Guy Picciotto é un músico estadounidense de Washington, D.C. É coñecido por pertencer á banda de rock Fugazi coma vocalista e guitarrista.
A pesar de non estar na formación orixinal de Fugazi, el uniuse á banda nos seus inicios e aparece en todas as súas gravacións de estudio. Picciotto foi tamén o líder da importante banda Rites of Spring de 1984 a 1986.
En maio do ano 2012, xunto co seu compañeiro en Fugazi Ian MacKaye, a revista Spin situouno no número 86 da súa lista dos 100 mellores guitarristas de todos os tempos.
Traxectoria
Rites of Spring e primeiros proxectos A carreira musical de Picciotto comezou en 1985 coa banda Rites of Spring. Como parte da escena post-hardcore de Washington, D.C., Rites of Spring incrementou a frenética violencia e a paixón visceral do hardcore punk á vez que experimentou coas súas regras compositivas. Picciotto, como letrista da banda, ademais de ser o seu vocalista e guitarrista, tamén trasladou o hardcore cara ámbitos máis persoais, sendo acreditado por iso como un dos creadores do emo.
Nos seus primeiros anos Picciotto tamén participou nos grupos Insurrection (1982), onde tocaba a guitarra, One Last Wish (1986), Happy Go Licky (1987-1988), Brief Weeds (con EPs editados sobre 1991-1992) e The Black Light Panthers (un proxecto esporádico creado en 1982), estando nas dúas últimas con Brendan Canty. Tamén creou un selo discográfico chamado Peterbilt Records, que publicou vinilos en edicións limitadas de álbum de bandas como Rain, Happy Go Licky e Deadline, e anos máis tarde participou no lanzamento do álbum 1986 de One Last Wish, xunto con Dischord Records.
Fugazi Aínda que non estaba na formación orixinal de Fugazi, Picciotto uniuse moi cedo na carreira do grupo, cantando con eles no seu segundo concerto e aparecendo en todas as gravacións de estudio da banda.
A partir do álbum Repeater, asumiu as tarefas de segunda guitarra, tocando guitarras Rickenbacker con agudos característicos. Despois de sete álbums e varias xiras, Fugazi fixo unha "pausa indefinida" en 2003.
Proxectos paralelos e traballos de produción Picciotto colaborou e actuou con Mats Gustafsson, Vic Chesnutt e membros de The Ex, entre outros. Produciu numerosos álbums, incluíndo o disco de éxito de The Gossip Standing in the Way of Control, así como Melody of Certain Damaged Lemons (2000) e Misery Is a Butterfly (2004) de Blonde Redhead, o último álbum de The Blood Brothers, Young Machetes, e Cost of Living (2017) de Downtown Boys, así como dous discos para The Casual Dots, o seu álbum de estrea homónimo, e o seguinte Sanguine Truth (2022). Ademais, Picciotto produciu cinco álbums do dúo Xylouris White: Goats (2014), Black Peak (2016), Mother (2018), The Sisypheans (2019) e The Forest In Me (2023). Picciotto tamén coproduciu o primeiro álbum en solitario do batería Jim White, All Hits: Memories (2024).
Picciotto tocou nos álbums de Vic Chesnutt North Star Deserter (2007) e At the Cut (2009), e acompañouno en xiras por Europa e América do Norte. Coproduciu as películas Chain e Museum Hours con Jem Cohen (que fixo a película Instrument de Fugazi).
En 2012, Howard Bilerman entrevistou a Picciotto no escenario do festival Pop Montreal sobre as súas experiencias na industria musical. O 24 de xaneiro de 2020 Guy apareceu nun episodio de Live From the Barrage para unha ampla conversa que foi a súa primeira entrevista longa en bastante tempo.
Notas
Picciotto, Guy Categoría:Cantantes de Washington, D.C. Categoría:Nados en Washington, D.C. Categoría:Nados en 1965