas de Afganistán